Salvador Illa Roca, nado en La Roca del Vallès o 5 de maio de 1966, é un político catalán, secretario da organización do Partido dos Socialistas de Cataluña (PSC) dende 2016, e presidente da Generalitat de Catalunya dende 2024. Foi alcalde de La Roca del Vallès en dous períodos separados entre 1995 e 2005. Foi ministro de Sanidade de España do 13 de xaneiro de 2020 ao 26 de xaneiro de 2021, durante o segundo goberno de Pedro Sánchez; deixou o cargo para presentarse como candidato do PSC ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021.

Traxectoria Nado o 5 de maio de 1966 en La Roca del Vallès, en Vallès Oriental, licenciouse en Filosofía pola Universidade de Barcelona. Converteuse en rexedor do concello de La Roca no ano 1987. Afiliado ó Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) dende 1995, foi investido alcalde de La Roca en 1995, logo do pasamento do daquela alcalde Romà Planas. Desaloxado da alcaldía logo dunha moción de censura en febreiro de 1999, volveu á alcaldía despois das eleccións municipais de xuño de 1999, nas que a lista do PSC obtivo unha maioría absoluta.

De setembro de 2005 a abril de 2009 foi director xeral de Xestión de Infraestruturas do Departamento de Xustiza da Generalitat de Cataluña.

Foi director da Área de Xestión Económica do Concello de Barcelona entre 2010 e 2011 e coordinador do Grupo Municipal Socialista no Pleno municipal entre 2011 e 2016.

En novembro de 2016, Miquel Iceta escolleu a Illa para o cargo orgánico de secretario da Área de Organización do PSC. Durante o proceso independentista, Illa foi un dos principais representantes do PSC nas manifestacións da entitade Sociedade Civil Catalá.

O 13 de xaneiro de 2020, Illa entrou a formar parte do novo goberno de Pedro Sánchez como Ministro de Sanidade, cargo que anteriormente ocupaba María Luisa Carcedo. O 30 de decembro de 2020 foi designado polo Consello Nacional do PSC como cabeza de lista ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021, e o 26 de xaneiro de 2021 deixou o cargo de ministro de Sanidade.

A finais de decembro de 2020, o PSC anunciou que o primeiro secretario do partido, Miquel Iceta, faría un paso atrás e non sería o candidato do Partido Socialista nas eleccións autonómicas catalás de 2021; e no seu canto, o candidato sería o daquela ministro de Sanidade, Salvador Illa.

Nas eleccións, que tiveron lugar o 14 de febreiro de 2021, o partido que representaba Illa conseguiu ser o máis votado con 651 627 votos e 33 escanos.

Notas

Categoría:Nados en 1966 Categoría:Políticos do PSC Categoría:Ministros de España Categoría:Ministros do Goberno de España da XIV Lexislatura Categoría:Alumnos da Universidade de Navarra Categoría:Alumnos da Universidade de Barcelona