José Ángel Esmorís Tasende, coñecido como Angeliño, nado en Silván (Erbecedo, Coristanco) o 4 de xaneiro de 1997, é un futbolista galego que xoga de lateral esquerdo no Deportivo da Coruña, da Primeira División, cedido pola Roma. Formado nas canteiras do Bergantiños e do Deportivo da Coruña, desenvolveu a súa carreira como profesional en clubs de sete países diferentes, vestindo as camisetas de Manchester City, New York City, Girona, Mallorca, NAC Breda, PSV Eindhoven, RB Leipzig, Galatasaray e Roma.

É irmán do tamén futbolista Dani Tasende, xogador do Córdoba.

Traxectoria Primeiros pasos Angeliño uniuse ó Deportivo da Coruña en 2007 con dez anos de idade, tras comezar a xogar ó fútbol nas Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz do Bergantiños. Ocupou varias posicións comezando de porteiro, ata que no Deportivo asentouse definitivamente como lateral esquerdo. Xogou durante seis anos nas categorías inferiores do club herculino.

Manchester City (1ª etapa) O 8 de xullo de 2012 asinou un contrato de catro anos co Manchester City, facéndose efectivo en xaneiro do ano seguinte. Inicialmente asignado ó equipo sub-18, xogou regularmente co equipo de reservas na Premier League sub-21 con só dezaseis anos. Co club inglés disputou a Liga Xuvenil da UEFA, onde foi elixido no once ideal.

0 2 de decembro de 2014 foi convocado como suplente do primeiro equipo por Manuel Pellegrini no partido que gañou o Manchester City por 1–4 no campo do Sunderland.

Cesión ao New York City Foi cedido ó New York City FC en 2015. Debutou co equipo profesional o 12 de xullo de 2015 no empate 4–4 contra o Toronto FC. O seu primeiro partido como titular foi contra o New England Revolution, xogando os 90 minutos. Co equipo neoiorquino xogou un total de 14 partidos e deu 4 asistencias.

Regreso a Manchester Tras rematar a súa cesión volveu a Manchester, onde continuou xogando na Premier League sub-21. Ademais o 30 de xaneiro de 2016 debutou co primeiro equipo na vitoria na casa do Aston Villa por 0–4 nunha eliminatoria da FA Cup, substituíndo a Clichy no minuto 81. Ese mesmo ano debutou en competición europea da man do adestrador Pep Guardiola, nun partido de clasificación para a Liga de Campións, no que o seu equipo venceu ao Steaua Bucarest no Etihad Stadium.

Cesión ao Girona e ao Mallorca esquerda|miniatura|Angeliño en 2014. A finais de decembro de 2016 foi presentado como novo xogador do Girona en calidade de cedido, pero só un mes despois, e sen chegar a debutar por mor de desacordos entre o Girona e o City, deixou o equipo, sendo cedido ao Mallorca. No equipo balear xogou 17 partidos e viviu o descenso á Segunda División B ao final da tempada.

Cesión ao NAC Breda Na tempada 2017/18 xogou no NAC Breda na Eredivisie, a primeira división do fútbol neerlandés. No equipo de Breda disputou de xeito íntegro todos os partidos de liga e copa, anotou tres goles, deu seis asistencias, foi elixido catro veces "talento do mes" e finalmente foi incluído no once ideal da propia liga. As súas boas actuacións fixeron que o PSV Eindhoven lle ofrecese ao City sete millóns de euros polo seu traspaso.

PSV Eindhoven No PSV foi titular indiscutible durante toda a tempada 2018/19, disputando de inicio todos os partidos da liga neerlandesa e da Liga de Campións. Nesta última competición debutou o 18 de setembro de 2018, na derrota por 4-0 do seu equipo fronte ao FC Barcelona no Camp Nou. En total entre as dúas competicións anotou un gol e repartiu once asistencias, logrando finalmente o subcampionato de liga.

