Atanasio II foi o arcebispo de Ohrid entre 1653 e 1660. Traxectoria A súa mención como arcebispo de Ohrid máis antiga é de febreiro de 1653, e non podía levar moito no cargo porque en 1652 menciónase como arcebispo a Dionisio I.
A Congregación para a Propagación da Fe enviara dende 1628 graduados do Pontificio Colexio Grego e monxes basilianos de Grottaferrata á rexión de Himara. Atanasio II, refuxiado na rexión, comezou a partir de 1655 a manter correspondencia co papa Alexandre VII sobre as posibilidades de unión da súa sé coa Igrexa católica; na súa aproximación ao catolicismo tivo un papel importante o tamén converso Simón Láscaris.
O 20 de xaneiro de 1658 Atanasio II asinou finalmente a profesión de fe católica, recoñecendo o primado papal. Consagrou a Láscaris arcebispo de Durrës, enviándoo de volta a Italia co título de metropolita de Durrës e Dalmacia e exarca de Iliria e levando dúas cartas, unha delas para o papa Alexandre VII. O 4 de setembro de 1660 Alexandre VII escribiu un breve a Atanasio II onde acollía a súa unión e aceptaba a consagración de Láscaris, quen era enviado de volta. Porén, no mesmo 1660 o arcebispo, vello e canso, abdicara da súa sé. Foi elixido polo sínodo como sucesor Ignacio, quen en 1662 foi elixido metropolitano de Quíos.
Por unha carta datada no 6 de outubro de 1671, sábese que Atanasio II estaba no mosteiro de Mezzojuso; na carta agradecía ao cardeal prefecto da Congregación para a Propagación da Fe a axuda económica recibida para o seu sosteñemento, así como informaba de fortes dores que lle impedían continuar coa viaxe.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Bispos ortodoxos de Macedonia do Norte Categoría:Bispos católicos de Macedonia do Norte Categoría:Bispos ortodoxos do século XVII Categoría:Bispos católicos do século XVII