Walter Winchell, nado en Nova York o 7 de abril de 1897 e finado nos Ánxeles o 20 de febreiro de 1972, foi un xornalista estadounidense, considerado o inventor da columna de sociedade actual.
Traxectoria Winchell naceu en Nova York, fillo de Jennie (Bakst) e o vendedor Jacob Winchell, inmigrantes xudeus rusos. Na súa mocidade actuou en varias compañías de vodevil e espectáculos.
Comezou a súa carreira no xornalismo na década de 1920, tras publicar varias informacións de rumores relacionadas coas xiras dos grupos de espectáculos. En 1924 foi contratado por New York Evening Graphic como columnista da sección de sociedade e cronista de sucesos. Cinco anos despois pasou a formar parte do cadro de New York Daily Mirror, propiedade de William Randolph Hearst, e a súa columna comezou a distribuírse a outros xornais de todo o país pertencentes a King Features.[archives.nypl.org/the/21480 Walter Winchell papers, 1920-1967], New York Public Library for the Performing Arts
Debutou na radio en maio de 1930, contratado por Blue Network (propiedade de NBC ata 1943, e posteriormente de ABC) para narrar novas de sociedade e espectáculos, dentro dun espazo patrocinado pola empresa Lucky Strike. Grazas ao seu estilo para contar as historias e as súas exclusivas, Winchell logrou un espazo propio nesa cadea e pasou a ser un dos reclamos para as vendas dos diarios de Hearst. Mantendo o mesmo estilo, introduciu novas de política para ser un dos primeiros que atacou directamente a Adolf Hitler e os partidos estadounidenses de ultradereita. Coa entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, as súas columnas pasaron a estar dominadas por ese tema.
Walter Winchell tivo unha evolución política: aínda que na década de 1930 defendeu ideas consideradas como de esquerda e apoiou o presidente Franklin D. Roosevelt, ao rematar a guerra pasou a ter unha ideoloxía conservadora e antisoviética, chegando a apoiar teses como as de McCarthy na súa columna e no seu programa. O programa de radio pasou a ser retransmitido de forma simultánea para televisión en 1955 por ABC, mais a perda de espectadores provocou que o espazo televisivo fose cancelado. A súa fama comezou a caer e pasou a realizar outros traballos como a narración da serie The Untouchables ou un espazo de variedades, e finalmente acabou por caer no esquecemento como xornalista. En 1957 deixou a radio e en 1963 desvinculouse definitivamente da empresa Hearst.
O suicidio do seu fillo en 1968 levouno a anunciar a súa retirada definitiva dos medios de comunicación. En 1972, faleceu nos Ánxeles vítima dun cancro de próstata. Está enterrado no Greenwood/Memory Lawn Mortuary & Cemetery de Phoenix.
Estilo Winchell marcou unha tendencia á hora de revelar segredos dos famosos e diversos espectáculos, e o seu estilo foi continuado por outros xornalistas como Ed Sullivan e Louella Parsons. O seu estilo é coñecido nos Estados Unidos como gossip column (literalmente, "columna de rumores"), e estaba baseado en frases curtas cheas de linguaxe coloquial e evasivas para eludir a desaprobación dos editores, escribindo para todo tipo de lectores. No seu programa de radio narraba as novas de xeito rápido e valéndose dun telégrafo, que facía sonar para crear unha sensación de urxencia. Dada a súa influencia no público, os comentarios de Winchell podían afectar a carreira profesional dun artista ou mesmo de políticos e xornalistas, especialmente despois da segunda guerra mundial.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Brooks, Tim e Marsh, Earle, The Complete Directory to Prime Time Network and Cable TV Shows.
Ligazóns externas Walter Winchell papers, 1920–1967, held by the Billy Rose Theatre Division, New York Public Library for the Performing Arts A remembrance by a contemporary Dick Cavett remembers an evening with WW FBI file on Walter Winchell
Categoría:Nados en Nova York Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1972 Categoría:Xornalistas dos Estados Unidos de América Categoría:Personalidades da radio dos Estados Unidos de América Categoría:Finados por cancro Categoría:Paseo da Fama de Hollywood Categoría:Estadounidenses de ascendencia rusa Categoría:Estadounidenses de ascendencia xudía