O golpe de Estado de xullo, tamén coñecido simplemente como golpe de xullo () foi unha tentativa de golpe de Estado perpetrado polo Partido Nacionalsocialista Austríaco contra o goberno conservador católico austríaco entre o 25 e o 30 de xullo de 1934. Aínda que os confabulados lograron tomar a sede do goberno e asasinar o chanceler Engelbert Dollfuss, quedaron rodeados e, faltos de apoio externo, tiveron que claudicar sen poder acadar o obxectivo de impór un goberno pro-nazi dirixido por Anton Rintelen do Partido Social Cristián. A rebelión estendeuse ao resto do país nos días seguintes, mais foi esmagada polas forzas gobernamentais. Como consecuencia do fracaso, o movemento nacionalsocialista austríaco quedou temporalmente moi debilitado. Segundo Villares e Bahamonde, este foi a primerira intentona para levar a cabo o Anschluss.

Os primeiros plans contra Dollfuss xurdiran a principios do verán de 1933, cando o chanceler austríaco prohibira o partido nazi, mais non deran resultado. A crise do nacionalsocialismo austríaco, perseguido cada vez con máis rigor polo Goberno, desalentado pola falta de acceso ao poder, desunido e inzado de extremistas que clamaban acción contra Dollfuss conduciu á organización do golpe de xullo de 1934. O que debera ser un amplo alzamento nacional con apoio militar que derrocara o Goberno de Dollfuss e implantara outro que solicitara a intervención alemá foi en realidade un golpe de man mal organizado protagonizado por 154 nacionalsocialistas que quedaron illados axiña na capital austríaca.

Os conxurados aproveitaron o cambio de garda da chancelería para entrar no recinto ás 12:53 do 25 de xullo. Un deles, o ex-sarxento Otto Planetta, disparou dous tiros contra o chanceler cando este tentaba fuxir do edificio. Dollfuss morreu desangrado dúas horas e media máis tarde. Ao mesmo tempo que ocupaban a chancelería, os rebeldes tomaban tamén a emisora de radio RAVAG. Seguindo o plan previsto, dende aló anunciaron a dimisión de Dollfuss e a formación dun novo gabinete presidido por Anton Rintelen. O anuncio debera desencadear un levantamento nacional en favor do novo Goberno, mais este non se produciu. Por outra banda, o grupo que marchara capturar ao presidente da república, Wilhelm Miklas, no seu retiro de verán, fracasou.

O Goberno e a xefatura militar reuníronse no Ministerio de Defensa. Miklas, que rexeitou todo pacto cos rebeldes, nomeou o ministro Kurt von Schuschnigg chanceler interino e ordenoulle esmagar o golpe pola forza. Finalmente, ás cinco e media da tarde, Von Schuschnigg presentou un ultimato aos rebeldes para que entregaran nun cuarto de hora a chancelería. En realidade, as negociacións entre os rebeldes e o Goberno estendéronse durante dúas horas máis. As forzas gobernamentais puideron recuperar pacificamente o edificio arredor das oito da tarde.

Confirmado finalmente o fracaso do golpe polo embaixador alemán a noite do 25, Hitler ordenou de inmediato negar toda participación alemá no infrutuoso proxecto. O Goberno alemán viuse en apuros a pesar do desmentido gobernamental polo tardío estalido de rebelións dos seus partidarios nas provincias austríacas, que as forzas gobernamentais non lograron sufocar completamente ata o día 28. O 26, Hitler nomeou o vicechanceler Franz von Papen novo embaixador en Viena. Este esperaba acadar o obxectivo de anexionar o país sen ter que utilizar de novo á violencia. A tarde do día 25, cando Mussolini, que esperaba a visita poucos días despois de Dollfuss, recibiu confirmación do golpe de Estado que estaba tendo lugar na capital austríaca, ordenou de inmediato o avance das forzas italianas á fronteira austro-italiana. O fracaso do golpe de Estado permitiu que a independencia austríaca se mantivese catro anos máis, ata a anexión alemá do país na primavera de 1938.

