Antropoceno é o nome que se lle deu a unha nova época xeolóxica proposta por algúns científicos. Esta época comezaría cando as actividades humanas empezaron a ter un impacto global significativo sobre os ecosistemas e a xeoloxía da Terra. Con todo, esta proposta foi rexeitada pola Comisión Internacional de Estratigrafía e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas en 2024, polo que o nome non foi recoñecido oficialmente en xeoloxía.
O proceso da proposta comezara en 2008, cando se presentou unha proposta na Comisión de Estratigrafía da Sociedade Xeolóxica de Londres para facer do Antropoceno unha unidade formal na división das épocas xeolóxicas. Por ampla maioría, a Comisión decidiu que a proposta merecía ser examinada. Daquela fixéronse traballos por grupos científicos que traballaron de xeito independente en varias sociedades xeolóxicas para determinar se o Antropoceno debería ser aceptado ou non formalmente na escala de tempo xeolóxica.
O Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) reuniuse a mediados de 2016 para analizar as probas e valorar se o Antropoceno era unha verdadeira época xeolóxica. A proposta foi revisada pola Comisión Internacional de Estratigrafía ese mesmo ano. Unha vez aprobada alí, a proposta para adoptar o termo tería que ser ratificada pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas antes da súa adopción formal como parte da escala de tempo xeolóxico.http://gizmodo.com/new-evidence-suggests-human-beings-are-a-geological-for-1751429480 En maio de 2019, o Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) votou a favor de enviar unha proposta formal á Comisión Internacional de Estratigrafía (ICS) en 2021, situando os posibles marcadores estratigráficos na metade do século XX. Este período coincide co inicio da chamada Grande aceleración, un período de tempo posterior á segunda guerra mundial durante o cal as tendencias dos sistemas da Terra e socioeconómicos se incrementaron de xeito drástico, e co da era atómica.
O termo "Antropoceno", xa utilizado por científicos soviéticos na década de 1960 para referirse ao Cuaternario, o período xeolóxico máis recente, foi acuñado cun sentido distinto na década de 1980 polo ecólogo Eugene F. Stoermer. Foi popularizado posteriormente polo químico atmosférico Paul J. Crutzen. Este consideraba que a influencia do comportamento humano sobre a atmosfera da Terra nos séculos recentes é tan significativa que permite constituír unha nova época xeolóxica. Un artigo de xaneiro de 2016 da revista Science, no que se investigaba as sinaturas climáticas, biolóxicas e xeoquímicas da actividade humana nos sedimentos e núcleos de mostras de xeo, suxerían que o intervalo desde mediados do século XX debería ser recoñecido como unha época xeolóxica distinta do holoceno.
Malia non estar oficializado, na literatura científica empezou a estenderse o uso do termo "Antropoceno", e a Geological Society of America titulou a súa xuntanza anual de 2011 Archean to Anthropocene: The past is the key to the future. Non hai acordo sobre a data en que comeza o Antropoceno, mais algúns científicos propuxeron baseándose base nas evidencias atmosféricas, que se pode considerar que empeza coa Revolución Industrial, a finais do século XVIII. Outras teorías ligan o termo a eventos máis antigos, como a Revolución Neolítica, hai arredor de 12.000 anos. As probas sobre o impacto humano relativo, como a influencia do aumento do uso da terra, os ecosistemas, a biodiversidade e a extinción de especies, son controvertidas. Tamén se cre que o impacto humano cambiou significativamente o crecemento da biodiversidade, ou mesmo chegou a detela. Quen consideran que empeza en datas máis antigas sitúan o inicio do Antropoceno entre 14.000 a 15.000 anos atrás, segundo probas litosféricas. Isto fixo tamén suxerir que "o comezo do Antropoceno debería retrotraerse moitos miles de anos"; de modo que sería case síncrono co termo actual holoceno (practicamente serían sinónimos).
