O pardal montés, tamén chamado pardal orelleiroPenas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. ou gorrión orelleiro, (Passer montanus)Eurasian Tree Sparrow (Passer montanus) (Linnaeus, 1758) en Avibase. é unha especie de ave paseriforme da familia Passeridae. É unha ave pequena, coa caluga e píleo de cor castaña e unha mancha negra sobre as meixelas brancas. Ambos os sexos teñen igual plumaxe, e os xoves son unha versión máis clara do adulto. Habita na maior parte de Eurasia temperada e o sueste asiático e foi introducido noutras rexións, como nos Estados Unidos. En Galicia é unha especie sedentaria relativamente común. Aínda que se recoñecen varias subespecies, a aparencia varía moi pouco entre elas. Constrúe o niño nunha cavidade natural, o burato dun edificio ou un niño abandonado por outras especies. A posta de ovos consta de cinco ou seis ovos, os cales fan eclosión en menos de dúas semanas. Este pardal aliméntase principalmente de sementes e en menor medida de invertebrados, sobre todo durante a tempada de reprodución. Igual que con outros paxaros pequenos, é común que sufra infeccións por parasitos, doenzas ou sexa depredado por aves rapaces. A súa esperanza de vida é de aproximadamente dous anos.

É moi común nas vilas e cidades de Asia oriental, mais en Europa vive en bosques e campos abertos, mentres que o seu parente, o pardal común (Passer domesticus), nidifica en zonas máis urbanas. Aínda que a nivel mundial está catalogada en canto ao seu estado de conservación como unha "especie pouco preocupante", en Europa occidental produciuse unha gran diminución nas súas poboacións, debido en parte aos cambios nas prácticas agrícolas que implican un aumento do uso de herbicidas e a perda de restroballos en inverno. En Asia oriental e o oeste de Australia esta especie é considerada unha praga, aínda que tamén serviu de inspiración na arte do oriente distante.

Descrición

miniatura|esquerda|Unha cría. A maioría dos pardais miden de media de 10 a 20 cm de longo, teñen unha plumaxe predominantemente parda ou cincenta, con cola curta e cadrada, e peteiro curto e cónico. O pardal montés é lixeiramente máis pequeno (aproximadamente un 10 %) que o pardal común. As súas medidas son 12,5 a 14 cm de lonxitude, unha envergadura de aproximadamente 21 cm e un peso de 24 g. No adulto, o píleo e a caluga son de cor castaña e baixo o oído ten unha mancha negra en forma de ril que contrasta coa meixela branca pura; o queixo, a gorxa e o peteiro son negros. As partes superiores do corpo e as ás son de cor marrón clara con franxas negras, e salientan dúas liñas brancas distintivas nas ás. As patas son marróns claras, mentres que o peteiro, dun ton azul chumbo en verán, faise case negro en inverno.

Esta especie é a única do seu grupo taxonómico sen diferenzas na plumaxe entre os sexos. A plumaxe dos xoves é moi similar á dos adultos, aínda que as cores tenden a ser máis apagadas. Os xoves teñen as meixelas e a mancha da gorxa en tons cincentos e as partes superiores do corpo con franxas grises verticais. O padrón de cores na face é distintivo en calquera idade; na cabeza do macho novo obsérvase unha coloración gris parda, mentres que no adulto o píleo é de cor cobre, sen tons grises. Os adultos e xoves fan unha lenta muda completa en outono, época do ano na que aumentan a súa masa corporal e reducen a graxa almacenada. Á vez que ocorren estes cambios, aumenta a cantidade de auga e sangue no corpo para apoiar o crecemento activo de plumas.

Non ten un canto afinado (ou é bastante silencioso), e as súas vocalizacións inclúen unha serie sons de tipo tschip nas chamadas de machos sen parella ou en cortexo. Utiliza outros renxidos monosilábicos nos contactos sociais, e a chamada de voo é un tec áspero. Un estudo comparativo das vocalizacións dunha poboación de aves procedentes de Alemaña introducida en Missouri demostrou que, en comparación cos pardais europeos, as aves estadounidenses tiñan unha variedade reducida de sílabas compartidas (ou memes) e unha maior estrutura dentro da poboación. Isto podería ser o resultado do pequeno tamaño da primeira poboación de América do Norte e a conseguinte perda de diversidade xenética.

