A trilladeira pataqueira (Microtus arvalis) é unha especie de roedor da familia Cricetidae amplamente distribuído por Europa e algunhas zonas de Asia central.
Descrición É un pequeno roedor, de 8–13 cm de lonxitude, dos que un cuarto corresponde a unha curta cola. De constitución masiva, con orellas curtas, nada sobresaíntes e cabeza ancha. A cor dorsal é parda-amarelada, e a ventral branca-cinsenta; os exemplares novos son grises e non hai dimorfismo sexual en canto a cor e porte. É moi semellante ao Microtus agrestis, do que se distingue con dificultade.
Hábitat e xeito de vida Trátase dun herbívoro estrito, de hábitos diúrnos, que se alimenta preferentemente de dicotiledóneas. Pode ser praga dos cultivos, sobre todo dos de regadío.
Fai o seu niño nunha cavidade esférica subterránea, a 30–50 cm de profundidade, que comunica co exterior por varias galerías. Na superficie percorre sempre as mesmas rutas, dando lugar a sendeiros recoñecibles entre a vexetación.
Reprodución e cría Trátase dunha especie polixínica, na que cada macho fecunda un certo número de femias. Cada femia está dotada de catro pares de mamas, e pare cada vez entre 2 e 11 crías, despois dunha xestación de 21 a 22 días. No val do Douro, as condicións climáticas permiten que a reprodución se dea durante todo o ano, mais non é así nos Pireneos ou Europa Central. As femias acadan a madurez sexual nun só mes, os machos en dous.
Demografía A mortalidade nas primeiras fases da vida é moi elevada, pero cando as circunstancias son favorables, con poucos depredadores e moito alimento, a elevada taxa de natalidade facilita que se produzan explosións demográficas. O rápido crecemento e maduración permiten que se sucedan varias xeracións nun mesmo ano.
Distribución A subespecie típica, M. arvalis arvalis, esténdese desde Rusia Central, a través de Europa Central, até a costa atlántica de Francia. Alcanza a Península Ibérica, encontrándose nos Pireneos Occidentais e Centrais. Está ausente nas Illas Británicas, nas rexións setentrionais e na Europa Mediterránea. A subespecie ibérica, M. arvalis asturianus, de tamaño algo maior, estendíase polas montañas que rodean o val do Douro, pero desde 1980 a súa área expandiuse ás terras baixas e polo Sistema Ibérico.
Pragas As poboacións do Douro presentan desde hai 20 anos ciclos demográficos coñecidos semellantes a outras especies da subfamilia dos arvicolinos, con oscilacións periódicas tipicamente de tres ou catro anos. En condicións normais, a densidade típica é de 5-10 individuos por hectárea, pero nos máximos pode superar amplamente os 200 individuos/ha. Na fase normal os machos son moi territoriais; durante as fases de explosión demográfica a organización social debilítase. O hábitat normal son as manchas de vexetación natural herbácea ou de matogueira, pero cando crece a densidade esténdese practicamente a todos os ambientes, dentro da súa área de distribución.
Poden transmitir enfermidades ao ser humano como a tularemia, tanto por contacto directo como por po que tocaron.
En 2007 os campos de Castela e León (España) víronse seriamente prexudicados por este pequeno roedor. No val do Douro e nas montañas circundantes existe unha subespecie propia, algo maior que a típica, e calcúlase que en agosto de 2007 o número de exemplares era de 750 millóns, ocupando unha extensión de 2 millóns de hectáreas.
Galería
Referencias
González-Esteban, J. & Villate, I. () "Microtus arvalis (Pallas, 1778). Topillo campesino" en Atlas de mamíferos terrestres, Inventario Nacional de Biodiversidad. Ministerio de Medio Ambiente, Madrid. Véxase tamén
Ligazóns externas Microtus arvalis no Atlas da biodiversidade do Ministerio de Medio Ambiente de España (MMA). Dentadura e cranio da trilladeira pataqueira. No apartado de rastros de mamíferos do sitio Barbastella. Control biológico de la plaga de topillos Editado por GREFA, 2010. M. arvalis (como M. asturianus Miller e M. arvalis meridianus Miller) en "Fauna ibérica; mamíferos". Ángel Cabrera Latorre. 1914. Facsímile electrónico. Microtus (Microtus) arvalis en WILSON, Don E.; REEDER, Dee Ann M. (eds.): "Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference". 3ª ed. Johns Hopkins University Press. Baltimore. 2005. Visto o 8 de abril de 2016.
Categoría:Roedores Categoría:Animais descritos en 1778