A brucelose, tamén chamada febre de Malta, febre mediterránea, febre ondulante, ou enfermidade de Bang, é unha enfermidade infecciosa de distribución mundial, producida por bacterias do xénero Brucella, que ataca a varias especies de mamíferos, entre eles o ser humano, así como a varias especies de gando doméstico importantes economicamente, como vacas, cabalos, ovellas, cabras ou porcos, nas cales produce un cadro febril inespecífico.
Non hai que confundila coa febre mediterránea familiar, unha enfermidade xenética das chamadas "raras" e que constitúe a máis frecuente das síndromes autoinflamatorias.
A brucelose afecta principalmente a persoas que traballan con animais ou produtos infectados. Outra fonte posible de infección son o leite e produtos lácteos non pasteurizados. No ser humano os axentes máis frecuentes son Brucella melitensis (nun 98 %) e Brucella abortus (aproximadamente un 2 %), e en raros casos B. suis e B.canis.
Historia miniatura|300px|David Bruce (centro), xunto aos membros da Comisión da Febre Mediterránea (Brucelose) miniatura|300px|O laboratorio no que Themistocles Zammit e a Comisión da Febre Mediterránea levaron a cabo a investigación sobre a brucelose desde 1904 ata 1906. O laboratorio está situado en Castellania, na Valeta, Malta.
A enfermidade, inicialmente coñecida como febre de Malta, chamou a atención dos oficiais médicos británicos en Malta na década de 1850, durante a guerra de Crimea. Jeffery Allen Marston (1831–1911) describiu o seu propio caso coa enfermidade en 1861. A relación causal entre o organismo e a enfermidade estableceuna por primeira vez en 1887 o microbiólogo David Bruce. O axente que Bruce identificou como o causante foi clasificado coma un coco. O primeiro nome que recibiu a bacteria foi o de Micrococcus melitensis (hoxe Brucella melitensis).
En 1897, o veterinario danés Bernhard Bang illou un bacilo como axente causante do aumento de abortos espontáneos en vacas, doenza que se denominou "enfermidade de Bang". Porén, nesa época non se sabía que este bacilo tivese algo que ver coa febre de Malta.
O científico e arqueólogo maltés Themistocles Zammit identificou o leite de cabra non pasteurizado como o principal factor etiolóxico causante da febre ondulante en xuño de 1905. Journal archive
A finais da década de 1910, a bacterióloga americana Alice C. Evans estudou o bacilo de Bang e descubriu que era practicamente indistinguible do coco de Bruce. Parecía tratarse do mesmo microorganismo, xa que, en realidade, as brucelas son cocobacilos. Seguidamente, Evans empezou a considerar se moitos dos casos diagnosticados nos Estados Unidos dunha enfermidade febril vagamente definida eran de feito causados por beber leite non pasteurizado. Durante a década de 1920, defendeuse esta hipótese e comprobouse o risco na transmisión desta doenza que supoñía o leite non pasteurizado contaminado coas hoxe chamadas B. melitensis e B. abortus. A doenza era moitas veces non diagnosticada e non tratada ou era mal diagnosticada, pero nalgúns casos era febril e dolorosa e mesmo mortal. Este avance en bacterioloxía supuxo grandes e custosos cambios para a industria láctea norteamericana para mellorar a seguridade alimentaria dos seus produtos, entre os cales estaban realizar sempre unha pasteurización e extremar os estándares de limpeza nas granxas leiteiras e na manipulación do leite. A implantación destas medidas atrasouse un pouco polas reticencias da industria ante os maiores custos, pero as novas regras hixiénicas acabaron impoñéndose e converténdose na norma.
Nas décadas posteriores aos traballos de Evans, descubriuse que este xénero de bacterias, que recibiu o nome de Brucella en honra de Bruce, comprendía varias especies de variada virulencia. O nome "brucelose" foi gradualmente substituíndo os nomes do século XIX de febre mediterránea e febre de Malta. Outros nomes antigos que se lle teñen dado á brucelose son: febre de Crimea, febre de Chipre, febre de Xibraltar, febre das cabras, febre italiana e febre napolitana.
