Amy é un documental británico de 2015 sobre a vida e morte da cantante e compositora inglesa Amy Winehouse, dirixido por Asif Kapadia e producido por James Gay-Rees, George Pank e Paul Bell, coproducido por Krishwerkz Entertainment, On The Corner Films, Playmaker Films e Universal Music, en asociación con Film4 Productions. A película cobre a vida de Winehouse e a súa loita contra o abuso de substancias, tanto antes como despois de alcanzar o éxito, e que finalmente provocaron a súa morte .
En febreiro de 2015 un avance do documental, titulado simplemente Amy, presentouse no acto previo á cerimonia de entrega dos premios Grammy 2015. David Joseph, director executivo de Universal Music no Reino Unido, anunciou que o documental se estrearía ese ano. Dixo ademais: "Fai un par de anos decidimos facer unha película sobre ela, a súa carreira e a súa vida. É unha película moi complicada e agarimosa. Aborda moitas cousas sobre a familia e os medios de comunicación, a fama, a adicción, pero o máis importante, captura o corazón mesmo do que ela era, que é unha persoa asombrosa e un verdadeiro xenio da música". O documental fixo a súa estrea no Festival Internacional de Cinema de Cannes do ano 2015 e presentouse no Reino Unido no Festival Internacional de Cinema de Edimburgo.
O documental foi distribuído por Altitude Film Distribution e A24, estreouse nas salas de cine o 3 de xullo de 2015 e recibiu críticas positivas. O documental obtivo 33 candidaturas e conseguiu un total de 30 premios, incluíndo o mellor documental da Academia de Cine Europea na 28ª edición dos Premios do Cinema Europeo, o premio BAFTA ó mellor documental na 69ª ceriminia dos premios BAFTA, o premio Grammy ó mellor vídeo musical de formato longo na 58ª edición dos premios Grammy, o premio Óscar ó mellor documental na 88ª edición dos Óscar e o mellor documental na cerimonia dos MTV Movie Awards de 2016. O éxito do documental e a música da banda sonora orixinal proporcionáronlle a Winehouse unha segunda candidatura na cerimonia dos Brit Awards do ano 2016 na categoría de "mellor solista británica".
Argumento A narrativa céntrase na vida da cantante e compositora Amy Winehouse, que foi atopada morta o 23 de xullo de 2011 a consecuencia dunha intoxicación etílica, á idade de 27 anos na súa casa en Camden, ó norte de Londres.
miniatura|210px|dereita|Amy Winehouse, a personalidade obxecto do documental, nunha actuación durante o Virgin Festival, Pinlico, Baltimore no ano 2007. O documental comeza cun vídeo doméstico mostrando a Amy Winehouse con 14 anos cantando coa súa amiga da infancia, Juliette Ashby, na festa de aniversario dunha amiga común, Lauren Gilbert, nunha casa en Southgate, Londres. O resto do documental amosa a vida da compositora, en orde cronolóxica dende a infancia, a súa carreira musical, acadando o éxito comercial co seu álbum debut, Frank (2003), e o segundo álbum e definitivo, Back to Black (2006), as súas problemáticas relacións, autolesións, bulimia, a polémica atención por parte dos medios de comunicación, e a súa caída causada pola adicción ás drogas e ó alcol, ata a súa morte no ano 2011. Winehouse aparece ó longo da película falando acerca das súas influencias iniciais e o que sentía sobre a fama, o amor, a depresión, a familia e a súa carreira musical.
Kapadia realizou máis de 100 entrevistas cos amigos e a familia de Winehouse que se combinan para proporcionar unha narrativa sobre a vida da intérprete e define "a cantante segundo as súas propias palabras". A película mostra unha extensa metraxe e cancións inéditas que a cantante inglesa gravara nos anos previos á súa morte. As cancións inéditas presentadas na película son 8 versións raras gravadas en vivo, como Stronger Than Me, In My Bed, What Is It About Men? e as cancións We're Still Friends de Donny Hathaway e Moon River de Johnny Mercer, de cando Winehouse participou na National Youth Jazz Orchestra con 16 anos no ano 2000 ou as cancións nunca antes escoitadas que a compositora escribiu, como Detachment e You Always Hurt The Ones You Love.
