Jesús Ares Otero, nado en Foz o 20 de novembro de 1933 e finado o 8 de novembro de 2024, foi un futbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no equipo xuvenil do Foz, pasando logo ao primeiro equipo. Aos 16 anos foi estudar a Lugo e fichou pola Ximnástica Lucense, que lle pagaba os seus estudos. Con este club debutou na Segunda División, nun partido diante do Lleida, e a continuación disputou a promoción de permanencia, sen éxito.
Durante as tempadas 1952/53 e 1953/54 militou no Racing de Ferrol, tamén de Segunda, época na que aproveitou para realizar o servizo militar e estudar Comercio. A finais de marzo de 1954 fichou polo Celta de Vigo ao igual que Blas Artime, tamén procedente do Racing.
Debutou co Celta o 4 de abril de 1954 en Valencia, porén sería o único encontro que disputou esa tempada. Pese a que as primeiras tempadas non xogou demasiado na 1956/57 consagrouse no centro do campo do equipo xunto a Che Gutiérrez, dirixido por Alejandro Scopelli.
Ao finalizar esa tempada foi traspasado ao Atlético de Madrid por un prezo de 1 250 000 pesetas, porén non tivo continuidade en Madrid, polo que fichou polo CD Málaga da Segunda División. A continuación xogou catro tempadas no Salamanca e tres no Langreo, ata a súa retirada dos campos en 1966.
Tras deixar o fútbol foi armador de pesca e dirixiu dous barcos, o Siempre Quintanero e o Eliseo Quintanero, con base no porto da Coruña e que traballaban principalmente no Gran Sol.
Vida persoal Casou en 1961 coa ponferradina Rosario Pardo Prada, coa que tivo tres fillos: Ana, Jesús e Celia.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Ficha do xogador en Bdfutbol .
Categoría:Nados en 1933 Categoría:Nados en Foz Categoría:Finados en 2024 Categoría:Futbolistas de Foz Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do CD Málaga Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores do UP Langreo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes