Forcis (ou Forco) foi unha das divindades mariñas da segunda xeración divina, fillo de Xea (a Terra) e Ponto (o Mar, as Ondas) Ponto era fillo de Xea,procreado sen recorrer a elemento masculino (Hesíodo: Teogonía 131-132), ou de Xea con Éter (o Ceo) (Hixino: Fábulas, prólogo 3). Outras fontes din que Forcis, Crono e Rea foron os descendentes máis antigos dos titáns Océano e Tetis.. Outros fillos de Xea e Ponto foron Ceto (un monstro acuático), Nereo (o pai das Nereidas), Taumante (pai das Harpías) e Euribia. Como Nereo e Proteo, Forcis considérase un dos Vellos do Mar.

Casou coa súa irmá Ceto, e tiveron numerosos fillos, de carácter monstruoso: as Graias (ou Fórcides, personificación da vellez eterna), as Gorgonas, Equidna, as tres Hespérides e mais a serpe ou dragón que coidaba das mazás do Xardín das Hespérides (Ladón Por veces citado como fillo de Tifón e Equidna, e por tanto neto de Forcis e Ceto.). Algunhas tradicións tamén os fan pais do monstro mariño Escila, e a Forcis coa musa Terpsícore, das sereas, que tradicionalmente se consideran fillas do deus-río Aqueloo.

Existe unha lenda romana, que recolle Varrón, segundo a cal Forcis sería un antigo rei de Córsega e Sardeña que morreu loitando contra Atlas. Botárono ó mar e foi posteriormente divinizado.

Iconografía Forcis representábase como un home robusto, de longas barbas, rodeado de animais mariños. Tamén como un tritón, con cola de peixe e patas en forma de pinzas de cangrexo, e coa pel vermella e espigada. O seu atributo era un facho.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Ficha en Theoi.com

Categoría:Deuses gregos