Manchester City (2ª etapa) O seu rendemento nos Países Baixos fixo que Txiki Begiristain, director deportivo do Manchester City, o volvese chamar para o club adestrado por Guardiola, exercendo en xullo de 2019 a opción de recompra que mantiñan. Asinou un contrato por catro anos. Un mes despois da súa chegada gañou o seu primeiro título, a FA Community Shield, despois de derrotar o Liverpool, aínda que Angeliño quedou no banco durante o partido disputado no Wembley Stadium. No club inglés dispuxo de poucos minutos, disputando só seis partidos de liga na primeira metade da tempada 2019/20, polo que en xaneiro foi cedido ao RB Leipzig alemán.

Cesión ao RB Leipzig miniatura|Angeliño realizando un saque de banda nun partido da Bundesliga do RB Leipzig contra o Borussia Dortmund en 2021. Cando Angeliño chegou ao Leipzig a metade de tempada, este ocupaba a primeira posición da táboa na Bundesliga. Disputou case todos os partidos como titular e anotou un gol na vitoria do seu equipo fronte ao FC Schalke 04 por 0-5. Finalmente remataron a liga en terceira posición. O 13 de agosto de 2020 no Estádio José Alvalade de Lisboa, Angeliño deulle a Tyler Adams a asistencia para facer o segundo e definitivo gol fronte ao Atlético de Madrid e meter ao Leipzig nunhas semifinais da Liga de Campións, só 11 anos despois da fundación do club.

O 8 de setembro o RB Leipzig anunciou que o futbolista xogaría como cedido no club alemán outra tempada máis. O 20 de outubro, no primeiro partido do seu equipo na Liga de Campións 2020-21, Angeliño marcou dous goles na vitoria por 2-0 sobre o İstanbul Başakşehir FK, debutante na competición. En decembro liderou o seu equipo na vitoria por 3-2 fronte ao Manchester United, cun gol e dúas asistencias que clasificaron ao club alemán para oitavos de final e deixaron fóra ao equipo de Solskjær.

RB Leipzig miniatura|Angeliño co RB Leipzig nun partido amigable contra o Liverpool en 2022.|esquerda O 12 de febreiro de 2021 Angeliño cumpriu fronte ao FC Augsburg o número de partidos estipulado no contrato para que o Leipzig tivera que facer efectiva obrigatoriamente a opción de compra sobre o xogador. Deste xeito o futbolista galego quedou desvinculado do Manchester City, sendo traspasado ao club alemán por 18 millóns de euros. Rematou a liga como subcampión, mentres que na Liga de Campións o equipo caeu en oitavos de final ante o Liverpool, eliminatoria cuxo partido de volta Angeliño non puido xogar por mor dunha lesión muscular. Mantivo unha tensa relación durante a parte final da tempada co adestrador Julian Nagelsmann, que se pechou coa non inclusión do futbolista na convocatoria para a final da Copa de Alemaña, que o seu equipo acabou perdendo fronte ao Borussia Dortmund de Erling Haaland.

Na tempada 2021/22 o equipo quedou cuarto na Bundesliga e quedou eliminado da Liga de Campións na fase de grupos, na que que acabou terceiro. Pasou así á Europa League, competición na que acadou as semifinais. No partido de ida, Angeliño marcou o único gol do partido ante o Rangers (1-0), pero o equipo escocés remontou no encontro de volta no Ibrox Stadium, privando o equipo alemán da súa primeira final europea. En maio de 2022 conquistou a DFB-Pokal, o primeiro título na historia do club, aínda que non chegou a saltar ao campo na final ante o Freiburg.

Cesión ao Hoffenheim No verán de 2022 o Leipzig incorporou ao internacional alemán David Raum para o lateral esquerdo, polo que Angeliño quedou sen sitio no equipo. Saíu entón cedido ao Hoffenheim, da mesma liga. Disputou 35 encontros co club de Baden-Württemberg, repartindo 12 asistencias e marcando un tanto na goleada por 5-1 sobre o Schalke 04 en partido de Copa, e acabou a liga na 12ª posición.

