Valerii Vasylovych Lobanovskyi (en ; en ), nado en Kíiv o 6 de xaneiro de 1939 e finado en Zaporozhia o 13 de maio de 2002, foi un futbolista e adestrador soviético. Considerado un dos mellores adestradores de fútbol da historia, é coñecido principalmente polo seu traballo á fronte do Dynamo de Kíiv e da selección soviética, conxuntos aos que adestrou en varias etapas.

Converteu o Dynamo no club máis dominante no fútbol soviético das décadas de 1970 e 1980, conquistando oito ligas soviéticas e seis Copas da Unión Soviética en 16 anos. En 1975 conquistou o primeiro título europeo dun equipo soviético ao vencer ao Ferencváros húngaro na final da Recopa de Europa. Durante o torneo, o Dynamo de Kíiv gañou oito dos nove partidos, unha porcentaxe gañadora do 88,88% que se mantivo como récord durante 45 anos en todas as grandes competicións europeas de clubs. Lobanovskyi e o seu equipo repetiron o seu triunfo na Recopa de 1986, superando ao Atlético de Madrid na final. Tanto en 1975 como en 1986 un dos seus xogadores gañou o Balón de Ouro (Oleg Blokhin e Igor Belanov respectivamente). Durante as súas dúas primeiras etapas no Dynamo, alcanzou tamén as semifinais da Copa de Europa en 1977 e 1987 e os cuartos de final en 1976, 1982 e 1983. Coa selección nacional da Unión Soviética, Lobanovskyi chegou á final da Eurocopa de 1988, perdendo o campionato ante os Países Baixos de Rinus Michels, e gañou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de 1976 en Montreal, despois de derrotar no partido polo terceiro posto á selección brasileira.

En 1997 comezou a súa terceira etapa no Dynamo, acadando de novo éxito en competición europea. Na primeira tempada completa desta etapa, o Dynamo chegou aos cuartos de final da Liga de Campións en 1998. Na tempada seguinte, co dianteiro Andrii Shevchenko como máxima estrela, Lobanovskyi e o seu equipo chegaron ás semifinais, onde foron eliminados polo Bayern de Múnic.

Está amplamente considerado como un dos maiores adestradores de todos os tempos. Ao longo da súa carreira como adestrador gañou 33 títulos oficiais, o que o converte no cuarto adestrador con máis títulos da historia (só por detrás de Alex Ferguson, Pep Guardiola e Mircea Lucescu) e no adestrador de fútbol máis exitoso do século XX. Tamén posúe varias marcas no fútbol soviético, incluíndo a de adestrador con maior número de títulos da liga soviética e da Copa Soviética (compartido esta última con Viktor Maslov) e a de maior número de títulos da Supercopa da URSS. Lobanovskyi é o único adestrador en gañar dúas veces unha competición europea cun club de Europa do Leste. É un dos catro adestradores que gañou a Recopa dúas veces, e un dos dous (xunto con Nereo Rocco) en lograr a fazaña co mesmo equipo. Ademais gañou cinco veces a liga de Ucraína en cinco participacións, un logro que non igualou ningún outro adestrador. Adestrou a tres gañadores do Balón de Ouro: Oleg Blokhin, Igor Belanov e Andrii Shevchenko.

Foi recoñecido co título de Mestre de Deportes da URSS e Adestrador Distinguido da URSS, e foi galardoado coa Orde do Mérito da UEFA en Rubí e coa Orde do Mérito da FIFA, a máxima honra outorgada pola FIFA. En 2002 foi condecorado a título póstumo como Heroe de Ucraína, o máximo recoñecemento do país, pola súa contribución ao fútbol ucraíno. En 2008 ocupou o sexto posto na lista dos 100 mellores ucraínos da canle de televisión Inter tras unha enquisa a nivel nacional na que participaron arredor de 2,5 millóns de persoas.

Traxectoria

Como futbolista Naceu o 6 de xaneiro de 1939 en Kíiv, capital, entón da República Socialista Soviética de Ucraína, pertencente á Unión Soviética. O seu pai era traballador dunha fábrica, mentres que a súa nai era ama de casa. Estudou na escola de Kíiv nº 319, que hoxe leva o seu nome. En 1956 uniuse ao Instituto Politécnico de Kíiv, pero máis tarde trasladouse ao Instituto Politécnico de Odesa, onde se graduou. Máis tarde graduouse na Escola de Fútbol número 1 de Kíiv e na Escola de Fútbol da Xuventude de Kíiv (tendo como primeiro adestrador a Mykola Chayka).

