Robert Bobby Tyre Jones, nado en Atlanta (Xeorxia) o 17 de marzo de 1902 e finado na mesma cidade o 18 de decembro de 1971, foi un golfista estadounidense, que a pesar de estar considerado como un dos mellores de todos os tempos, non foi profesional, porque consideraba o golf un pracer e non un emprego.

Os seus maiores triunfos tívoos entre 1923 e 1930, vencendo en trece dos 21 campionatos nacionais nos que se presentou. Gañou tres veces o Aberto Británico, catro veces o US Open, cinco veces o Campionato Afeccionado dos Estados Unidos e unha vez o Campionato Británico Afeccionado. En 1930, Jones logrou os catro torneos. Tamén xogou a Copa Walker entre 1922 e 1930, en representación do golf afeccionado dos Estados Unidos.

En 1974 inscribiuse o seu nome no Salón da Fama do Golf Mundial.

Traxectoria A súa habilidade manifestouse dende cativo e non recibiu clases de golf. Aos seis anos de idade gañou o seu primeiro torneo no East Lake Country Club, en cuxas proximidades vivía a súa familia. Tras obter varios títulos máis, Jones chegou a ser aos catorce anos o xogador máis novo do Campionato Estadounidense Afeccionado.

Jones era moi perfeccionista co seu xogo e el mesmo sometíase a unha gran presión psíquica, nalgún torneo ata chegou a perder varios quilos de peso por culpa do estrés. Outra das súas características era o mal xenio, polo que non era raro velo tirar con furia os paus durante os torneos e nunha ocasión foi suspendido por un tempo.

Despois de retirarse do golf aos vinte e oito anos, Jones exerceu a súa profesión de avogado, escribiu libros sobre golf e deu clases. Jones foi pioneiro en rodar filmes instrutivos de golf por encargo da Warner Bros. Tamén asesorou a empresa Spalding na construción de paus. Tras rexeitar 200 modelos diferentes, deu finalmente a súa aprobación a un xogo de paus que o satisfixo. Distinguíanse do resto por ter unha vara de aceiro, característica que acabou por substituír a madeira que se viña empregando ata entón. Outra innovación consistía en que cada pau se designaba por un número en lugar dos antigos nomes escoceses. Esta novidade converteuse en estándar. Jones deseñou xunto con Alister Mackenzie o Augusta National Course, inspirado en Old Course de St. Andrews (Escocia) e poucos anos máis tarde creou o Masters de Augusta.

Jones serviu dende 1942 como capitán no exército estadounidense durante a segunda guerra mundial e tomou parte no desembarco de Normandía. En 1948 foille diagnosticada unha rara doenza do sistema nervioso central, siringomielia, que enche a cavidade da espiña dorsal con fluídos que primeiro causan dores e logo parálise, o que lle impediu volver xogar ao golf. Padecía fortes dores nas costas e no pescozo. Ao principio empregaba un bastón para camiñar, logo tivo que apoiarse en muletas e por último quedou nunha cadeira de rodas. Tras vinte e dous anos de sufrir dores de diversa intensidade, faleceu aos sesenta e nove anos, tres días despois de converterse ao catolicismo. miniatura|Tumba de Jones no cemiterio Oakland

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas bobbyjones.com bobbyjonesgolfdvd.com World Golf Hall of Fame – Bobby Jones Georgia Sports Hall of Fame Bobby Jones Receives Freedom Of St. Andrews (1958) (archive film from the National Library of Scotland: Scottish Screen Archive) Bobby Jones no Salón da Fama del Golf Mundial

Categoría:Nados en Atlanta, Xeorxia Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en 1971 Categoría:Golfistas dos Estados Unidos de América