Susan Dimock, nada en Washington (Carolina do Norte, EEUU) o 24 de abril de 1847 e finada na costa das illas Scilly (Inglaterra) o 7 de maio de 1875, foi unha pioneira da medicina estadounidense que recibiu a súa cualificación como médica na Universidade de Zürich en 1871 e posteriormente foi nomeada médica residente do Hospital de Nova Inglaterra para Mulleres e Nenos, agora coñecido como o Dimock Community Health Center, e que foi renomeado na súa honra despois do seu afogamento tráxico en 1875. Dimock viaxaba a Europa por traballo e vacacións cando morreu no naufraxio do SS Schiller na costa das illas Scilly. Tamén é lembrada por converterse na primeira muller membro da Sociedade Médica de Carolina do Norte. Traxectoria Infancia Susan Dimock naceu en Washington, Carolina do Norte, filla de Henry e Mary Malvina (de solteira, Owens) Dimock. A familia descendía de Thomas Dimock que emigrou de Inglaterra a Dorchester, Massachusetts en 1637 e máis tarde reasentouse en Barnstable, Massachusetts. Susan Dimock era curmá afastada de Ira Dimock (1827-1917), un fabricante de seda, e tamén estaba emparentada con Henry F. Dimock, un avogado da cidade de Nova York asociado cos intereses empresariais da familia Whitney. O seu pai, que era nativo de Limington, Maine, foi nomeado director da Roxbury High School en 1831 aínda que era totalmente autodidacta; máis tarde trasladouse a Carolina do Norte, onde ensinou na escola, estudou dereito e serviu como editor do North State Whig. A súa esposa Mary era tamén mestra e complementaba os seus ingresos administrando un hotel.The National Cyclopaedia of American Biography, Vol. XIX, p. 30. Nova York: James T. White & Company, 1926.
Despois de que o pai de Dimock morrese en 1863, Susan Dimock foi educada en casa pola súa nai. Ao final da guerra civil estadounidense mudouse coa súa nai a Sterling, Massachusetts, onde asistiu a unha escola de nenas e levou a cabo unha exhaustiva lectura de cada libro de texto médico que podía pedir prestado. No outono de 1865 ela ensinou na escola en Hopkinton, Massachusetts. O 10 de xaneiro de 1866, entrou no Hospital de Nova Inglaterra para Mulleres e Nenos, onde comezou a aprender medicina mediante unha estreita observación nas salas e o dispensario. Tamén se lle permitiu a asistir a roldas clínicas no Hospital Xeral de Massachusetts así como ás da Enfermaría de Ollos e Oídos.
Carreira Cando a súa solicitude para inscribirse na facultade de medicina de Harvard foi rexeitada, Dimock dirixiuse ás facultades de medicina de Europa e foi admitida na Universidade de Zürich en Suíza en 1868. Graduouse con honras en 1871 e a súa tese foi publicada ese ano en Zürich. Os últimos anos dos seus estudos viviu coa familia da súa amiga Marie Heim-Vögtlin, onde se sentiu moi feliz.Müller, Verena E. (2008). Marie Heim-Vögtlin – die erste Schweizer Ärztin (1845–1916): Ein Leben zwischen Tradition und Aufbruch (en alemán) (2ª ed.). hier+jetzt Verlag. ISBN 978-3-03919-061-4, p.155 A pesar da súa mala situación financeira, decidiu ir a Viena xunto coa súa compañeira de estudos de medicina de Zürich, Marie Bokowa, durante uns meses, onde coñeceu a Auguste Forel e a C. E. Hoestermann. Os catro chamáronse a si mesmos o "Wiener Quartett" (Cuarteto de Viena) e planeaban reunirse novamente en xullo de 1875 en Zürich.Hans H. Walser (ed.) (1968). August Forel: Briefe. Correspondance 1864 - 1927 (en alemán, parcialmente en francés). Verlag Hans Huber, Berna, pp. 82, 85, 487
Despois dos seus estudos clínicos en Viena e París, volveu aos Estados Unidos. Como a Sociedade Médica de Carolina do Norte estaba constituída unicamente por homes e só se lle outorgaría unha membresía honoraria, Dimock incorporouse ao Hospital de Nova Inglaterra para Mulleres e Nenos, onde foi nomeada médica residente o 20 de agosto de 1872. Ela mellorou e aumentou o servizo do hospital, no curso do cal abriu a primeira escola de enfermaría nos Estados Unidos o 1 de setembro de 1872. Traballou como cirurxián, desenvolveu unha práctica privada en obstetricia e xinecoloxía e realizou unha serie de operacións cirúrxicas importantes, algunhas das cales foron mencionadas nas revistas médicas da época.
Falecemento Desde había moito tempo Dimock quería volver visitar Europa, tivo a oportunidade de facelo en maio de 1875; Dimock e dúas das súas amigas máis próximas —Caroline Crane e Elizabeth "Bessie" Greene (filla do reformador William Batchelder Greene)- abordaron o vapor SS Schiller, desde Nova York a Plymouth e Hamburgo. O 7 de maio de 1875, Dimock, Greene e Crane estaban entre as 336 persoas que perderon a vida cando o SS Schiller golpeou o Retarrier Ledges das illas Scilly preto do faro Bishop Rock. Dimock tiña 28 anos.
A súa lápida no cemiterio Forest Hills, en Boston, di: «Susan Dimock, cirurxián e médica do Hospital de Mulleres e Nenos de Nova Inglaterra, perdida no vapor Schiller, nas illas Scilly, o 8 de maio (sic) de 1875».
En 1939 o Departamento de Conservación e Desenvolvemento de Carolina do Norte erixiu un marcador histórico na súa honra.
En 1996, a pedra de mármore orixinal foi trasladada de Boston ao cemiterio da igrexa episcopal de San Pedro en Washington, Carolina do Norte, debido a que un grupo en Boston decidiu substituílo cunha réplica de granito.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Mass Moments - Dr Susan Dimock begins residency, 20 de agosto de 1872. Susan Dimock M.D. 1875 Memoir of Susan Dimock reviewed by Cabinet of Art and Medicine. Ueber die verschiedenen formen des puerperalfiebers : Nach Beobachtungen in der Züricher Gebäranstalt. Thesis (Dr. med.)--Universität Zürich, 1871. Harvard University. Corporation. Committee on Admitting Women to the Medical School. Report 1867. Mar 23. HUA. Call no HUG 4823.72 Transactions of the Nineteenth Annual Meeting of the Medical Society of the State of North Carolina, held at New Bern, N.C., May 1872, pp. 10-12
Categoría:Nados en 1847 Categoría:Finados en 1875 Categoría:Médicos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Carolina do Norte Categoría:Alumnos da Universidade de Zürich Categoría:Xinecólogos