Taxonomía

O pardal montés é unha das especies do xénero Passer, clasificado dentro da familia Passeridae. É un grupo de pequenas aves paseriformes que contén entre 15 e 25 especies. Estudos xenéticos indican que o pardal montés se separou relativamente cedo dos demais membros eurasiáticos do seu xénero, é dicir, antes da especiación de P. domesticus, P. flaveolus e P. hispaniolensis. En contra das suposicións de moitos norteamericanos, ningunha das especies eurasiáticas está relacionada co Spizelloides arborea, que é un Emberizidae.

O nome binomial deriva de dúas palabras latinas: passer, 'pardal' e montanus, 'das montañas'. A especie foi descrita por primeira vez por Carl von Linné na súa obra Systema naturæ (1758) co nome Fringilla montana. . Posteriormente, foi trasladada, xunto co pardal común, desde os pimpíns (familia Fringillidae) ao novo xénero Passer, creado polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson en 1760. O epíteto específico montanus non reflicte axeitadamente as preferencias de hábitat desta especie. O nome "orelleiro" fai referencia á mancha escura que ten na zona do oído.

Subespecies

O aspecto da especie varía pouco en toda a súa distribución xeográfica e as diferenzas entre as sete subespecies existentes recoñecidas son leves. Aínda que se propuxeron polo menos quince subespecies, a maioría son híbridos das subespecies enumeradas. P. m. montanus, a subespecie nominal, habita en toda Europa, excepto o suroeste da Península Ibérica, o sur de Grecia e na antiga Iugoslavia. Esta é a subespecie que aparece en Galicia. Tamén nidifica no leste de Asia ata o río Lena e ao sur das rexións setentrionais de Turquía, o Cáucaso, Kazakhstán, Mongolia e Corea. P. m. transcaucasicus, descrita por Serguei Aleksándrovich Buturlín en 1906, habita desde o sur do Cáucaso oriental ata o norte de Irán. É máis escuro e gris que a subespecie nominal. P. m. dilutus, descrita por Charles Wallace Richmond en 1856, no extremo nordeste de Irán, o norte de Paquistán e o noroeste da India. Tamén aparece máis ao norte, desde Uzbekistán e Tadjiikistán ata o leste da China. En comparación con P. m. montanus, ten unha plumaxe máis clara e cun dorso marrón area. P. m. tibetanus, a subespecie de maior tamaño, foi descrita por Edward Charles Stuart Baker en 1925. Atópase nos Himalaias setentrionais, atravesa o Tíbet desde o leste do Nepal ata o noroeste da China. É máis semellante a P. m. dilutus, pero é máis escura. P. m. saturatus, descrita por Leonhard Hess Stejneger en 1885, nidifica na illa de Sakhalin, as Kuriles, o Xapón, Taiwán e Corea do Sur. A cor é máis marrón en comparación coa subespecie nominal e ten un peteiro máis grande. P. m. malaccensis, descrita por Alphonse Joseph Charles Dubois en 1885, encóntrase desde o sur dos Himalaias occidentais ata o leste de Hainan e Indonesia. É unha ave escura, como P. m. saturatus, pero máis pequena e con liñas máis grosas nas súas partes superiores. P. m. hepaticus, descrita por Sidney Dillon Ripley en 1948, habita desde o nordeste de Assam ata o noroeste de Birmania. É similar a P. m. saturatus, pero a cabeza e o dorso son máis avermellados.