Antecedentes O feito ocorrido o 30 de xaneiro de 1933, o presidente alemán Paul von Hindenburg nomeou chanceler a Adolf Hitler, deu moitos azos aos nazis austríacos que, enfrontados ao réxime do chanceler austríaco Engelbert Dollfuss, demandaron novas eleccións ao tempo que levaron a cabo campañas de propaganda masiva e de terror mediante bombas. Dollfuss respondeu ás accións con medidas autoritarias como rexistros domiciliarios e detencións. A situación agravouse polo ministro de Xustiza de Baviera, o avogado nazi Hans Frank quen, nun discurso público do 8 de marzo, ameazou ao goberno austríaco coa intervención armada das forzas nazis. Non obstante, o goberno austríaco de dereita, inicialmente, centrouse na prohibición do Partido Comunista e da organización paramilitar socialdemócrata Republikanischer Schutzbund. Cando Hans Frank, xunto cos seus compañeiros de partido Hans Kerrl e Roland Freisler, o 13 de maio de 1933, entrou persoalmente no país nunha xira de dous días para pronunciar discursos en Viena (onde se comportou), así como en Graz, onde falou abertamente contra o réxime austríaco e se dirixiu aos austríacos partidarios de Alemaña fomentando a desobediencia cidadá, provocou que o 15 de maio de 1933, fose deportado e, posteriormente que, o 19 de xuño de 1933, o Partido Nazi austríaco fose prohibido. Daquela, moitos nazis austríacos fuxiron a Alemaña e uníronse á lexión austríaca mentres outros permaneceron en Austria e continuaron coas súas accións clandestinamente.

Ao mesmo tempo, o goberno de Hitler reaccionou con duras sancións económicas dirixidas ao turismo austríaco e aínda que Hitler se reservara a xestión do conflito con Austria, delegou as accións concretas no seu subordinado, o landesleiter Theo Habicht. Este prometeu ao chanceler alemán resolver a crise mediante un alzamento nacional apoiado polo Exército austríaco que acabara co goberno de Engelbert Dollfuss. Do levantamento debía xurdir un novo Consello de Ministros panxermano que solicitara a intervención de Alemaña antes de que as demais potencias puideses reaccionar ao acontecemento. miniatura|Engelbert Dollfuss, chanceler austríaco e principal vítima do infrutuoso golpe de Estado nacionalsocialista do 25 de xullo de 1934. Foi asasinado na chancelería cando trataba de fuxir dos golpistas, que tomaran o edificio.

Os primeiros plans contra Dollfuss xurdiran a comezos do verán de 1933, cando o chanceler austríaco prohibiu o partido nazi, mais non frutificaron. Durante a segunda metade de 1933, as negociacións entre Habicht e Dollfuss fixeron que os nacionalsocialistas arrombaran os plans de golpe contra o chanceler, que se retomaron precisamente cando estas fracasaron en xaneiro de 1934. A principios de 1934, os dirixentes nacionalsocialistas austríacos formaran unha unidade paramilitar, o SS Standarte 89, que agrupaba a deportados nacionalsocialistas austríacos, co fin de utilizala contra Dollfuss. A gran maioría dos seus membros pertencera ao Exército e unha minoría, a diversos departamentos policiais. A proclamación da nova Constitución en maio puido convencer a Hitler para outorgar o beneplácito á acción. Esta non contaba, con todo, co apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores alemán, que vía con escepticismo a posibilidade de que as potencias permitiran unha solución pola forza da crise austro-xermana. O ministerio confiaba, por contra, en lograla mediante a presión e temía os danos para Alemaña dunha acción violenta.

A crise do nacionalsocialismo austríaco, perseguido cada vez con máis rigor polo Goberno, desalentado pola falta de acceso ao poder, desunido —as relacións entre os dirixentes do partido, as SA e as SS eran malas— e inzado de extremistas que clamaban acción contra Dollfuss conduciu á organización do golpe de xullo. Habicht precisaba ademais dalgún éxito en Austria para manter o seu posto en Alemaña: a falta de avances do nacionalsocialismo austríaco privárao xa do control das unidades das SA austríacas —dispostas a actuar pola súa conta— e desgustaba a Hitler. Os dirixentes das SA, pola súa banda, ben quedaron á marxe do proxecto ou ben opuxéronse a el, desexando protagonizar o golpe contra Dollfuss. As desavinzas entre as distintas organizacións nacionalsocialistas, agravadas pola noite dos coitelos longos, levaron a que Hermann Reschny, responsable das SA austríacas, delatara o plan de Habicht ás autoridades austríacas o 16 de xullo, confiando en poder lanzar a súa propia operación contra Dollfuss en setembro. Estas, con todo, desoíron a advertencia.