En xaneiro de 2015, 26 dos 38 membros do Grupo Internacional de Traballo do Antropoceno (International Anthropocene Working Group, IAWG) publicaron un artigo no que se propoñía que a proba nuclear Trinity, realizada o 16 de xullo de 1945, fose o punto de inicio da nova época.Was first nuclear test the start of new human-dominated epoch, the Anthropocene? Universidade de California, Berkeley News Centre, 2015-1-16 Porén, unha significativa minoría apoia algunha das diversas datas alternativas que tamén se propuxeron. En marzo de 2015, un artigo publicado en Nature suxería que os anos 1610 ou 1964 poderían tomarse como o inicio do Antropoceno. Outros expertos sinalaron o carácter diacrónico dos estratos físicos do Antropoceno e argumentaron que o comezo e o impacto se estenden no tempo e non son reducíbles a unha soa data de comezo.
Dos doce sitios candidatos seleccionados como posibles "cravos de ouro" ou Sección Estratotipo e Punto Límite Global (Global Boundary Stratotype Section and Point, GSSP), escolleuse propoñer finalmente os sedimentos de Crawford Lake do Canadá, en xullo de 2023, para marcar os límites do Antropoceno, que empezaría co piso/idade Crawfordiano en 1950. En marzo de 2024, despois de 15 anos de deliberación, a proposta para oficializar a época Antropoceno da AWG foi votada e rexeitada por ampla marxe pola Subcomisión de Estratigrafía do Cuaternario (SQS), debido principalmente ao seu escaso rexistro sedimentario e a data de comezo proposta extremadamente recente. A Comisión Internacional de Estratigrafía (ICS) e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) confirmaron despois formalmente, en votación case unánime, o rexeitamento da proposta da AWG de que se incluíse a época do Antropoceno na escala de tempo xeolóxica.[The Anthropocene: IUGS-ICS Statement. 20 de marzo de 2024 https://www.iugs.org/_files/ugd/f1fc07_ebe2e2b94c35491c8efe570cd2c5a1bf.pdf ] A declaración da IUGS sobre o rexeitamento concluía o seguinte: "Malia o seu rexeitamento como unidade formal da escala de tempo xeolóxica, o Antropoceno continuará, non obstante, usándose non só polos científicos ambientais e da Terra, senón tamén polos científicos sociais, políticos e economistas, así como polo público en xeral. Permanecerá como un valioso descritor do impacto humano no sistema Terra."
Etimoloxía
O nome Antropoceno é unha combinación das raíces gregas: anthropo- (ἄνθρωπος ) que significa "ser humano" e -ceno (de kainos), que significa "novo". Todas as épocas da era cenozoica rematan en "-ceno".
O biólogo Eugene Stoermer acuñou orixinalmentre o termo, pero Paul J. Crutzen reinventouno independentemente e popularizouno. Stoermer escribiu, "Empecei a usar o termo 'Antropoceno' na década de 1980, pero nunca o formalicei ata que Paul contactou comigo". Crutzen explicou, "Foi nunha conferencia onde alguén dixo algo sobre o holoceno. De repente pensei que estaba errado. O mundo cambiara demasiado. Así que dixen: 'Non, estamos no Antropoceno.' Simplemente, inventei a palabra de improviso. Todo o mundo quedou estupefacto. Pero parecía que impactara." O termo usouse primeiro en 2000 por Crutzen e Stoermer nun boletín do Programa Biosfera-Xeosfera Internacional (International Geosphere-Biosphere Programme). En 2008, Zalasiewicz suxeriu en GSA Today que unha época co nome Antropoceno é agora apropiada.