Hai numerosas imaxes de arquivo inéditas de Winehouse, como a gravación co seu amigo Tyler James nun taxi en xaneiro de 2001, indo de xira no coche e o vídeo da súa amiga Lauren Gilbert, durante unhas vacacións en Mallorca, en agosto de 2005. O documental tamén amosa varias entrevistas, como con Jonathan Ross, Tim Kash, e un divertida entrevista onde Winehouse fala sobre Dido no 2004, durante a promoción do seu álbum debut. O documental tamén inclúe unha actuación de Winehouse en directo dende Londres para a 50ª edición dos premios Grammy no ano 2008, na que conseguiu o premio ó disco do ano.
A cinta mostra tamén imaxes de cando foi gravada co seu mozo Blake Fielder-Civil, cando realizou a audición para Island Records, en febreiro de 2003, cantando I Heard Love Is Blind e algunhas actuacións. Ademais inclúe imaxes de cando gravou o seu segundo álbum en marzo de 2006 e o dueto con Tony Bennett interpretando Body and Soul en marzo de 2011, a súa última gravación antes de falecer. Tamén se amosan algunhas tomas da súa desastrosa actuación en Belgrado (Serbia) un mes antes de morrer. A película acaba coas palabras da súa vella amiga Juliette Ashby falando sobre a última conversa telefónica que mantivo con Amy Winehouse, imaxes de cando sacaron o corpo sen vida de Winehouse da súa casa en Camden e deseguido escoitase a Tony Bennett dicindo: "a vida ensínache verdadeiramente como vivila, se vives o tempo suficiente". A continuación móstranse imaxes de tres días despois, durante o seu funeral, no cemiterio de Edgwarebury e no crematorio de Golders Green ó norte de Londres. Nos créditos do final vense vídeos de Winehouse dende a infancia ata a súa morte e escoitase Amy Forever, do compositor Antônio Pinto.
Intervencións Contribuíron de xeito destacado no documental, mediante material de arquivo e a través de entrevistas gravadas, as seguintes persoas:
Amy Winehouse Mitchell Winehouse, seu pai Janis Winehouse, súa nai Raye Cosbert, representante e promotor Nick Shymanksy, exrepresentante e amigo Blake Fielder-Civil (como Blake Fielder), exmarido Tyler James, amigo e compañeiro de piso Juliette Ashby, amiga e compañeira de piso Lauren Gilbert, amiga Blake Wood, amigo Mos Def (como Yasiin Bey), músico Pete Doherty, músico Tony Bennett, músico Mark Ronson, produtor Salaam Remi, produtor Andrew Morris, gardacostas Cristina Romete, doutora Chip Somers, orientador sobre drogas Sam Beste, pianista Dale Davis, director musical e baixo Shomari Dilon, enxeñeiro de son 'Spiky' Phil Meynell, promotor do Trash Club Monte Lipman, conselleiro de administración e director executivo de Republic Records Lucian Grainge, xefe de Universal Music Group Guy Moot, presidente de Sony/ATV Music Publishing no Reino Unido Nick Gatfield, presidente de Island Records Darcus Beese, descubridor de talentos de Island Records
Produción No ano 2012, Universal Music contactou por primeira vez co produtor cinematográfico James Gay-Rees para saber se o equipo que levara a cabo o filme documental sobre Ayrton Senna estaría interesado en crear un proxecto sobre Amy Winehouse.
O 25 de abril de 2013, anunciouse que o equipo responsable de realizar o filme documental Senna (2010), incluído o seu director Asif Kapadia, e mais Universal Music estaban facendo unha película sobre a cantante e compositora Amy Winehouse. Desvelouse que o filme se faría de xeito similar ó doccumental sobre Ayrton Senna e que se mostrarían imaxes nunca antes vistas sobre Winehouse. Kapadia e Gay-Rees declararon: "todos caeron baixo o seu feitizo. Mais traxicamente, Amy semellou derrubarse baixo a implacable atención dos medios de comunicación, as súas problemáticas relacións, o éxito internacional e o precario estilo de vida". O proxecto presentouse no Festival Internacional de Cannes do ano 2013 e informouse de que o documental se estrearía no ano 2015.