Cesión ao Galatasaray Para a tempada 2023/24 volveu saír cedido, desta vez ao Galatasaray, converténdose así no segundo futbolista galego en xogar na Süper Lig turca, despois do vilagarcián Dani Abalo. Debutou co seu novo equipo o 25 de xullo, nun partido da fase previa da Liga de Campións ante o Žalgiris lituano e un mes despois marcou o seu primeiro gol, na mesma competición e diante do Molde noruegués, facendo de libre directo o gol da vitoria no tempo de desconto (2-1), triunfo co que o conxunto turco certificou a súa clasificación para a fase de grupos do máximo torneo continental. Foi titular durante as seguintes semanas, pero acabou perdendo o seu oco no once titular en favor de Barış Alper Yılmaz, considerando o técnico Okan Buruk que o internacional turco contaba con mellores habilidades defensivas.

O 12 de decembro xogou ante o Copenhague o seu 19º partido co Galatasaray. O seu contrato co club contiña unha cláusula pola que o Galatasaray debía exercer obrigatoriamente a súa opción de compra sobre o xogador disputaba 20 encontros. Sen intención de pagar o seu traspaso, o club non volveu aliñar o futbolista galego, que deixou Istanbul no mercado invernal.

Cesión á Roma Trala súa saída do Galatasaray, o RB Leipzig cedeuno de novo, desta vez á Roma, sendo unha petición expresa do novo adestrador do club, Daniele De Rossi, que viña de substituír ao cesado José Mourinho. No club romano competiu polo posto co internacional italiano Spinazzola, co que alternou as titularidades no lateral esquerdo. O seu bo rendemento fixo que a Roma exercese a súa opción de compra sobre o xogador, que pasou a ser propiedade do club italiano o 31 de maio de 2024.

Roma Na tempada 2024/25 disputou os 38 partidos de liga, 36 deles como titular, sendo un indiscutible para os tres técnicos que pasaron polo banco (De Rossi, Jurić e Ranieri). Sumou ademais 11 partidos na Europa League e dous na Copa Italia, todos como titular, sendo así o terceiro xogador con máis minutos do equipo, só por detrás do gardameta Svilar e do defensa N'Dicka. A súa gran progresión no conxunto romano cortouse en outubro de 2025, cando comezou a padecer unha bronquite que o afastou case totalmente dos terreos de xogo durante o resto toda a tempada, na que volveu xogar só algúns minutos en varios encontros.

Deportivo da Coruña En agosto de 2026 anunciouse a súa cesión ao Deportivo da Coruña, que acababa de ascender á Primeira División. Regresou así á disciplina do club 14 anos despois da súa saída cara a Manchester e cumpriu o seu soño de xogar no primeiro equipo coruñés, desexo que levaba expresando dende a súa infancia.

Selección nacional En novembro de 2013 debutou coa selección española sub-20 nun partido contra Alemaña.

O 20 de maio de 2016 xogou de titular coa selección galega un partido amigable no estadio de Riazor contra a selección de Venezuela, que rematou con empate a un gol.

Familia O seu irmán máis novo, Dani Tasende, formouse tamén na canteira do Bergantiños e xoga no Córdoba da Segunda División.

Palmarés Manchester City EFL Cup (1): 2019/20. FA Community Shield (1): 2019.

RB Leipzig DFB-Pokal (1): 2021/22.

Galatasaray Süper Lig (1): 2023/24.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas 20pxEntrevista en 2017

Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Coristanco Categoría:Futbolistas de Coristanco Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Manchester City FC Categoría:Xogadores do New York City FC Categoría:Xogadores do Girona FC Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do NAC Breda Categoría:Xogadores do PSV Eindhoven Categoría:Xogadores do RB Leipzig Categoría:Xogadores do TSG 1899 Hoffenheim Categoría:Xogadores do Galatasaray SK Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia