Carme Nogueira, nada en Vigo o 17 de decembro de 1970, é investigadora e artista multidisciplinar galega.
Traxectoria Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutorada pola Universidade de Vigo. Na súa obra salienta a importancia dos procesos artísticos, os modelos de representación, a implicación do público e o urbanismo. Neste último eido, a súa obra explora a relación da arquitectura con outras disciplinas artísticas, como a videoarte. Realizou residencias artísticas en diversos países e é autora de publicacións, artigos e conferencias sobre a representación e a identidade de xénero.
Unha das súas primeiras obras videográficas foi 25 minutos 55 segundos diarios (2004), un relato sobre a invisibilidade do traballo doméstico, realizada no momento en que a súa obra viraba contorna ós Refuxios, construcións de cartón, espazos efémeros e baleiros que se converten, para a artista, en refuxios emocionais nos que crecer e que se poden encher con novos sentidos ‘como as apropiacións do espazo doméstico que transforman o sentido da arquitectura’. Estes Refuxios son convertidos en pantallas en varias instalacións como a realizada en Próspera, unha intervención site-specific realizada no Instituto Cervantes de Pequín, que tivo a súa continuidade no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).
Os procesos de traballo marcan a traxectoria da súa obra, que vira ó redor do que a artista define como ‘obxectos de interpretación espacial’ que serven de ligazón ou diálogo co público ou ‘dispositivos de sala’ cando a narración transcorre nun espazo pechado.
Aínda que dende o comezo da súa traxectoria artística o vídeo forma parte da súa obra, é a partir do 2010 cando empeza a utilizar o vídeo-performance, onde a artista se enfronta soa á cámara, gravando o que logo se converterá en instalación. Nestas obras é importante a interpretación de lecturas, relacionadas coa intervención, que a artista realiza a modo de visitas guiadas, utilizando, nalgúns casos, auto-guías que funcionan de forma paralela ó vídeo.
A obra de Carme Nogueira forma parte de varios Museos españois, como o Museo Raíña Sofía, o Musac ou o CGAC
Notas
Categoría:Nados en 1970 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Artistas de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Salamanca Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo