A orde sacerdotal, na Igrexa ortodoxa, na Igrexa católica e na comuñón anglicana é un sacramento mediante o cal un varón recibe a través da Igrexa un don do Espírito Santo ao servizo da comunidade eclesiástica e de todos os homes consistente na función de ensino, a entrega da vida aos demais en plenitude e, moi particularmente, a consagración da Eucaristía e a administración do sacramento da reconciliación ou penitencia mediante o cal Deus perdoa o pecado a través da asemblea (ecclesia) de crentes.
Este sacramento é un don e un servizo que implica un cargo e unha función: o sacerdocio especial fronte ao sacerdocio xeral de todo bautizado. Como tal don, o sacerdocio non actúa en virtude dun poder propio do sacerdote ou da súa perfección moral ou virtude persoal, senón como servidor a través do cal, dun xeito singular, se transmite o poder curador e transformador de Cristo. O sacerdote non é un mediador, pois só Cristo o é, pero representa a Cristo nas celebracións litúrxicas, facendo patente a presenza deste no medio da asemblea. Segundo Tomé de Aquino só Cristo é o verdadeiro sacerdote, os demais son ministros seus.
Graos da Orde sacerdotal Diaconado O Diácono está ao servizo da Palabra, da caritas (amor) e da liturxia. É unha vocación independente para célibes e casados. Presbiterado O presbiterado fai ao sacerdote colaborador especial do bispo anunciando a Boa Nova do amor curador de Deus (Evanxeo), administrando os sacramentos e especialmente os sacramentos que só pode ser celebrados por un presbítero: a Eucaristía e a penitencia ou reconciliación. Na Igrexa católica de rito latino, só pode ser presbítero un ceibe (célibe). A maioría das igrexas católicas orientais, as igrexas ortodoxas, as igrexas anglicanas e o luteranismo admiten ao presbiterado tamén a varóns casados.
Episcopado É a plasmación da sucesión apostólica. Recíbese doutros bispos en canto que sucesores dos apóstolos mediante a imposición das mans continuando unha cadea ininterrompida. Nel un presbítero constitúese en principio visible e fundamento dunha Igrexa Local. Nas Igrexas Ortodoxas, por riba dun bispo só está un patriarca, na Igrexa católica só está o bispo de Roma en canto que sucesor de San Pedro Apóstolo, que preside o colexio episcopal.
Aínda que Paulo de Tarso só esixía que o bispo fora home "dunha soa muller", a praxe de elixir o pobo bispos de entre os monxes consolidou a norma de que todos sexan ceibes.
A muller e o sacerdocio A muller, en virtude do bautismo é sacerdote pois, ao igual que o varón, participa no sacerdocio universal dos fieis. Porén, agás na Igrexa Anglicana, onde avanza con polémica a súa incorporación ao sacerdocio singular, nas demais igrexas onde existe este sacramento é marxinada e se lle nega o recoñecemento deste carisma. Arguméntase que, entre os apóstolos escollidos por Xesús de Nazaret, só había varóns e que o sacerdocio non é un poder senón un servizo, polo que non existe discriminación. Tal posición suscita debates teolóxicos, particularmente na Igrexa Católica, cuxa xerarquía é acusada de perpetuar unha estrutura machista e patriarcal contraria á relación aberta que Xesús tivo coas mulleres segundo os Evanxeos.
Véxase tamén Bibliografía Código de Dereito Canónico Catecismo da Igrexa Católica Karl Christian Felmy, Teología Ortodoxa actual. Salamanca 2002. ISBN 84-301-1443-2. Timothy Ware, The Ortodox Church. Londres 1997, Pelikan Books. Daiarmaid MacCulloch, Historia de la Cristiandad, px. 528. Barcelona 2011. ISBN 978-84-9992-012-2.
Categoría:Cristianismo