Jesús Casas González, coñecido como O Inverno, nado no Incio e finado na Pobra do Brollón o 6 de agosto de 1936, foi un político galego.

Traxectoria Prófugo do servizo militar, foi detido en xaneiro de 1922.La Voz de la Verdad, 13-1-1922, p. 2. Foi novamente detido en 1923.Heraldo de Galicia, 12-8-1923, p. 6. Emigrou a Cuba de onde retornou en 1928 coa súa muller Anuncia Rodríguez Maceda e as súas catro fillas. Militante libertario, desenvolveu unha importante actividade política e social como líder popular. Foi delegado da Sociedad Republicana Labradores de Goo en 1936. Concelleiro do Incio, foi proposto para alcalde. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e agochouse na aldea de Covadelas. O 6 de agosto foi detido e, logo de ser torturado, foi paseado pola Escuadra Negra de Eirexalba comandada por Manuel Castro Castro no Alto de Santa Lucía de Saa. Posteriormente expedientado e sancionado por responsabilidades políticas. O 9 de agosto asasinaron ao seu cuñado Ramón Rodríguez Maceda.

A súa viúva Anuncia foi vivir con súa nai Carmen Maceda Macía e o seu irmán Antonio Rodríguez Maceda á coñecida como “Casa do Inverno”, na que deron refuxio aos fuxidos. O 11 de maio de 1939 forzas da Garda Civil de Monforte e Sarria tomaron ao asalto a casa na busca de fuxidos. No enfrontamento morreron o tenente Manuel Castro Lebón, xefe de liña da benemérita de Sarria, e os guerrilleiros Benigno Díaz González e un compañeiro coñecido como “Enrique de Vigo”, que estaban agochados no segundo andar da vivenda desde 1937. Horas despois morreu Carmen Maceda Macía, de 72 anos, a consecuencia das feridas producidas por unhas bombas de man nunha perna. Foron detidos Antonio e Anuncia Rodríguez Maceda e condenados en consello de guerra a pena de morte, conmutada posteriormente por cadea perpetua. Antonio pasou varios anos de prisión e Anuncia finou no cárcere de Lugo de tuberculose o 31 de decembro de 1941.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas As actas do martirio da 'Casa do Inverno' O Inverno, un labrador señalado Jesús Casas González, 'O Inverno' Ficha en Represión franquista en Lugo

Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Concelleiros do Incio Categoría:Concelleiros de Galicia durante a II República Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia

Categoría:Nados no Incio Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1936