As eleccións ao Parlamento do País Vasco de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma do País Vasco. As eleccións estaban previstas nun principio para celebrárense o 5 de abril de 2020, mais foron adiadas por mor da pandemia de COVID-19. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento de Galicia.

O 4 de febreiro de 2020, o Lehendakari Iñigo Urkullu debatiu a posibilidade dun adianto electoral dentro dunha reunión do gabinete, cumprindo un requisito legal anterior a calquera convocatoria electoral e provocando especulacións de que unhas eleccións autonómicas eran inminentes. Seis días despois, o 10 de febreiro, Urkullu confirmou a data das eleccións para o 5 de abril, procurando distanciarse do panorama político en Cataluña despois dunha convocatoria de eleccións anunciada polo presidente da Generalitat Quim Torra. O anuncio das eleccións vascas provocou que o presidente de Galicia Alberto Núñez Feijóo convocase tamén as eleccións de maneira anticipada. Porén, o 16 de marzo anunciouse que as eleccións serían adiadas por mor da pandemia de COVID-19 en España, pouco despois de que o Presidente do Goberno de España Pedro Sánchez declarase o confinamento nacional o día anterior.

O Partido Nacionalista Vasco de Urkullu mantivo o seu dominio como partido máis votado no Parlamento Vasco, obtendo o seu mellor resultado dende 1984, o cal sumado ó incremento de apoio do seu socio na lexislatura anterior, o Partido Socialista de Euskadi - Euskadiko Ezkerra, permitiulle a Urkullu estabelecer unha maioría de goberno en coalición. O partido de esquerda nacionalista EH Bildu conseguiu o seu maior resultado histórico, beneficiándose do colapso de Elkarrekin Podemos, que perdeu case a metade de apoios. A alianza PP+Cs composta do Partido Popular do País Vasco (PP) e Cidadáns (Cs) perdeu case a metade dos escanos que o PP tiña nas eleccións de 2016. O partido de extrema dereita españolsta Vox entrou no Parlamento por vez primeira cun só escano.

Notas

Categoría:Eleccións ao Parlamento do País Vasco Categoría:Eleccións celebradas en 2020