Clarence Linden Crabbe II, nado en Oakland (California) o 7 de febreiro de 1908 e finado en Scottsdale (Arizona) o 23 de abril de 1983, coñecido profesionalmente como Buster Crabbe, foi un actor de cinema e televisión e nadador olímpico estadounidenseComa no caso de moitas estrelas de Hollywood existen discrepancias entre a data de nacemento dada nos documentos oficiais e a que aparece nas biografías publicitarias de Hollywood. O seu certificado de nacemento e a Seguridade Social indican o nacemento como 7 de febreiro de 1908. Gañou a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1932, o que lanzou a súa carreira no cinema e na televisión. Protagonizou numerosos filmes e seriais populares entre 1933 e a década de 1950, interpretando os tres heroes da banda deseñada máis populares da década de 1930: Tarzán, Flash Gordon e Buck Rogers.

Traxectoria Primeiros anos Crabbe era fillo de Lucy Agnes McNamara (1885-1959) e o axente inmobiliario Edward Clinton Simmons Crabbe I (1882-?). Naceu en Oakland e tivo un irmán, Edward Clinton Simmons Crabbe II (1909-1972). Crabbe creceu en Hawai e graduouse na Punahou School de Honolulu. Estudou na Universidade do Sur de California, onde foi o primeiro nadador All-America (1931) así como posuidor dun título da National Collegiate Athletic Association en 1931 en estilo libre. Tamén fixo parte da fraternidade Sigma Chi antes de graduarse en 1931.

Xogos olímpicos Crabbe era un gran nadador e participou en dous Xogos Olímpicos, Ámsterdam 1928, onde gañou a medalla de bronce nos 1500 metros libres, e Os Ánxeles 1932, en que gañou a medalla de ouro nos 400 metros libres. Nestes últimos bateu o francés Jean Taris por unha décima de segundo.

Crabbe participou no Aquacade de Billy Rose na Exposición Xeral de Nova York durante o segundo ano, en 1940, substituíndo a Johnny Weissmüller.

Hollywood O papel de Crabbe no serial de cinema de 1933 Tarzan the Fearless foi o lanzamento dunha carreira de éxito en que o actor traballou en máis de cen filmes. Esa foi a única produción en que Crabbe interpretou a personaxe de Tarzán. En King of the Jungle (1933), Jungle Man (1941), e no serial de 1952 King of the Congo, interpretou papeis de "home da selva", mais non exactamente de Tarzán.O "home da selva" tamén é un recurso literario e da banda deseñada, como "Tarzánido".

Tamén encarnou o protagonista de Search for Beauty (1934), e o seu seguinte papel principal foi en 1936 como Flash Gordon no popular serial homónimo, personaxe que interpretou en dúas secuelas, estreadas por Universal en 1938 e 1940.

Outras personaxes que interpretou foron Billy the Kid, Buck Rogers e un membro da súa fraternidade real no filme musical The Sweetheart of Sigma Chi. Nalgúns dos seus filmes foi acreditado como Larry Crabbe ou Larry (Buster) Crabbe. O seu compañeiro na maioría dos seus westerns foi o actor Al St. John.

Televisión Crabbe actuou na serie televisiva Captain Gallant of the Foreign Legion (1955 a 1957), interpretando o Capitán Michael Gallart. A serie emitiuse en NBC. O seu fillo, Cullen Crabbe, actuou no programa como "Cuffy Sanders".

Crabbe actuou de xeito regular na televisión, incluíndo un episodio da serie de 1979 Buck Rogers in the 25th Century, en que interpretou un piloto de combate retirado chamado "Brigadier Gordon" en honra de Flash Gordon.

Últimos anos A carreira cinematográfica de Crabbe declinou nas décadas de 1950 e 1960. Porén, nese período Crabbe dedicouse aos negocios e traballou como corretor.

A mediados da década de 1950 adquiriu o campus da antiga escola Adirondack-Florida School preparatoria nas proximidades de Onchiota, Nova York, nos montes Adirondack. Renomeada como Buster Crabbe's Meenahga Lodge, empregouse para que rapaces de oito a catorce anos practicasen a natación, con polo menos un instrutor hawaiano. Ademais, no verán representábanse algunhas obras musicais baixo a guía de varios expertos en arte dramática.

Durante esa época, Crabbe sumouse á compañía fabricante de piscinas Cascade Industries Inc. como promotor e voceiro da mesma, permanecendo nela ata o seu pasamento.

A pesar de todas estas actividades, nunca abandonou a interpretación e continuou a traballar en numerosos filmes con baixos orzamentos. Unha das súas interpretacións realizouna na longametraxe de 1982 The Comeback Trail un ano antes de falecer. Tamén acutou en anuncios televisivos para compañías como Hormel Chili e Magic Mold Bodyshirt.

En 1965, foi incluído no International Swimming Hall of Fame. Durante a súa carreira de natación como sénior, Crabbe estableceu 16 récords do mundo e 35 récords nacionais.Buster Crabbe (USA) – Honor Swimmer profile at International Swimming Hall of Fame Continuou a nadar despois de cumprir sesenta anos e en 1971 estableceu unha marca mundial para o seu grupo de idade.

Buster Crabbe faleceu o 23 de abril de 1983, aos 75 anos, por mor dun infarto agudo de miocardio en Scottsdale, Arizona, e foi enterrado no cemiterio Green Acres Memorial Gardens.

Vida persoal En 1933, casou con Adah Virginia Held (1912–2004) e deuse un ano para converterse en actor. Se non o conseguía, comezaría a estudar leis na Universidade do Sur de California.

Crabbe e a súa esposa tiveron dúas fillas, Sande e Susan, e un fillo, Cullen. En 1957, Sande faleceu de anorexia nerviosa con 20 anos.

Crabbe é o avó materno do adestrador de fútbol universitario Nick Holt.

Filmografía The Arizona Raiders (1936) como "Laramie" Nelson Gunfighters of Abilene (1960) como Kip Tanner Arizona Raiders (1965) como Captain Andrews The Bounty Killer (1965) como Mike Clayman Alien Dead (1980) como Sheriff Kowalski The Comeback Trail (1982) como Duke Montana

Seriais Tarzan the Fearless (1933) como Tarzán Flash Gordon (1936) como Flash Gordon Flash Gordon's Trip to Mars (1938) como Flash Gordon Red Barry (1938) como Red Barry Buck Rogers (1939) como Buck Rogers Flash Gordon Conquers the Universe (1940) como Flash Gordon Last of the Redmen (1947) como Magua The Sea Hound (1947) como Captain Silver Pirates of the High Seas (1950) como Jeff Drake King of the Congo (1952) como Captain Roger Drum e "Thun'da"

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Buster Crabbe at Brian's Drive-In Theater Buster Crabbe biography by Chuck Anderson Tarzan the Fearless en Internet Archive

Categoría:Nados en Oakland Categoría:Nados en 1908 Categoría:Finados en 1983 Categoría:Actores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de televisión dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de California Categoría:Nadadores olímpicos dos Estados Unidos de América Categoría:Medallistas olímpicos de ouro polos Estados Unidos de América Categoría:Medallistas olímpicos de bronce polos Estados Unidos de América Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1928 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1932‎ Categoría:Medallistas olímpicos en natación Categoría:Paseo da Fama de Hollywood Categoría:Alumnos da Universidade de California do Sur Categoría:Nadadores nos Xogos Olímpicos de 1928 Categoría:Nadadores nos Xogos Olímpicos de 1932