En 1989, os neurólogos descubriron en Arabia Saudita a "neurobrucelose", que é unha complicación neurolóxica da brucelose.
Guerra bacteriolóxica As especies de Brucella foron utilizadas para preparar armas biolóxicas en varios países a mediados do século XX. En 1954, B. suis converteuse no primeiro axente preparado como arma biolóxica nos Estados Unidos e conservado no arsenal de Pine Bluff, Arkansas. Este arsenal foi destruído en 1971–72 cando se suspendeu o programa de armas biolóxicas.
O programa experimental de guerra bacteriolóxica dos Estados Unidos tamén se centrou noutros tres axentes da brucelose, os da: Brucelose porcina (axente US). Brucelose bovina (axente AA). Brucelose caprina (axente AM).
Epidemioloxía A incidencia e prevalencia da brucelose é maior na rexión do mar Mediterráneo, Asia Occidental, algunhas partes de África e América (Costa Rica, os Estados Unidos, México, o Brasil, o Perú, Colombia, o Uruguai e a Arxentina). A prevalencia é moi variable entre eles (desde menos de 0,01 ata máis de 200 por 100 000 habitantes). Analogamente, hai países cunha taxa de incidencia relativamente moi alta (o Perú, Kuwait e partes de Arabia Saudita), o que contrasta coa baixa incidencia noutras áreas con presenza endémica da brucela no seu gando, todo o cal pode explicarse por niveis diferentes de vixilancia epidemiolóxica, ou diferentes métodos de utilización dos animais e alimentos, ou diferenzas no contacto entre os seres humanos e os animais.
B. melitensis é a especie máis difundida seguida de B. abortus e B. suis. Os animais infectados excretan gran cantidade de bacterias nos tecidos de abortos, no leite e tamén nas secrecións xenitais, contaminando o chan, os currais, a palla das camas, e a auga de regatos, canles e pozos. A brucela pode sobrevivir no medio ambiente durante períodos relativamente longos. Nas feces ata 100 días, na terra do chan ata 80 días e en ambientes xeados a súa supervivencia pode prolongarse durante meses.
Esta zoonose transmítese ao Homo sapiens por contacto directo cos animais infectados, as súas excretas, ou no ambiente onde sobreviviu a brucela. A transmisión de persoa a persoa é moi rara e pode ser por vía sexual.
Por vía oral as bacterias pasan ao aparato dixestivo, e a fonte principal desta vía de infección é a inxestión de leite non pasteurizado ou de produtos lácteos, especialmente os provenientes de ovellas e cabras.
O contacto directo permite as bacterias entrar no organismo por feridas na pel, o a conxuntiva ocular, ou a mucosa nasal. A fonte principal destas infeccións é a manipulación de animais infectados ou os seus produtos, afectando desta maneira a veterinarios, matachíns, investigadores de laboratorio e coidadores de animais. Pola vía inhalatoria as bacterias entran pola mucosa nasal. A fonte principal de bacterias que ingresan por esta vía son aerosoises en laboratorios con mostras contaminadas, vacinas vivas, aerosois en cortes de animais e las, afectando a persoal de laboratorio, traballadores da la e limpadores de cortes. Por último, a vía parenteral, dáse principalmente por inoculación accidental en laboratorios, ou en ambientes de traballo veterinario, e tamén pode darse a contaminación de transfusións que poden afectar a calquera persoa. En países desenvolvidos é unha doenza tipicamente laboral, na que as persoas máis expostas son veterinarios, traballadores do campo e da industria da carne.
Algúns dos reservorios naturais son os bovinos (B. abortus), caprinos (B. melitensis), ovinos (B. melitensis e B. ovis), porcos (B. suis), cánidos (B. melitensis, B. abortus, B. canis e B. suis) e mamíferos mariños, pero atopáronse brucelas nunha gran cantidade de mamíferos tan diversos como pequenos roedores e camélidos. Cómpre salientar que a bacteria nos animais tamén causa a enfermidade, aínda que pode que con distinta sintomatoloxía, dependendo do hóspede e a especie de brucela en cuestión.