Plans A primeira reunión dos xefes que levaron a cabo o intento de toma do poder tivo lugar en Zúric o 25 de xuño. Asistiron a ela Habicht, os seus lugartenentes Rudolf Weydenhammer, Gustav Otto von Wächter —principal organizador das accións do 25 de xullo— e o comandante do SS Standarte 89, Fridolin Glass —o único austríaco dos asistentes—. Outro dos principais conspiradores, o antigo gobernador de Estiria e daquela embaixador austríaco en Roma, Anton Rintelen, non acudiu. Rintelen ofrecera os seus servizos aos alemáns na primavera a cambio da promesa de ser nomeado chanceler logo do derrocamento de Dollfuss. Weydenhammer fora o contacto entre Rintelen —ao que visitara na capital italiana en máis dunha ducia de ocasións dende comezos de ano— e os conxurados en Alemaña.

O plan de Glass consistía en secuestrar simultaneamente o presidente austríaco e o Consello de Ministros cos seus homes, capturar a emisora da radio nacional (RAVAG) e a central telefónica vienesa e anunciar a formación dun novo Goberno presidido por Rintelen. A operación debía contar co apoio do Exército austríaco, cuxas unidades quedarían sometidas a oficiais favorables aos nacionalsocialistas. Os seus propios homes debían concentrarse o día da operación na sede da gornición militar da capital, á que poderían acceder grazas á colaboración dun oficial do Estado Maior austríaco, simpatizante da causa nacionalsocialista.

Aprobado o plan en Zúric, Glass regresou a Austria para realizar os preparativos, en especial, para organizar o apoio dos militares e a policía ao golpe. Non se fixara data algunha para a acción, pero Rintelen encareceu a Weydenhammer da necesidade de que se levara a cabo antes de finais de xullo; por aquelas datas debía encontrarse en Viena e despois, en agosto, esperábase que Dollfuss se reunira con Mussolini, acontecemento que temía puidera desbaratar a conxura. Con todo, non foi tanto a insistencia de Rintelen senón o convencemento de lograr un apoio militar chave no Exército o que decidiu aos confabulados a lanzar a operación cando desexaba o embaixador. En efecto, o tenente coronel Sinzinger, xefe do Estado Mayor da gornición da capital, prometeu apoiar o golpe.

A decisión final tomouse no piso de Habicht en Múnic o 16 de xullo, nunha nova reunión á que asistiron tanto alemáns como austríacos; entre estes últimos contábanse o xefe das SA austríacas, un oficial enviado por Sinzinger e o que debía converterse en gauleiter austríaco se triunfaba a conxura. Na reunión, Glass indicou que, ademais do apoio de Sinzinger, contaba con outros tanto no Exército como na Policía. Os reunidos decidiron entón fixar a tarde do 24 de xullo, cando o gabinete austríaco debía reunirse antes das vacacións estivais, como data para o golpe.

Últimos preparativos do 23 de xullo Weydenhammer uniuse a Von Wächter en Viena a tarde do 23 de xullo, para dar o último repaso ao plan; o principal escollo que quedaba por salvar, o transporte para os homes do SS Standarte 89, solucionouse ao día seguinte, grazas ao empréstito dun empresario dalgúns camións da súa compañía. miniatura|O hotel Imperial, en Ringstraße, elegante hospedaría onde se aloxou durante o golpe o que debía terse convertido en chanceler si este tivera frutificado, o embaixador austríaco en Italia, Anton Rintelen. A el acudiu o enviado gobernamental para que se presentara ante o Goberno provisional e nel escondéronse temporalmente algúns dos organizadores do golpe.