Falun é unha cidade sueca capital do municipio de Falun e do condado de Dalarna. No ano 2017 tiña 58 340 habitantes.Falun forma, xunto con Borlänge, unha área metropolitana con preto de 100 000 habitantes.
Falun foi orixinalmente famosa pola súa mina de cobre, e no presente é unha importante cidade industrial e de servizos aínda que a mina está pechada dende o ano 1992.
O Faluån é un río que separa a cidade en dúas partes. A mina de cobre de Falu está nun dos lados e durante séculos foi un dos maiores negocios de Suecia. Nesta parte do río os fume tóxico da mina contaminou o chan e poucas plantas medraban. Na outra parte, a onde o fume non chegaba, establecéronse un bo número de vilas. O centro da cidade está formado por clásicas rúas peonís con pequenas tendas.
No ano 2001 a cidade, a mina de cobre e as zonas mineiras de Falun foron engadidas á lista de lugares Patrimonio da Humanidade da Unesco. A Universidade de Dalarna, que ten uns 18 000 estudantes, ten un campus en Falun, próximo ao estadio nacional de esquí onde se celebrou varias veces o campionato mundial deste deporte, a última delas en 2015.
Elementos característicos de Falun son o Falu rödfärg (cor vermella tradicional nas casas suecas), o Falu rågrut (un tipo de pan duro), o Falu ättika (un tipo de vinagre) e o Falukorv (unha salchicha típica de Suecia).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial de Kalmar
Categoría:Cidades de Suecia