Etioloxía
O xénero Brucella está constituído por bacilos ou cocobacilos gramnegativos pequenos, sen mobilidade, aerobios estritos, sen cápsula, que non forman esporas. Descríbense seis especies clásicas, as cales se diferenciaron baseándose nas súas características antixénicas e o seu hospedador animal preferencial: B. melitensis (ovella, cabra, camelo); B. abortus (vaca, búfalo, camelo, iac); B. suis (porco, lebre, reno, roedores, caribú); B. canis (can); B. neotomae (roedores) e B. ovis (ovellas).
Na década do 2000 describíronse catro especies adicionais de Brucella: B. ceti e B. pinnipedialis son brucelas que se hospedan en cetáceos e focas, respectivamente;} B. microti é a especie que se hospeda en raposos vermellos e roedores de campo; e B. inopinata, illada o ano 2009 dunha infección nun implante mamario dunha paciente de 71 anos.
A infección en humanos prodúcese por B. melitensis, B. abortus, B. suis e B. canis, e a especie máis virulenta é B. melitensis (10 a 100 bacterias poden infectar unha persoa) e causan o cadro clínico máis grave. B. canis é a menos virulenta. A secuenciación dos xenomas das especies de Brucella revela que posúen unha moi alta identidade de secuencias dos xenomas de todas as especies (maior do 90 %). Isto é materia de estudo, xa que non se sabe cales son os determinantes xenéticos que fan que unha especie de Brucella teña preferencia por un determinado hospedador ou sexa avirulenta para o ser humano. Tamén posúen alta identidade de xenomas con outros Rhizobiales como Ochrobactrum,Audic S, Lescot M, Claverie JM, Scholz HC. Brucella microti: the genome sequence of an emerging pathogen. BMC Genomics. 2009 Aug 4;10:352. un patóxeno humano facultativo, con Rhizobium, un simbionte de plantas leguminosas e Agrobacterium, un patóxeno de plantas, entre outros. A particularidade é que en todos estes casos, estas bacterias residen dentro da célula eucariota, tanto animal coma vexetal, e son un simbionte patóxeno.
No ser humano os axentes máis frecuentes son B. mellitensis nun 98 % e B. abortus nun 2 %.
Patoxenia
A brucela é un patóxeno intracelular facultativo, o cal impide a acción habitual dos antibióticos e da actividade dos anticorpos sobre ela, facendo da súa infección un estado crónico, multiplicándose nunha gran variedade de células eucariotas tanto fagocíticas coma non fagocíticas.
As diferentes especies de Brucella clasifícanse habitualmente como lisas (S) ou rugosas (R), segundo a colonia que formen. Dentro das primeiras encóntranse B. abortus, B. melitensis, B. suis e B. neotomae e dentro das segundas B. ovis e B. canis. As cepas lisas son as máis virulentas e a súa estrutura é semellante á dalgunhas enterobacterias (Yersinia enterocolitica, Salmonella landau, Pseudomonas maltophilia, Escherichia coli).
A brucela presenta particularidades desde o punto de vista patoxénico.
Como parte da resposta inmune normal do organismo, é fagocitada polos glóbulos brancos, especificamente neutrófilos e macrófagos, sendo transportada por estes aos diversos órganos por vía sanguínea ou linfática, onde poden sobrevivir e multiplicarse dentro dos vacúolos dos fagocitos circulantes e tisulares, sen seren destruídas, xa que o autofagosoma coa bacteria non se une ao lisosoma senón que a libera no retículo endoplasmático, onde esta se multiplica. Os mecanismos de entrada da bacteria nos glóbulos brancos non están aclarados dabondo e presúmese que os lipopolisacáridos (LPS) e as proteínas da membrana externa poderían participar mediante receptores tipo manosa ou integrinas, respectivamente. Dous compoñentes da súa superficie relacionados cos receptores de histidina quinase (BvrS/BvrR) relaciónanse co proceso de internalización de Brucella.