Un inótropo ou axente inotrópico é un axente que altera a forza ou enerxía da contracción muscular. Os axentes inotrópicos negativos debilitan a forza das contraccións musculares, e os positivos increméntana. O termo estado inotrópico úsase comunmente en relación con diversos medicamentos que afectan á contracción do músculo cardíaco (miocardio). Porén, pode tamén referirse a condicións patolóxicas. Por exemplo, cando se agranda o corazón (hipertrofia ventricular) pode incrementarse o estado inotrópico, mentres que unha porción de músculo cardíaco morto (infarto de miocardio) pode diminuílo. En fisioloxía, o termo inotropismoDicionario Digalego inotropismo describe a cualidade que afecta á contractilidade do músculo, e é unha das propiedades clásicas do corazón, que son: inotropismo (capacidade de contracción), cronotropismo (automatismo), dromotropismo (condutividade) e batmotropismo (excitabilidade).
Uso médico
No tratamento de varias condicións cardíacas utilízanse tanto inótropos positivos coma negativos. A elección do axente depende en gran medida dos efectos farmacolóxicos específicos de cada axente con respecto á condición que se vai tratar. Un dos factores máis importantes que afecta ao estado inotrópico é o nivel de calcio no citoplasma da célula muscular. Os inótropos positivos xeralmente incrementan este nivel, mentres que os negativos diminúeno. Porén, non todos os fármacos positivos ou negativos afectan á liberación de calcio, e, entre os que o fan, o mecanismo para alterar o nivel de calcio difire dun fármaco a outro.
Aínda que se adoita recomendar que os vasopresores se administren por medio dun catéter venoso central debido ao risco de danos nos tecidos locais se a medicación entra no tecido local, este estará probablemente seguro cando se administra durante menos de dúas horas por vía IV periférica.
Axentes inotrópicos positivos
Ao incrementaren a concentración de calcio intracelular ou a sensibilidade das proteínas receptoras ao calcio, os axentes inotrópicos positivos poden aumentar a contractilidade do miocardio. As concentracións de calcio intracelular poden aumentarse incrementando o influxo ás células ou estimulando a liberación desde o retículo sarcoplásmico.
Unha vez na célula, o calcio pode pasar a través de canles de dous posibles tipos: a canle de calcio de tipo L (de longa duración) e a canle de calcio de tipo T (transitoria). Estas canles responden aos cambios de voltaxe a través da membrana de xeito diferente: as canles de tipo L responden a potenciais de membrana máis altos, ábrense lentamente e permanecen abertos máis tempo que as canles de tipo T.
Debido a estas propiedades, as canles de tipo L son importantes para manter o potencial de acción, mentres que as canles de tipo T son importantes para inicialo.
Incrementando o calcio intracelular, pola acción das canles de tipo L, o potencial de acción pode ser mantido durante máis tempo e, por tanto, a contractilidade increméntase.
Os inótropos positivos utilízanse para manter a función cardíaca en condicións como a insuficienia cardíaca conxestiva descompensada, o shock cardioxénico, o shock séptico, o infarto de miocardio, a cardiomiopatía etc.
Exemplos de axentes inotrópicos positivos son: Digoxina Amiodarona Berberina Calcio Sensibilizadores do calcio Levosimendan Catecolaminas Dopamina Dobutamina Dopexamina Epinefrina (adrenalina) Isoprenalina (isoproterenol) Norepinefrina (noradrenalina) Anxiotensina II Eicosanoides Prostaglandinas Inhibidores da fosfodiesterase Enoximone Milrinone Amrinone Teofilina Glicagón Insulina
Axentes inotrópicos negativos
Os axentes inotrópicos negativos diminúen a contractilidade do miocardio e utilízanse para baixar a carga de traballo cardíaca en condicións como a anxina de peito. Aínda que o inotropismo negativo pode precipitar ou exacerbar a insuficiencia cardíaca, certos beta bloqueadores (por exemplo, carvedilol, bisoprolol e metoprolol) se cría que reducían a morbilidade e a mortalidade na insuficiencia cardíaca conxestiva.
Exemplos de axentes inotrópicos negativos son:
Beta bloqueantes Bloqueantes de canles de calcio non-dihidropiridina Diltiazem Verapamil Clevidipine
Antiarrímicos de clase IA como: Quinidina Procainamida Disopiramida
Antiarrítmicos de clase IC como: Flecainide
Notas
Categoría:Axentes inotrópicos Categoría:Cardioloxía