miniatura|279x279px|Adolf Wölfli, 1910. O termo arte marxinal (ou outsider art, en inglés) foi acuñado polo crítico de arte Roger Cardinal en 1972 trasladando ao inglés o concepto de Art Brut, que fora concibido polo artista francés Jean Dubuffet para describir a arte creada fóra dos límites da cultura oficial. Aínda que o termo de Dubuffet era bastante específico, pois o seu interese se dirixía especialmente ás manifestacións artísticas feitas por pacientes de hospitais psiquiátricos, o termo outsider art facíase extensivo aos artistas autodidactas ou naïf, aínda que nunca fosen internados nunha institución psiquiátrica.

O artista marxinal é por tanto aquel que desenvolve o seu labor creativo sen contacto algún coas institucións artísticas establecidas, respondendo a unha forte motivación intrínseca e facendo uso frecuentemente de materiais e técnicas inéditos.

Unha gran parte da arte marxinal reflicte estados mentais extremos, idiosincrasias particulares ou elaborados mundos de fantasía.

Desde o ano 2000 o Premio Europeo EUWARD, que galardoa a artistas mentalmente discapacitados, vén provendo a este tipo de arte cun fórum internacional.

O Art Brut é un termo acuñado en 1945 por Jean Dubuffet para se referir á arte criada por xentes alleas ao mundo artístico sen unha formación académica. Dubuffet comezou a reunir unha colección desta clase de obras e a divulgalas por medio de exposicións e publicacións despois da segunda guerra mundial para quitarlle ás obras o rótulo de arte de enfermos mentais.

Dubuffet afirmaba que todos levamos un potencial creativo que as normas sociais actuais anulan. Isto obsérvase nas creacións de persoas que se manteñen á marxe da sociedade, como internos de hospitais psiquiátricos, autodidactas, solitarios, inadaptados ou anciáns. Desde 1945 Dubuffet recolle estas obras, fundando en 1948 a "Compagnie d´Art Brut" xunto a André Breton, Michel Tapié e outros. A colección formada chega ás 5000 obras, que se expoñen por primeira vez en 1967 no Museo das Artes Decorativas de París, instalándose definitivamente en 1976 no Château de Beaulieu de Lausana. A colección está formada na súa maioría por obras de enfermos psiquiátricos, xeralmente esquizofrénicos; a pesar diso, Dubuffet rexeitou sempre a idea de "arte psiquiátrica" afirmando que "non existe unha arte dos tolos". O art brut constitúe un aspecto fundamental do primitivismo asumido (aínda que se trate dunha expresión hoxe cuestionada) asumido ao longo de todo o século XX por algúns artistas que permanecen á marxe da modernidade.

Orixe Desde mediados do século XX, expresións como Art Brut e outsider art alentaron unha distinción problemática entre a arte realizada por artistas profesionais e acreditados e o feito por persoas «á marxe da sociedade», en moitos casos enfermos mentais, delincuentes, visionarios, autodidactas e médiums, entre outros individuos presuntamente «excéntricos».

O interese pola arte marxinal, ou outsider art, seguiu de cerca a evolución da psiquiatría e os esforzos por comprender os misterios da mente humana a finais do século XIX e comezos do XX. Dentro dos círculos artísticos, artistas como Paul Klee e Pablo Picasso buscaron unha arte espontánea, non adulterada polo saber, en contraste co que para eles era unha tradición occidental excesivamente sofisticada e centrada en si mesma. O seu interese crecente pola arte dos enfermos mentais coincidiu coas «redescubertas» da arte tribal, a arte popular e os debuxos infantís. Os expresionistas deron prioridade á intuición e a espontaneidade sobre a razón e o coñecemento, explorando as profundidades da psique para a creatividade autónoma.

As descricións da arte marxinal tenderon a basearse en factores sociolóxicos e psicolóxicos, e na diferenza fundamental dos artistas respecto dunha «norma» cultural dominante. Ese tipo de categorías é cada vez máis discordante coa sensibilidade post-moderna.

A noción de Art Brut inscríbese de forma precisa na revolución artística de principios do século XX. Marcado desde o século XVI no que se constrúe o mito do “bo salvaxe”, o interese polo primitivismo expándese por toda Europa cara a 1890 e altera profundamente o pensamento intelectual e estético. Os artistas sentiron a necesidade de se liberar da tradición e buscan valores e referencias novos. Delacroix marchou a Oriente en busca de salvaxismo e refinamento, Gauguin namorouse dos esplendores dos mares do sur, Picasso apaixonouse por estrañas producións tribais e Kandinsky marabillouse ante a pureza dos gravados populares. miniatura|"Extracción da pedra da tolemia", O Bosco, 1475-1480. O exotismo, o primitivo e o folklore favorecen, a diferentes niveis, un retorno ás fontes liberadoras. Algúns artistas oriéntanse cara a outros polos de alteridade, con virtudes rexeneradoras: a creación infantil, a arte espiritista e a produción dos asilos. Este entusiasmo pola alteridade ocupa un lugar determinante na historia do Art Brut.

Arte e tolemia Posiblemente poida falarse dalgún tipo de asimilación entre outras nocións de arte e tolemia desde a antigüidade, pero a ligazón destes dous conceptos establecerase fundamentalmente co romanticismo (finais do século XVIII), cando en relación ao racionalismo ilustrado exáltase a fascinación pola tolemia como fonte de inspiración artística. Co tempo adquiriría un valor paradoxal como sinónimo do xenio creador, e mesmo pasaría por ser pedra de toque da orixinalidade artística. A asociación entre enfermidade mental e arte, nun sentido máis estrito, empeza a establecerse a primeiros do século XIX co desenvolvemento da psiquiatría como disciplina autónoma, co empeño de comprender os múltiples misterios da mente humana. As posturas das vangardas históricas, pon unha énfase especial nos camiños dadaístas e surrealistas, correntes que ven na tolemia unha vía privilexiada cara a unha creatividade libre de trabas que impón a civilización burguesa.

