A glicoforina B ou GYPB, tamén chamada glicoforina B (grupo sanguíneo MNS), sialoglicoproteína delta e sialoglicoproteína SS activa, é unha sialoglicoproteína de membrana que nos humanos está codificada no xene GYPB do cromosoma 4. A GYPB foi tamén designada recentemente como CD235b (cluster de diferenciación 235b).

Función

As glicoforinas A (GYPA) e B (GYPB) son as principais sialoglicoproteínas da membrana dos eritrocitos, e conteñen determinantes antixénicoss para os grupos sanguíneos MN e Ss, respectivamente. Ademais dos antíxenos M ou N e S ou s, que aparecen comunmente en todas as poboacións humanas, identificáronse uns 40 fenotipos variantes relacionados. Entre estas variantes están o complexo Miltenberger (Mi) e varias isoformas Stones (Sta); tamén Dantu, Sat, Henshaw (He ou MNS6), Mg e as variantes de deleción Ena, S-s-U- e Mk. A maioría destas son resultado de recombinacións xenéticas entre os xenes GYPA e GYPB.

Xenómica

O xene está localizado no brazo longo do cromosoma 4 (4q28-q31) e ten 5 exóns. Foi secuenciado por primeira vez en 1987 e a secuencia peptídica de 72 aminoácidos fora determinada algo antes ese mesmo ano.

O xene ten un 97% de homoloxía de secuencia co xene da glicoproteína A (GYPA) desde o 5' UTR aproximadamente 1 quilobase augas arriba do exón que codifica as rexións transmembrana ata a porción da secuencia codificante dos primeiros 45 aminoácidos. Hai unha secuencia sinal de 19 residuos de aminoácidos. O péptido líder difire en só un aminoácido e os seguintes 26 aminoácidos son idénticos. Os aminoácidos 27-55 da glicoforina A están ausentes na glicoforina B. Esta sección inclúe un sitio de N-glicosilación. Na glicoproteína B só se encontran sitios de O-glicosilación e estes están ligados a residuos de serina ou treonina. Os residuos 80-100 da glicoforina A e os 51-71 da glicoforina B son moi similares. Ao contrario, os residuos que quedan en medio difiren significativamente. O determinante antixénico para o grupo sanguíneo Ss está localizado no residuo 29, onde S ten unha metionina e s unha treonina. Isto débese a unha mutación no nucleótido 143 (C→T). O antíxeno S tamén se coñece como MNS3 e o s como MNS4.

Parece probable que este xene evolucionase por duplicación xénica e unha subseguinte mutación do xene da glicoforina A. O sitio de transición de secuencias homólogas a non homólogas pode localizarse dentro de secuencias de repeticións Alu.

Bioloxía molecular

Hai unhas 80.000 copias da glicoforina B por eritrocito. Tanto a glicoforina A coma a B exprésanse no epitelio e endotelio renais.

Os primeiros 40 aminoácidos da proteína madura son extracelulares. Os seguintes 22 forman un segmento transmembrana e os restantes son intracelulares.

Grupos sanguíneos

O grupo sanguíneo MNS foi o segundo conxunto de antíxenos descuberto nos eritrocitos. M e N identificáronse en 1927 grazas aos traballos de Landsteiner e Levine. S e s foron descritos máis tarde en 1947.

As frecuencias destes antíxenos son: M: 78% en caucasoides; 74% en negroides N: 72% en caucasoides; 75% en negroides S: 55% en caucasoides; 31% en negroides s: 89% en caucasoides; 93% en negroides.

Medicina molecular

Transfusións en medicina

Os antíxenos M e N difiren en dous residuos de aminoácidos: o alelo M ten unha serina na posición 1 (C no nucleótido 2) e glicina na posición 5 (G no nucleótido 14), mentres que o alelo N ten unha leucina na psocición 1 (T no nucleótido 2) e glutamato na posición 5 (A no nucleótido 14). Tanto a glicoforina A coma a B únense á lectina anti-N de Vicia graminea.

Coñécense unhas 40 variantes no sistema de grupos sanguíneos MNS. Orixináronse principalmente como resultado de mutacións na rexión de 4 kb que codifica o dominio extracelular. Estas inclúen os antíxenos Mg, Dantu, Henshaw (He), Miltenberger, Nya, Osa, Orriss (Or), Raddon (FR) e Stones (Sta). Os chimpancés teñen tamén o sistema de antíxenos MN. En chimpancés o M reacciona fortemente e o N debilmente.

Mutantes nulos (null)

O fenotipo de individuos que carecen tanto de glicoforina A coma B desígnase Mk.

Antíxeno Dantu

O antíxeno Dantu describiuse en 1984. O antíxeno Dantu ten un peso molecular aparente de 29 quilodaltons (kDa) e 99 aminoácidos. Os primeiros 39 aminoácidos derivan da glicoforina B e os residuos 40-99 derivan da glicoforina A. Dantu está asociado co antíxeno moi débil s, un antíxeno N resistente a proteases e o antíxeno que pode ser moi débil ou non U. Existen polo menos tres variantes: MD, NE e Ph. O fenotipo Dantu aparece cunha frecuencia de ~0,005 en negros norteamericanos e e de < 0,001 en alemáns.

