Celedonio Basanta Casal, nado en Covas, Viveiro, o 14 de decembro de 1929, e finado en Nova York o 8 de novembro de 2005, foi un futbolista galego. Foi internacional coa selección de Cuba.

Traxectoria Seus pais, Celedonio Basanta García e Josefa Casal, eran dous viveirenses aveciñados en Cuba. Cele naceu en 1929 en Covas, a onde súa nai regresara para recuperarse duns problemas de saúde. Criouse en Viveiro, onde comezou a xogar ao fútbol, e en 1948 marchou con seu pai para Cuba, onde traballou como representante dunha casa de pinturas.

Xogou en equipos de barrio da Habana e en 1950 fichou polo Real Iberia, no que militou ata 1954. Pasou entón ao Casino Español, co que conquistou o Campionato Nacional de Cuba en 1956. Dende 1958 ata 1960 xogou no Club Atlético de Cuba.

Posteriormente instalouse en Nova York, onde traballou no mantemento dun edificio de Manhattan. Faleceu na cidade estadounidense o 8 de novembro de 2005, aos 75 anos de idade.

Selección cubana O seu bo xogo nos clubs da Habana fixo que fose convocado pola selección cubana, coa que debutou en 1955. Xogou no combinado cubano ata a Copa CCCF de 1960.

Vida persoal Casou en 1965 en Nova York con Josefina Sánchez (natural de Veigue, Sada), coa que tivo tres fillos: Roberto Manuel, José Antonio e Rosemary Soledad.

Palmarés Campionato Nacional de Cuba (1): 1956.

Notas

Categoría:Nados en 1929 Categoría:Nados en Viveiro Categoría:Finados en 2005 Categoría:Futbolistas de Viveiro Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cuba Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes