Manuel García Sánchez, máis coñecido polo sobrenome literario de Manuel García-Galano, nado en Tapia de Casarego o 24 de maio de 1922 e finado en Siero o 28 de agosto de 2016, foi un escritor asturiano en galego. Traxectoria

Natural do lugar de El Pico da parroquia tapiega da Roda foi de novo músico afeccionado e formou parte da Banda de Música de Salave tras a súa reconstitución logo da Guerra Civil española e ata a súa disolución en 1944 e logo pasou a colaborar coa Filharmónica de Tapia, localidade na que se aveciñou en 1948 ao aprobar as oposicións a funcionario e alí tamén colle afección ao teatro, colaborando como actor en grupos afeccionado da vila e en 1950 escribiu as pezas El casado casa quer en colaboración con Joaquín Pérez Núñez e Americano del pote con Ramón Santamarina. Entre 1979 e 1991 dirixiu o grupo Ameicer que estreou once das súas pezas, de carácter costumista recolléronse no volume Mareaxes tapiegos en 1993 e logo escribiu sainetes para o grupo Pico de Faro da localidade da Roda que se publicaron no ano 2000 no tomo Erguendo el telón. Outras pezas recolléronse en 2014 en edicións de difusión limitada.

Como narrador publicou en 1984 so o título Parzamiques un conxunto de cinco contos. En 1991 gañou o I Premio Xeira co relato A terra é a terra que incluíu na segunda edición, canda outro texto máis, de Parzamiques en 1993 ata totalizar un total de sete relatos. En 2010 recolleu en Faraguyas un total de 23 relatos curtos. Foi colaborador da revista Entrambasauguas dende a súa aparición en 1996 e deu ao prelo Vento d'outono en 2005 cos vinte textos da súa autoría ata daquela.

Con Jacinto Díaz López recompilou un Vocabulario d'A Roda (Tapia) que publicou en 1994 e nunha segunda edición mellorada en 1996. Non obstante, na maioría da súa produción empregou as formas propias de Tapia (l- inicial fronte ao ll- da Roda; l intervocálico en formas como tolo fronte ao tollo da Roda; unha fronte ao úa da Roda). A Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) nomeouno membro de honor en 2006 e malia aceptar as normas elaboradas polas institucións asturianas amosouse partidario de chegar a un estándar de consenso entre os expertos asturianos e mailos galegos.

Notas

Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Nados en Tapia de Casarego Categoría:Dramaturgos en lingua galega Categoría:Escritores de Asturias en lingua galega