Luisa Victoria de Fátima Franco Iglesias, coñecida como Lis Franco, nada en Caracas en 1965, é unha exfutbolista, xornalista e produtora audiovisual galega.

Histórica dianteira do Karbo Deportivo, no que entrou sendo nena e co que conquistou todos os títulos da historia do club, anotando ademais os goles decisivos nas finais da Copa da Raíña de 1981 e 1984. Formou parte da primeira selección española oficial.

Pasou logo a xogar ao fútbol sala e competiu na Primeira División co Meirás, co que gañou a Copa da Raíña de 1991. Exerceu tamén como xornalista, traballando en diarios como La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego, na televisión e na radio. Creou a produtora Meiga Audiovisual, que realizou programas para a Televisión de Galicia.

É filla do histórico futbolista arxentino do Deportivo da Coruña, Rafael Franco.

Traxectoria

No fútbol É filla da coruñesa Victoria Iglesias López e do futbolista e adestrador arxentino Rafael Franco, que fixo historia no Deportivo da Coruña formando parte da dianteira denominada Orquestra Canaro. Naceu en Caracas, na época na que seu pai adestraba á selección nacional de Venezuela. Comezou a darlle patadas ao balón en Venezuela e ao pouco tempo a familia instalouse en Galicia, cando Rafael Franco se puxo á fronte do Racing de Ferrol.

En 1975 entrou no Karbo Club de Fútbol, un equipo dun colexio do barrio coruñés dos Mallos dirixido por José Mañana. Tras varios anos xogando torneos amigables a RFEF incorporou o fútbol feminino en 1980, e en 1981 o Karbo conquistou en Tarragona a Copa Raíña Sofía, a primeira edición oficiosa da Copa da Raíña. Lis Franco foi autora dos dous goles na final fronte á Unión Risco das Palmas.

Dous anos máis tarde gañou co Karbo a primeira edición oficial da Copa da Raíña, na que derrotaron na final en Xetafe por 4-1 ao CD Porvenir madrileño. Ademais conquistou a primeira edición da liga galega. Ao ano seguinte revalidou ambos títulos, co equipo xa dentro da estrutura do Deportivo da Coruña, anotando de novo dous goles na final da Copa, ambos no partido de ida contra o Amasorrain en Riazor. En 1985 gañou a súa terceira liga galega e a súa terceira Copa da Raíña, tras derrotar na quenda de penaltis ao Barcilona. Gañou aínda dúas ligas galegas máis antes da desaparición do club en 1988.

No fútbol sala Coa desaparición do Karbo varias das súas xogadoras pasaron ao fútbol sala, e Lis entrou no novo equipo de fútbol sala do Colexio Liceo La Paz. Posteriormente pasou ao Meirás, co que xogou varios anos na Primeira división, e co que conquistou a Copa da Raíña e a Copa Ibérica en 1991.

Seleccións nacionais Debutou coa selección galega absoluta con só 11 anos, nun partido contra Castela no Campo do Inferniño de Ferrol.

En 1983 formou parte da primeira convocatoria oficial e da primeira aliñación da selección española que xogou o seu primeiro partido na Guarda contra Portugal, con vitoria portuguesa por 0-1. Puido ser a primeira goleadora oficial da selección no segundo partido deste, fronte a Suíza, pero errou un penalti e o encontro rematou con empate a cero. Non xogou máis partidos coa selección polo seu medo a voar.

A comezos dos anos 90 formou parte tamén da selección galega de fútbol sala.

Fóra do fútbol Aínda que estudou Dereito, despois de deixar o fútbol acabou dedicándose ao xornalismo deportivo. Comezou no diario Marineda, facéndose pasar por seu pai, e logo traballou en El Ideal Gallego, Marca, La Voz de Galicia, RadioVoz e a Radio Galega. Traballou tamén na televisión, como xefa de deportes de Telecoruña e Localia e creou a produtora Meiga Audiovisual, que realizou programas para a a Televisión de Galicia como Cancha Júnior ou Quero Pádel, presentados por ela mesma.

Palmarés Karbo Deportivo

Copa Raíña Sofía (1): 1981. Copa da Raíña (3): 1983, 1984, 1985. Liga galega (5): 1982/83, 1983/84, 1984/85, 1985/86, 1986/87. Copa Federación Galega de Fútbol (1): 1986/87.

Meirás Fútbol Sala

Copa da Raíña (1): 1991. Copa Ibérica (1): 1991.

Notas

Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados en 1965 Categoría:Futbolistas de Galicia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de España