Música O documental presenta varias cancións inéditas que Winehouse rematara entre os inicios da súa carreira no ano 2003 e a súa morte. A película inclúe gravacións en vivo como There Is No Greater Love, Stronger Than Me, In My Bed, Rehab e What Is It About Men, un cover de Moon River de Johnny Mercer do ano 2000, de cando Winehouse tiña 16 anos para a National Youth Jazz Orchestra, We're Still Friends de Donny Hathaway, e cancións nunca escoitadas antes escritas pola cantante, como Detachment e a letra de You Always Hurt The Ones You Love, en combinación coas composicións de Pinto. As gravacións de Winehouse son de marzo de 2006 de cando estaba gravando o sinxelo Back to Black e tamén hai cortes e gravacións editadas das súas cancións máis coñecidas, que axudan a revelar cada unha das secuencias do filme.
Banda sonora
O 8 de outubro do ano 2015, Island Records anunciou que a banda sonora da película se lanzaría o 30 de outubro dese mesmo ano. A banda sonora recolle varias cancións que aparecen no documental; incluíndo as clásicas cancións de Winehouse e mais as composicións presentadas para a película polo compositor Antônio Pinto. A banda sonora lanzouse de segundas en formato vinilo no Reino Unido e Irlanda o 1 de abril de 2016.
O álbum de vinte e tres temas inclúe cancións coñecidas de Winehouse, como Stronger Than Me, Tears Dry on Their Own e Back to Black, gravacións en vivo de What Is It About Men, Rehab, We're Still Friends e Love Is a Losing Game, demos como Some Unholy War e Like Smoke; un cover de Valerie de The Zutons interpretado por Winehouse e Mark Ronson e unha versión do ano 2011 de Body and Soul interpretada por Winehouse e Tony Bennett. A banda sonora é o segundo álbum póstumo da intérprete británica.
O éxito comercial e a música que acompaña o documental proporcionáronlle a Winehouse a súa segunda candidatura póstuma nos premios BRIT 2016 a "mellor solista británica", galardón que finalmente conseguiu Adele. Non obstante, o documentan obtivo un premio Grammy ó "mellor filme musical" na cerimonia dos premios Grammy do ano 2016.
Lanzamento Amy estreouse o 3 de xullo de 2015 no Reino Unido, en Nova York e Os Ánxeles e mundialmente o 10 de xullo.
O documental celebrou a súa estrea o 16 de maio de 2015 na sección proxeccións de medianoite no Festival Internacional de Cinema de Cannes 2015. Músicos como Haim, Leona Lewis e Emeli Sandé estaban entre os asistentes e reuníronse para o evento xunto co equipo de filmación. A película presentouse no Reino Unido no Festival Internacional de Cinema de Edimburgo en xuño de 2015.
Fíxose unha proxección especial da película nos cines de todo o Reino Unido o 30 de xuño de 2015, transmitíndose en vivo durante a London GALA Premiere celebrada no cinema Picturehouse. Trala proxección o director de cine Asif Kapadia, o produtor James Gai-Rees e Nick Shymansky, amigo da cantante, responderon as cuestións que o público presentou a través de Facebook e Twitter e as preguntas que efectuou a audiencia nas salas de cine. O evento concluíu cunha homenaxe a Amy Winehouse, emitíndose o vídeo musical da intérprete do ano 2007 Love Is a Losing Game.
Promoción A campaña de prelanzamento iniciouse o 8 de febreiro de 2015 durante o evento previo á cerimonia dos premios Grammy 2015. Como parte da campaña de prelanzamento presentouse para a ocasión en Twitter un cartel cinematográfico do filme documental o 18 de marzo de 2015 e o primeiro avance saíu o 2 de abril de 2015 e tivo máis de 2 millóns de visualizacións na canle de YouTube de Altitude Film. A metraxe da campaña de prelanzamento mostra a Winehouse como unha moza ó principio da súa carreira musical respondendo cuestións acerca de como se vía a si mesma como artista e que sintía sobre a fama.