Aos 18 anos foi invitado ao equipo B do Dynamo de Kíiv, o club de fútbol ucraíno máis destacado da súa época. O 29 de maio de 1959 debutou co primeiro equipo na Liga soviética, nun partido contra o CSK MO de Moscova. Pronto se fixo famoso pola súa habilidade para colocar centros precisos e tirar faltas con efecto, e chegou a marcar varios goles directamente desde o córner. Estivera traballando regularmente nestes tiros durante as sesións de adestramento, utilizando o efecto Magnus e os seus propios cálculos. A prensa soviética comparouno co dianteiro brasileiro Didi que usou o efecto de forma similar na Copa do Mundo de 1958. Os seus compañeiros de equipo adoitaban eloxialo pola súa mentalidade pouco ortodoxa e a súa habilidade para canear, algo pouco usual para un futbolista tan alto (1,87 m).

Formou parte do cadro de xogadores do primeiro equipo desde 1960. Xogaba principalmente no lateral esquerdo, onde formou un dúo con Valentyn Troyanovskyi. Ese mesmo ano converteuse no máximo goleador do club con 13 goles. En 1961, o Dynamo de Kíiv converteuse no primeiro equipo de fútbol de fóra de Moscova en gañar o título da URSS, con Lobanovskyi marcando 10 goles. Foi convocado habitualmente para a selección nacional, pero debido á forte competencia (naquel momento había moitos zurdos de gran nivel na Unión Soviética como Mikheil Meskhi, Anatoli Ilyin e Galimzian Khusainov) só puido xogar dous partidos internacionais, contra Austria e Polonia.

En total pasou sete anos no Dynamo antes de marchar en 1964 por un conflito co adestrador Viktor Maslov. A continuació pasou polo Chornomorets Odessa e o Shakhtar Donetsk, antes de poñer fin á súa carreira de futbolista aos 29 anos, cun balance de 71 goles en 253 partidos da liga soviética.

Selección soviética Debutou coa selección soviética o 4 de setembro de 1960, nun partido contra Austria no Praterstadion de Viena ante 87.000 espectadores. Xogou un segundo encontro internacional ao ano seguinte, contra Polonia no estadio Dziesięciolecia de Varsovia.

Como adestrador

Dnipro Dnipropetrovsk (1968–1973) Un ano despois de retirarse como xogador, Lobanovskyi foi nomeado adestrador do FC Dnipro Dnipropetrovsk o 16 de outubro de 1968. Ese ano o Dnipro quedou terceiro no seu grupo da segunda división soviética. Foi campión do seu grupo o ano seguinte e entrou na final da liga, quedando subcampión por detrás do FC Spartak de Vladikavkaz. En 1970, o sistema de liga foi reformado e o Dnipro entrou na nova "Clase A, grupo 1" (máis tarde rebautizado como Primeira Liga Soviética), que o equipo gañou ao ano seguinte, ascendendo á Liga Superior. Na súa primeira tempada na máxima categoría, o equipo de Dnipro quedou sexto, a un punto do segundo.

Dynamo de Kíiv (1973–1982) e selección soviética (1975–1976, 1982–1983) O seu bo traballo co Dnipro espertou o interese do seu antigo club, o Dynamo de Kíiv, que o fichou en outubro de 1973. En xaneiro de 1974 uniuse a el o seu antigo compañeiro de equipo, Oleh Bazylevych. Estes dous traballarían como dúo de adestradores ata outubro de 1976. Ambos tiñan iguais dereitos: Bazylevych era un teórico e Lobanovskyi estaba a cargo do proceso de formación. Durante a súa primeira tempada, a prensa soviética adoitaba criticalos polo racionalismo e a falta de vontade para xogar ao fútbol de ataque (o chamado modelo de visitante: o equipo planeaba de xeito defensivo os partidos como visitante para conseguir un empate). Esa tempada, o equipo gañou tanto a Liga como a Copa Soviética.

