A tapasina ou glicoproteína asociada a TAP ou TAPBP é unha proteína que nos humanos está codificada polo xene TAPBP do cromosoma 6.

Función

O xene TAPBP codifica unha glicoproteína transmembrana que media na interacción entre moléculas do complexo maior de histocompatibilidade de clase I acabadas de ensamblar e o transportador asociado co procesamento de antíxenos (TAP), que é necesario para o transporte de péptidos antixénicos a través da membrana do retículo endoplasmático. Esta interacción facilita un óptimo cargamento do péptido na molécula do MHC de clase I. Poden unirse ata catro complexos do MHC de clase I e tapasina a unha soa molécula de TAP. A tapasina contén un motivo C-terminal de dobre lisina (KKKAE) que se sabe que mantén as proteínas de membrana no retículo endoplasmático. Nos humanos, o xene da tapasina encóntrase dentro do complexo maior de histocompatibilidade no cromosoma 6. O empalme alternativo orixina tres variantes de transcrición que codifican diferentes isoformas.

A tapasina é unha molécula procesadora de antíxenos presente no lume do retículo endoplasmático. Xoga un importante papel na maduración das moléculas MHC de clase I no lume do retículo endoplasmático. A tapasina é un compoñente do complexo de cargamento do péptido, e pode encontrarse asociada a moléuclas MHC de clase I despois de que a cadea pesada do MHC de clase I se asociou coa β2 microglobulina. O complexo de cargamento do péptido consta de TAP, tapasina, a MHC de clase I, calreticulina e ERp57. A tapasina recruta moléculas de MHC de clase I ao transportador de péptidos TAP, e tamén potencia o cargamento da MHC de clase I con péptidos de alta afinidade. Despois do cargamento das MHC de clase I con este ligando de alta afinidade, a interacción entre a tapasina e o MHC de clase I desaparece.

Interaccións

A tapasina presenta interaccións con: HLA-A, e TAP1

Notas

Véxase tamén Outros artigos Transportador asociado co procesamento de antíxenos ("TAP")

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Proteínas Categoría:Sistema inmunitario Categoría:Xenes do cromosoma 6