Distribución e hábitat

miniatura|Grupo sobre as pólas dunha árbore. A área de reprodución natural comprende a maior parte da Europa temperada e Asia ata o sur do paralelo 68°  N (en latitudes máis ao norte os veráns son demasiado fríos e con temperaturas medias por debaixo dos 12 °C en xullo) e desde o sueste asiático ata Xava e Balí. En Europa está ausente en Islandia, nalgunhas rexións de Escocia e Irlanda, así como grandes zonas de Escandinavia, Finlandia, Grecia e parcialmente en Asia Menor. Antigamente nidificaba nas illas Feroe, Malta e Gozo. No sur de Asia encóntrase principalmente nas zonas temperadas. É sedentaria na maior parte da súa distribución xeográfica, pero as poboacións máis setentrionais migran ao sur para invernar, polo que a densidade de poboación aumenta nos meses de inverno no norte de África, sur de Europa, Turquía e o norte do subcontinente indio. Algúns grupos máis reducidos parten desde o sur de Europa cara ao norte de África e Oriente Medio. A subespecie P. m. dilutus chega á franxa costeira de Paquistán en inverno e bandadas de miles destas aves poden atravesar o leste da China en outono.

A especie introduciuse fóra da súa distribución xeográfica natural, pero non sempre conseguiu establecerse permanentemente, quizais debido á competencia co pardal común. Foi introducida con éxito en Sardeña, no leste de Indonesia, Filipinas, as illas Canarias e Micronesia, pero as introducións en Nova Zelandia e as Bermudas non prosperaron. Certas poboacións que viaxaron en barcos lograron colonizar a illa de Borneo. Tamén apareceu como ave errante en Xibraltar, Tunisia, Alxeria, Exipto, Israel e Dubai. Un pequeno grupo cruza o estreito de Xibraltar entre setembro e metade de novembro para pasar o inverno no norte de África; regresan en marzo ou abril.

miniatura|esquerda|Niño baixo a tella dunha casa de madeira no Xapón. Os membros de Passer encóntranse, polo xeral, en hábitats abertos (lixeiramente boscosos), aínda que varias especies, en particular o pardal común (P. domesticus), adaptáronse ás zonas urbanas. En América do Norte, unha poboación de arredor de 15 000 aves estableceuse en St. Louis, nas áreas lindantes de Illinois e no sueste de Iowa. Este grupo descende de doce aves importadas de Alemaña e ceibadas a finais de abril de 1870, como parte dun proxecto para aumentar a avifauna nativa norteamericana. Dentro da súa limitada distribución xeográfica nos Estados Unidos, a especie ten que competir co pardal común nos centros urbanos e, por tanto, encóntrase principalmente en parques, granxas e bosques rurais. En Australia, está presente en Melbourne, cidades do centro e norte de Victoria e algunhas localidades de Riverina en Nova Gales do Sur. En Australia Occidental é unha praga para a agricultura, onde moitas veces chega en barcos desde o sueste asiático.

Malia o que indica o seu nome científico, Passer montanus non habita en zonas moi montañosas e só alcanza os 700 m en Suíza, aínda que ten nidificado a 1700 m no norte do Cáucaso e ata 4270 m no Nepal. En Europa, encóntrase con frecuencia en cantís costeiros, edificios baleiros, salgueiros podados ao longo dos cursos lentos de auga, ou en campo aberto con pequenos parches illados de bosque. Manifesta unha forte preferencia por hábitats próximos a zonas húmidas e rexeita nidificar en explotacións agrícolas mixtas xestionadas de maneira intensiva.

En xeral, cando o pardal montés e o común habitan na mesma zona, este último nidifica nas zonas urbanas mentres que o montés o fai no campo; en gran parte de Australia ocorre o oposto. En rexións con poucas árbores, como en Mongolia, ambas as especies poden utilizar estruturas artificiais para faceren o niño. O pardal montés é unha ave rural en Europa, pero é urbana no leste de Asia; en Asia meridional e central, ambos os paséridos poden establecerse nos arredores de cidades e vilas. Nalgunhas partes do Mediterráneo, como en Italia, tanto o pardal montés coma o pardal mouro e o pardal italiano habitan en colonias.

Comportamento e ecoloxía Reprodución

miniatura|Un polo.