dereita|miniatura|Malladora Campeva en Pumares, Carballeda de Valdeorras. Campeva (acrónimo de Campolongo Pérez Varela) foi unha marca galega de maquinaria agrícola. Estivo activa entre 1950 e 1996, e tiña a súa sede en Campolongo (Vilar, Pontedeume).
Historia
A empresa ten os seus antecedentes no obradoiro de ebanistaría e carpintaría aberto por Robustiano Varela Allegue en 1939. En 1947 xunto con José Juan Pérez Medín inventou unha máquina de mallar e limpar cereal, que comezaron a producir en 1950 co nome de “trilladora-aventadora Campeva”. Comezaron producindo entre seis e oito máquinas ao ano, e despois fixeron adaptación para distintos cereais (avea, centeo e trigo) e para as condicións de humidade dos lugares onde fosen operar.
En 1956 constituíuse a empresa Talleres Breamo SL, da man de Robustiano Varela, José Juan Pérez, Antonio Bouza Ameneiro, Eugenio Coira García e Jerónimo Barro Lage, xerente da empresa. Amais do obradoiro que fundara Robustiano Varela, a sociedade contaba cunha ferraxería, despois segregada e adxudicada a Antonio Bouza Ameneiro, quen foi substituído na compañía por Juan Ares Feal, xefe de vendas.
En 1960 construíron novas naves industriais, e en 1964 asinaron un convenio coa compañía John Deere para a distribución dos seus vehículos. En 1969 acadaron o maior nivel de produción con 150 máquinas. Amais de distribuírse por Galicia e O Bierzo, vendéronse tamén na Mancha e Valencia, e mesmo se exportaron algunhas unidades a Marrocos e a México.
As máquinas malladoras comezaron a quedar obsoletas coa aparición a finais da década de 1970 das máquinas colleitadoras, polo que a empresa comezou a fabricar este tipo de máquinas, e outras adaptadas para ser acopladas a tractores, como remolques autocargadores, segadoras rotativas de dous tambores (con acoplo frontal ou con acoplo traseiro), colleitadoras de forraxe e trilladoras-empacadoras.
A empresa pechou en setembro de 1996, aínda que algúns dos socios e dos traballadores quixeron mantela activa, se ben non foi posible acadar un plan de viabilidade.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J. (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza (ISBN 84-95892-38-3). Taboada Arceo, A. (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. A Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia (DL C-145-1971). Vázquez Vaamonde, M. C. (1995): La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.
Categoría:Empresas de Galicia Categoría:Fabricantes de maquinaria agrícola