O voo 255 de Northwest Airlines foi un McDonnell Douglas MD-82 que se esnafrou pouco despois de engalar do aeroporto de Detroit o día 16 de agosto de 1987, ao redor das 8:46 p.m. EDT, matando os 6 tripulantes e a 148 dos seus 149 pasaxeiros, xunto con dúas persoas en terra. O único supervivente foi unha nena de 4 anos, Cecelia Cichan, que sufriu feridas graves.

Avión e tripulación O avión involucrado no accidente era un bimotor McDonnell Douglas MD-82, con rexistro N312RC, un derivado do McDonnell Douglas DC-9 e parte da serie McDonnell Douglas MD-80. O aparello fora fabricado en 1981 e entrou en servizo con Republic Airlines, e adquirido por Northwest Airlines tras a súa fusión con Republic en 1986. No momento do accidente, o avión en cuestión tiña unha librea híbrida de Northwest Airlines e Republic Airlines, coas liñas azuis de Republic, as letras vermellas de Northwest e unha cola branca.

O capitán do voo 255 era John R. Maus, de 57 anos. Maus era un piloto experimentado que levaba na aeroliña 31 anos. Outros pilotos que voaran con Maus describírano como un "piloto competente e capaz" que tiña unha reputación de operar "segundo as regras".

O primeiro oficial era David J. Dodds, de 35 anos. Dodds tiña 8 044 horas de voo, e levaba máis de 8 anos na compañía. A maioría dos capitáns da aeroliña cos que voara Dodds durante o seu período de proba cualificárono dentro ou por riba da media. Outros pilotos que voaran con Dodds describiron o seu rendemento en termos favorables.

Accidente A tripulación de voo comezou a operar o avión do accidente ese día como o voo 750 dende o aeroporto de Minneapolis/Saint Paul ata o aeroporto internacional MBS en Saginaw, Míchigan. Tras saír de Saginaw, a tripulación operou o mesmo avión como o voo 255, voando ao aeroporto John Wayne en Santa Ana, California, con escalas no aeroporto de Detroit e no aeroporto de Phoenix-Sky Harbor. A pesar dun pequeno problema durante a rodaxe á porta de chegada o voo dende Saginaw a Detroit foi tranquilo.

Ao redor das 20:32 EDT, o voo 255 deixou a porta de embarque en Detroit con 149 pasaxeiros e 6 tripulantes. O paquete de despacho proporcionado pola aeroliña incluía datos de rendemento de engalaxe baseados no uso das pistas 21L ou 21R. Porén, o voo foi autorizado a engalar pola pista 3C de Detroit, a pista dispoñible máis curta.

O voo 255 engalou da pista 3C de Detroit ao redor das 20:44, con Maus aos controis. O avión levantouse da pista a 170 nós (315 km/h), e comezou a moverse dun lado a outro por debaixo dos 15 m sobre o chan. A taxa de subida do MD-82 reduciuse considerablemente como resultado de que os flaps non estaban estendidos, e a uns 840 m despois do fin da pista 3C a á esquerda do aparello golpeou o pau da luz dun aparcadoiro de coches de alugueiro do aeroporto. O impacto causou que a á esquerda comezase a desintegrarse e incendiouse. O avión virou 90º cara a esquerda, chocando contra o tellado dun establecemento de alugueiro de coches Avis. O avión. agora incontrolado, esnafrouse invertido na Middlebelt Road golpeando vehículos xusto ao norte da súa intersección coa Wick Road, matando a dúas persoas nun coches. Posteriormente rompeuse, esvarando a fuselaxe pola estrada desintegrándose e estoupando cando golpeou un paso elevado do ferrocarril e o paso superior da interestatal 94.

Notas

Northwest Airlines 0255 Northwest Airlines Northwest Airlines