Tanto Lobanovskyi como Bazylevych entenderon a importancia do cálculo da carga física dos xogadores. Coa cooperación de Anatoly Zelentsov, un científico do departamento de teoría da educación física do Instituto Estatal de Educación Física de Kíiv, Lobanovskyi incorporou un sistema de cálculo do proceso de adestramento e modelaxe matemática da carga física. Posteriormente Zelentsov dirixiu o laboratorio científico do Dynamo de Kíiv, que era popularmente coñecido como Centro Zelentsov. Considérase a Lobanovskyi o inventor dun estilo de xogo no que calquera xogador de campo pode asumir o papel de calquera outro, de xeito similar ao que practicaba Rinus Michels nos Países Baixos. Non obstante, a diferenza de Michels, Lobanovskyi estaba a desenvolver o seu estilo de xogo cientificamente, facendo gran énfase na presión.esquerda|miniatura|270x270px| Lobanovskyi (esquerda) en Eindhoven en 1975 xunto co adestrador do PSV Ben van Gelder.En 1975, o Dynamo de Kíiv gañou a Recopa de Europa e a entón moi apreciada Supercopa de Europa. Deste xeito, converteuse no primeiro club soviético en gañar un gran trofeo europeo. Nas tres primeiras xornadas da Recopa, o equipo derrotou ao CSKA Sofia, ao Eintracht Frankfurt e ao Bursaspor turco, gañando todos os partidos na casa e fóra. En semifinais, enfrontouse ao vencedor da Eredivisie de 1974–75, o PSV Eindhoven. O club neerlandés era considerado un dos máis poderosos de Europa, sendo patrocinado por Philips. O partido de ida disputado en Kíiv acabou 3-0 a favor do equipo de Lobanovskyi. Despois de perder 1–2 no partido de volta, o Dynamo pasou á final. O 14 de maio de 1975, o Dynamo de Kíiv gañou a Recopa por primeira vez, derrotando ao Ferencváros húngaro por 3-0 na final. Durante o torneo, o equipo gañou o 88,88% dos seus partidos (8 partidos de 9), unha porcentaxe que non foi superada en ningunha das principais competicións europeas de clubs ata a tempada 2019-20, cando o Bayern de Múnic gañou todos os seus partidos no seu camiño ao título da Liga de Campións. No outono dese ano, o Dynamo enfrontouse ao Bayern Múnic, gañador da Copa de Europa 1974–75, estando en xogo a segunda Supercopa de Europa da historia. Ademais de gañar as dúas últimas Copas de Europa, o Bayern tamén era a base da selección alemá gañadora da Copa do Mundo de 1974. A preparación do partido tivo un trasfondo político, principalmente na URSS. O club soviético gañou os dous partidos, 1-0 en Múnic e 2-0 en Kíiv ante 100.000 afeccionados. Todos os goles foron marcados por Oleg Blokhin, que se converteu no gañador do Balón de Ouro ese ano. O dúo Lobanovskyi-Bazylevych recibiu o premio da BBC ao Adestrador do Ano.

Lobanovskyi e Bazylevych foron nomeados adestradores da selección soviética en 1975, despois de que o equipo perdese o seu primeiro partido no grupo de clasificación para a Eurocopa de 1976 ante Irlanda por 3-0. O Dynamo converteuse no club base da selección nacional. A pesar das demandas de Lobanovskyi de reorganizar a liga nacional ao formato outono-primavera, a Federación de Fútbol da URSS dividiu o 1976 en dúas tempadas (primavera e outono).

O club competiu na tempada de "primavera" na súa maioría co equipo B, xa que o primeiro equipo estaba concentrado preparando tanto a Copa de Europa como a clasificación para a Eurocopa e os Xogos Olímpicos. O Dynamo quedou eliminado da Copa de Europa no cuartos de final, ao perder ante o Saint-Étienne (2-0 en Kíiv e 0-3 en Francia). A selección nacional foi primeira no seu grupo de clasificación pero perdeu ante Checoslovaquia nos play-offs, sen conseguir así a clasificación para o campionato europeo. Nos Xogos Olímpicos de Montreal o equipo de Lobanovskyi quedou encadrado no Grupo D xunto con Corea do Norte e o Canadá. Gañou os dous encontros e clasificouse para os cuartos de final, onde eliminou a Irán por 2-1. Nas semifinais enfrontouse a Alemaña Oriental, perdendo por 2-1 no Estadio Olímpico de Montreal. Disputou entón o partido polo terceiro posto, vencendo ao Brasil por 2-0 e gañando así a medalla de bronce. Tralo torneo olímpico, o dúo de adestradores abandonou a selección nacional.