Joanne Chory, nada en Boston o 19 de marzo de 1955 e finada en La Jolla, California, o 12 de novembro de 2024, foi unha bióloga e xenetista estadounidense especializada en plantas. Chory foi profesora e directora do Laboratorio de Bioloxía Molecular e Celular das Plantas, no Salk Institute for Biological Studies e investigadora do Howard Hughes Medical Institute.
Liderou a iniciativa do Instituto Salk para aproveitar as plantas (HPI), un innovador enfoque de eliminación do dióxido de carbono para combater o cambio climático optimizando a capacidade natural dunha planta para captar e almacenar dióxido de carbono e adaptarse ás diferentes condicións climáticas. Chory e o equipo de HPI tiñan como obxectivo axudar as plantas a facer medrar sistemas de raíces máis grandes e fortes que poidesen absorber maiores cantidades de carbono enterrándoo no chan en forma de suberina, unha substancia natural.
Considerada a bióloga vexetal máis influente da era moderna e unha das maiores innovadoras científicas actuais, os 30 anos de traballo de Chory foron pioneiros no uso da xenética molecular para estudar como as plantas cambian a súa forma e tamaño para optimizar a fotosíntese e o crecemento para diferentes ambientes.
Traxectoria Joanne Chory naceu en 1955. Os seus pais libaneses criárona xunto cos seus catro irmáns e unha irmá. Comezou a súa educación superior no Oberlin College de Ohio, onde se licenciou en bioloxía con honores. Despois continuou os seus estudos de posgrao na Universidade de Illinois Urbana-Champaign. Foi aquí onde obtivo o seu doutoramento.
Estudou o postdoutoramento na Harvard Medical School no laboratorio de Frederick M. Ausubel. En 1988 ingresou no Salk Institute como profesora axudante. Chory casou con Stephen Worland, con quen tivo dous fillos adoptivos.
En 2004, a Chory diagnosticáronlle a enfermidade de Parkinson. Loitou contra a enfermidade durante máis dunha década, mais coa axuda de medicamentos e un implante cerebral para axudar a regular o seu movemento, continuou a súa investigación xenética. Xunto coa súa paixón pola xenética, Chory tentou inspirar as mulleres novas a converterse en científicas e traballou constantemente para mellorar o campo para as mulleres.
A Chory non sempre lle interesou a xenética. Os seus primeiros intereses centráronse na microbioloxía. A través da súa investigación nese campo desenvolveu un interese máis fondo pola xenética, en concreto a investigación que se estaba a facer sobre as plantas de Arabidopsis. Durante a súa dilatada carreira en xenética foi galardoada con numerosos recoñecementos de prestixio polas súas moitas contribucións ao campo.
Investigación Joanne Chory centrou a súa investigación en atopar un xeito de optimizar o crecemento das plantas para manter a crecente poboación humana. Emprega Arabidopsis thaliana como organismo modelo, mais o seu propósito é optimizar todo o crecemento das plantas e non só o propio de A. thaliana. Mutou os xenes do organismo modelo e empregou os resultados para comprender os efectos que tiñan estas mutacións. Abordou esta información desde varias liñas, incluíndo o uso de xenética, xenómica, bioloxía celular, cristalografía de raios X, bioquímica e ecoloxía. Avanzou na comprensión da sensibilidade á luz e as hormonas nestas plantas. Utilizou este coñecemento para optimizar o crecemento noutras plantas coa esperanza de que se poida manter mellor unha poboación rápida e en constante crecemento.
Chory amosou especial aprecio pola manipulación de fenotipos dun organismo. Os sinais luminosos son necesarios para a indución e a regulación de moitos procesos de desenvolvemento nas plantas. Participou en investigacións diseccionando este complexo proceso illando mutacións que alteraban o desenvolvemento de mudas reguladas pola luz en Arabidopsis. O seu traballo identificou mutantes que son deficientes nos fotorreceptores do fitocromo e nos represores localizados nucleares e tamén revelou que as hormonas esteroides controlaban o desenvolvemento das mudas reguladas pola luz. O seu grupo tamén contribuíu á comprensión do cloroplasto na sinalización retrógrada nuclear e nas respostas das plantas para evitar a sombra.
Joanne Chory foi unha das figuras relevantes na loita contra o cambio climático, un campo no que destacaron científicas como Rose Mutiso, Asmeret Asefaw Berhe ou Cheryl Holder.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Biography and research at the Howard Hughes Medical Institute Faculty webpage at the Salk Institute for Biological Studies TED Talk 2019. Joanne Chory: How supercharged plants could slow climent change Joanne Chory (1955): La bióloga que quiere retrasar el cambio climático no blog Mujeres con Ciencia
Categoría:Nados en Boston, Massachusetts Categoría:Nados en 1955 Categoría:Finados en 2024 Categoría:Xenetistas Categoría:Estadounidenses de ascendencia libanesa