Xa en 1873, o xeólogo italiano Antonio Stoppani decatándose do incremento do poder e do efecto da humanidade sobre os sistemas da Terra denominouna 'era antropozoica'. Un termo similar, homoxenoceno (do grego antigo homo-, igual, e xeno-, tipo, kainos-, -ceno, novo [período]), foi usado por primeira vez por Michael Samways no seu artigo editorial no Journal of Insect Conservation (1999) titulado "Translocating fauna to foreign lands: here comes the Homogenocene". Samways usou o termo para definir a nosa época xeolóxica actual, na cal a biodiversidade está diminuíndo e os ecosistemas arredor do globo fixéronse máis similares entre si. O termo foi utilizado por John L. Curnutt en 2000 en Ecology, nunha curta lista titulada, "A Guide to the Homogenocene." Curnutt estaba facendo unha revisión do traballo de George Cox titulado Alien species in North America and Hawaii: impacts on natural ecosystems. Andrew Revkin acuñou o termo antroceno no seu libro Global Warming: Understanding the Forecast (1992), no cal escribiu: "estamos entrando nunha idade que podería algún día ser denominada, digamos, o antroceno. Despois de todo, é unha idade xeolóxica da nosa propia creación." O nome evolucionou a "Antropoceno", que parece un termo máis axeitado para o seu uso técnico.
Natureza dos efectos humanos miniatura|300px|A Terra de noite, unha imaxe nocturna composta do mundo durante o Antropoceno.
Biodiversidade
O impacto humano sobre a biodiversidade é un dos atributos principais do Antropoceno. A actuación da humanidade deu inicio ao que ás veces se chama a sexta grande extinción da Terra.Leakey, Richard, and Roger Lewin. "The sixth extinction." Weidenfeld and Nicolson, Londres (1995). A maioría dos expertos concordan en que as actividades humanas aceleraron a taxa de extinción de especies. A taxa exacta é discutida, quizais é de 100 a 1000 veces maior á taxa de fondo de extinción normal. En 2010 un estudo publicado en Nature atopou que o "fitoplancto mariño – a gran variedade de especies de algas que supoñen aproximadamente a metade do total da biomasa fotosintética da Terra – diminuíu substancialmente nos océanos do mundo durante o pasado século. Só desde 1950, a biomasa de algas decreceu un 40%, probablmente en resposta ao quecemento do océano, e este declive aumentou o seu ritmo nos anos recentes. Algúns autores postularon que sen o impacto do home a biodiversidade do planeta continuaría crecendo a un ritmo exponencial, o que implica que as actividades humanas aceleran ou exacerban o quecemento global. Os incrementos nas taxas globais de extinción empezaron a elevarse desde polo menos o ano 1500, e parece que se aceleraron desde o século XIX en adiante.
Un artigo de opinión publicado o 13 de xullo de 2012 en New York Times polo ecoloxista Roger Bradbury predicía o fin da biodiversidade nos océanos, sinalando que os arrecifes de coral están condenados: "Os arrecifes de coral serán os primeiros, pero de seguro que non os últimos grandes ecosistemas que sucumbirán ao Antropoceno." Este artigo axiña xerou grandes discusións entre os conservacionistas; The Nature Conservancy rebateu a Bradbury na súa páxina web, defendendo a súa posición de protexer os arrecifes de coral a pesar dos impactos humanos continuados que causan a súa decadencia.
Nun par de estudos publicados en 2015, a extrapolación da extinción observada nos caracois de Hawai levou á conclusión de que "a crise de biodiversidade é real", e que o 7% de todas as especies da Terra puideron ter desaparecido xa. A predación humana pode considerarse como algo único na historia da vida na Terra, xa que está globalmente distribuída e o home funciona como un gran "superdepredador", que mesmo depreda os adultos doutros superdepredadores e con amplos impactos sobre as redes tróficas en todo o mundo.
Bioxeografía
Os cambios permanentes na distribución dos organismos debido á influencia humana serán identificables no rexistro fósil xeolóxico. Está documentado que moitas especies se moveron a rexións que antes eran demasiado frías para elas, a miúdo a velocidades maiores do agardado inicialmente. Isto ocorreu en parte como resultado da evolución do clima, mais tamén en resposta á agricultura e pesca, e á introdución accidental de especies non nativas en novas áreas debido ás viaxes e transporte global.
Clima