Andrej Babiš, nado en Bratislava o 2 de setembro de 1954, é un empresario e político checo de orixe eslovaca. Está considerado o segundo home máis rico da República Checa. É o fundador e propietario do grupo Agrofert, ten o control dos dous principais xornais do país ademais de diversas radios e televisión. En 2011, entrou na escena política checa co seu novo partido ANO 2011. De 2014 a 2017 asumiu o cargo de Viceprimeiro ministro e ministro de Finanzas da República Checa nun goberno de coalición. O 21 de outubro de 2017 o seu partido foi o máis votado co 29,6 % dos votos nas eleccións xerais o que lle permitiu optar ao posto de Primeiro Ministro, cargo que ocupou dende o 6 de decembro de 2017 ata o 28 de novembro de 2021.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Naceu en Bratislava. O seu pai, Štefán Babiš, era un diplomático e executivo dunha empresa do réxime comunista checoslovaco para a exportación e importación de produtos agrarios. Membro do Partido Comunista de Checoslovaquia, representou a Checoslovaquia durante as negociacións co GATT en Xenebra e como consultor na ONU. Grazas á situación do seu pai, Andrej pasou parte da súa infancia entre Francia e Suíza. Máis tarde, estudou nun gymnasium en Bratislava e seguindo o mesmo camiño do seu pai formouse en ciencias económicas na Universidade de Ciencias Económicas, onde estudou comercio internacional. Ingresou axiña na Empresa de Comercio Exterior e en 1980 no Partido Comunista de Checoslovaquia. Como delegado da empresa pública exterior Petrimex estivo destinado en Marrocos de 1985 a 1991. Ademais, polo menos, entre 1982 e 1988 foi axente da ŠtB, a policía secreta da ditadura comunista de Checoslovaquia.
A principios da década de 1990, tras o seu regreso a Chequia continuou traballando para Petrimex, conseguindo en 1993 fundar Agrofert, unha compañía subsidaria da anterior pero que logo pasaría a ser propiedade de Babiš. O desenvolvemento desta empresa permitiulle a Babiš ser unha das persoas máis ricas do país, ao tempo que dominaba o sector agroalimentario checo. Ademais, en 2013 adquiriu o grupo de medios Mafra que publica algúns dos xornais máis relevantes de Chequia.
Traxectoria política En 2011, entrou na escena política checa fundando a iniciativa Acción dos Cidadáns Insatisfeitos, xerme do seu novo partido ANO 2011 (en checo: Akce Nespokojených Občanů 2011, é dicir, Acción de Cidadáns Insatisfeitos 2011, significando "ano" en checo "si"). En 2013, o partido presentouse como unha formación de centro e nas eleccións xerais foi a segunda máis votada con 47 deputados recollendo o desencanto da poboación decepcionada pola xestión do goberno durante a crise económica. O seu partido formou parte dun goberno de coalición co Partido Socialdemócrata e os democratacristiáns e Babiš asumiu en xaneiro de 2014 o posto de Viceprimeiro ministro e Ministro de Finanzas.
En febreiro de 2017 promulgouse a chamada Lex Babiš, unha lei de incompatibilidades que lle impediu compaxinar a súa posición como ministro de Finanzas coa dirección das súas empresas, polo que a súa fortuna áchase nun fondo fiducidario e formalmente xa non esta á fronte de Agrofert.
Foi despedido do goberno en maio de 2017, a petición do Primeiro Ministro Bohuslav Sobotka, despois de moitas controversias sobre el. En particular, acúsaselle de realizar transaccións financeiras dubidosas, fraude fiscal e de estar nunha situación de conflito de interese en varias ocasións.https://www.lorientlejour.com/article/1053579/fin-de-la-crise-gouvernementale-a-prague-cinq-mois-avant-les-legislatives.html
O 2 de maio de 2017, o Primeiro Ministro Bohuslav Sobotka, presentou a súa dimisión e a do seu Goberno tras varios meses, nos que o propio Babiš foi acusado de fraude fiscal.
En outubro de 2017 concorreu ás eleccións xerais celebradas o 21 de outubro á fronte do partido que preside, ANO converténdose no partido máis votado co 29,64 % dos votos, 11 puntos máis ca en 2013. Por detrás veñen tres partidos con moi pouca diferenza de votos, o ODS Partido Democrático Cívico (dereita, euroescéptico) con 11,3%, o Partido Pirata, con 10,7% fronte ao 2,6 de 2013 e a partido Liberdade e Democracia Directa (Svoboda a přímá demokracie - Tomio Okamura, SPD) (do checo-xaponés Tomio Okamura (extrema dereita), con 10,64%. O partido comunista KSCM logrou o 7,76 % fronte ao 14,9% catro anos atrás. O partido socialdemócrata checo, CSSD, do xefe de goberno saínte, Bohuslav Sobotka, rexistrou unha contundente caída pasando do 20,4 de 2013 a 7,2% en 2017. Malia a que o parlamento checo rexeitou a súa investidura en xaneiro de 2018, finalmente, conseguiría que o presidente Miloš Zeman o volvese propor á cámara lexislativa conseguindo o apoio externo do Partido Comunista de Bohemia e Moravia (KSCM) en xullo de 2018. A fins de decembro de 2020 foi o primeiro checo en recibir a vacina contra o covid-19.
Como primeiro ministro, apoiándose no forte impacto na industria checa, manifestouse contra os plans de descarbonización da Unión Europea e contra a prohibición dos motores de combustión para 2035. Paralelamente, é defensor de dar un pulo á enerxía nuclear para loitar contra o cambio climático.
En outubro de 2021, días antes das eleccións parlamentarias, o seu nome aparecía nos "Papeis de Pandora": a maior investigación feita ata entón sobre milleiros de personalidades que recorreron a paraísos fiscais para a evasión de impostos. Segundo a documentación feita pública, en 2009 Babiš moveu 15 millóns de euros a contas das Illas Virxes Británicas para mercar logo, anonimamente, un castelo na Costa Azul francesa, preto de Cannes. As eleccións deron un resultado que non se agardaba pois unha coalición de partidos da oposición lograba superar ao partido de Babiš. Aínda que confiaba converterse de novo en primeiro ministro, anunciou que se non o consegue continuará a súa vida política na oposición. Finalmente, o 28 de novembro de 2021 deixou de ser o xefe do goberno sendo substituído por Petr Fiala da conservadora ODS.
Candidatouse ás eleccións presidenciais da República Checa celebradas entre o 13 e o 14 de xaneiro de 2023. Babiš concorreu co apoio do seu partido, ANO, e era un dos candidatos favoritos canda o xeneral retirado Petr Pavel e a académica Danuse Nerudova. O escrutinio mostrou un resultado axustado, conseguindo Petr Pavel o 35,40% fronte o 34,99% de Babiš, pasando ambos á segunda volta. Nela, Babiš foi derrotado con contundencia por Pavel, quen sumou o 58,32% contra o 41,68% colleitado polo antigo primeiro ministro.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Primeiro ministro da República Checa
Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados en Bratislava Categoría:Primeiros ministros da República Checa Categoría:Políticos da República Checa