Calquera asociación da arte coa tolemia é sumamente problemática, pois non cabe dúbida de que o acceso psicótico pode ser unha experiencia absolutamente perturbadora e extenuante; ademais, é de todo punto falso que a tolemia de seu confira talento artístico. O que vale a pena observar é que o nexo metafórico entre esas dúas clases de «posesión», a condición psicótica e o transo creativo, foi tomado moi en serio por moitos artistas, e por críticos das súas obras, e por tanto é un feito cultural que non se pode eludir facilmente.

Características A enteira concepción dun Art Brut ou arte marxinal descansa, en efecto, sobre a premisa dun individuo creador que opera en gran medida despreocupado (e idealmente desinformado) das expectativas dos demais. A interioridade é, en efecto, a clave da mentalidade do auténtico marxinal, cuxa obra xorde principalmente de imaxinar e elucubrar. Navegando a golpe de intuición, o creador espontáneo só atende ao seu rumbo particular, e parte sen piloto nunha dirección que prescinde alegremente de convencionalismos como as regras da perspectiva, a técnica «correcta» ou os materiais tradicionais. Asumindo o pleno control do proxecto formativo, o suxeito creador orquestra os contidos psíquicos do mesmo con arranxo aos seus deseños persoais, desenvolvendo un repertorio característico de motivos e elementos que pasan a ser os compoñentes dunha arquitectura pechada. Esa actividade autónoma e apaixonada implica tamén un esforzo sostido de auto-constitución e auto-consolidación, que equivale a un esforzo de auto-estabilización terapéutica. Ese é o sentido no que a obra de arte afirma a súa existencia ante todo como refuxio, niño ou cidadela defensiva. Máis aínda, pode entrañar unha acentuación case autista do privado sobre o comunicativo, de xeito que a ocultación e os códigos secretos veñan ser marcadores engadidos dun compromiso creativo intenso. Ese afán hermético pode alimentar unha linguaxe idiosincrática, que faga que todas as obras dun artista véxanse como algo dunha peza, case invariablemente recoñecible como feito por esa persoa e constitutivo na súa totalidade dun mundo privado ou microcosmos persoal. O estudoso da estética Henri Focillon escribiu (no contexto dunha análise xeral da forma artística) que «as relacións formais que existen dentro de unha obra e entre obras distintas compoñen unha orde, unha metáfora do universo». A característica inequívoca dos mellores artistas marxinais estriba en estruturar un mundo alternativo integral, por así dicilo unha cosmoloxía de seu.

Dubuffet e Art Brut Para as ideas académicas tradicionais do fermoso, Jean Dubuffet foi implacable no seu desdén. Un rebelde inveterado, arremeteu contra a idea de beleza como a antítese de todo o vital e estimulante. "A beleza é a pura secreción da cultura como as pedras do ril", afirma no seu folleto 1968 sobre o que describe como "cultura asfixiante". A cultura oficial, argumenta, establece unhas condicións tan ríxidas de apreciación e avaliación que simplemente sufoca a invención e estigmatiza como inútil todo aquilo que non está dentro dos seus límites exclusivos. Insiste, é moito máis saudábel prescindir do concepto ditatorial de beleza e, en vez diso, falar da arte como algo "interesante, emocionante, capaz de sacudir o espírito".

O pintor francés Jean Dubuffet comezou a súa busca de obras marxinais durante o verán de 1945. O termo Art Brut entrou na súa mente en xullo dese mesmo ano, durante as súas viaxes por Suíza e Francia. Esta noción de Art Brut consiste na ausencia de formación artística, o descoñecemento de calquera tradición cultural, a re-invención das etapas do acto creativo, a elaboración da obra no anonimato e o desenvolvemento autárquico das producións.

O eclecticismo que mostra Dubuffet a principios da pescuda, manifesta que a “liña” do Art Brut non está claramente definida na súa mente. Máis tarde, terminará excluíndo do seu programa o conxunto de obras pertencentes á arte primitiva, popular, naif e infantil. Así mesmo, os autores que tiveran formación artística, que foran integrados ás súas coleccións nun primeiro momento, serán apartados. Dubuffet concentrarase en creadores europeos e orientará as súas investigacións arredor dos alienados e illados sociais.

Dubuffet non se engana até o punto de ver en toda produción do asilo unha expresión artística de valor. Non é a tolemia a que crea o artista, o artista éo a pesar da tolemia. “O caso dun verdadeiro artista é case tan raro nos tolos como na xente normal”. Ademais, Dubuffet ignora a tolemia en materia de expresión artística, afirmando que “non hai arte dos tolos como non hai arte dos dispépticos ou dos enfermos do xeonllo”. A definición de Art Brut non se fundamenta pois no estado mental do creador. Para el, toda expresión artística verdadeira implica necesariamente febre, tensión e violencia; relaciónase coa desviación e ten algo de “delirio inspirado”.

O fogar e a compañía Art Brut Inaugurado en 1947 nos sotos da galería René Drouin, en París, o fogar do Art Brut presenta as figuras reais e principescas debuxadas por Aloïse, os sílex tallados de Xuva e os baixorrelevos esculpidos en cortiza por Gironella. As exposicións do fogar terán un punto de subversión. Un ano máis tarde funda a Compañía do Art Brut xunto con André Breton, Jean Paulhan, Charles Ratton, Henri-Pierre Roché, Michel Tapié e Edmond Bonsel.