Antíxeno Henshaw

O antíxeno Henshaw (He) orixinouse por unha mutación na rexión N-terminal. Hai tres diferenzas nos tres primeiros residuos de aminoácidos: a forma habitual ten triptófano1-serina-treonina-serina-glicina5 mentres que Henshaw ten leucina1-serina-treonina-treonina-glutamato5. Este antíxeno é raro en caucasianos pero aparece cunha frecuencia de 2,1% en persoas norteamericanas e británicas de orixe africana. Aparece cunha frecuencia do 7,0% en negros de Natal, Suráfrica e do 2,7% en africanos occidentais. Identificáronse polo menos tres variantes deste antíxeno.

Subsistema Miltenberger

O subsistema Miltenberger (Mi) consistía orixinalmente en cinco fenotipos (Mia, Vw, Mur, Hil e Hut) pero agora ten xa 11 fenotipos recoñecidos, numerados do I ao XI (o antíxeno 'Mur' denomínase así polo nome da paciente da que se illou o soro orixinal, unha tal Sra. Murrel.) O nome que se lle deu orixinalmente a este complexo referíase á reacción que tiñan os eritrocitos co antisoro Miltenberger estándar usado nos tests. Os das subclases baseáronse en reaccións adicionais con outros antisoros estándar.

Mi-I (Mia), Mi-II(Vw), Mi-VII e Mi-VIII están situados na glicoforina A. Mi-I débese a unha mutación no aminoácido 28 (treonina cambiada por metionina: C→T no nucleótido 83), que ten como resultado unha perda de glicosilación no residuo de asparaxina26. Mi-II orixinouse por unha mutación no aminoácido 28 (treonina cambiada a lisina: C->A no nucleótido 83). De xeito similar ao caso de Mi-I está mutación ten como resultado unha perda de glicosilación no residuo de asparaxina26. Esta alteración na glicosilación pode detectarse pola presenza dunha nova glicoproteína de 32kDa tinguible con PAS. Mi-VII débese a unha cobre mutación na glicoforina A que converte un residuo de arxinina noutro de treonina e un residuo de tirosina noutro de serina nas posicións 49 e 52 respectivamente. O residuo treonina-49 está glicosilado. Esta parece ser a orixe dun dos antíxenos específicos Mi-VII (Anek), que se sabe está entre os residuos 40-61 da glicoforina A e comprende residuo(s) de ácido siálico unidos a oligosacárido(s) unido(s) O-glicosidicamente. Isto tamén explica a perda dun antíxeno de alta frecuencia (EnaKT) que se encontra normalmente na glicoforina A, que está localizado entre os residuos 46 e 56. Mi-VIII orixinouse por unha mutación no residuo de aminoácido 49 (unha arxinina pasa a treonina). M-VIII ten o mesmo determinante Anek que MiVII. Mi-III, Mi-VI e Mi-X débense a rearranxos nas glicoforinas A e B na orde GlyA (alfa)-GlyB (delta)-GlyA (alfa). Mil-IX, en contraste, é un xene híbrido invertido alfa-delta-alfa. Mi-V, MiV(J.L.) e Sta débense a un sobrecruzamento desigual pero homólogo entre os xenes de glicoforina alfa e delta. Os xenes MiV e MiV(J.L.) están dispostos no mesmo marco 5' alfa-delta 3', mentres que o xene Sta está nunha configuración recíproca 5'delta-alfa 3'.

A incidencia de Mi-I en Tailandia é do 9,7%.

Uníronse á superficie de eritrocitos construtos de péptidos representativos das mutacións Mia MUT e MUR e observouse que poden detectar anticorpos contra estes antíxenos Miltenberger. Estas células así preparadas coñécense como kodecitos (células modificadas coa tecnoloxía KODE).Flower R, Lin P-H, Heathcote D, Chan M, Teo D, Selkirk A, Shepherd R, Henry S. Insertion of KODE peptide constructs into red cell membranes: Creating artificial variant MNS blood group antigens. ISBT Regional Congress, Macao SAR China, 2008. (P-396) Vox Sanguinis 2008; 95:Suppl 1, 203-204

Aínda que é pouco común en caucasianos (0,0098%) e xaponeses (0,006%), a frecuencia de Mi-III é excepcionalmente alta en varias tribos aborixes de Taiwán (ata o 90%). Ao contrario, esta frecuencia é do 2-3% en taiwaneses da etnia han (Minnan). O fenotipo Mi-III aparece no 6,28% dos chineses de Hong Kong.

Mi-IX (MNS32) aparece cunha frecuencia do 0,43% en Dinamarca.

Antíxeno Stones

O Stones (Sta) é o produto dun xene híbrido no cal a metade 5' deriva da glicoforina B mentres que a metade 3' deriva da glicoforina A. Coñécense varias isoformas del. Este antíxeno considérase agora que forma parte do complexo Miltenberger.

Antíxeno Sat

Un antíxeno relacionado é Sat. O seu xene ten seis exóns dos cales os exón I ao IV son idénticos ao alelo N da glicoforina A, mentres que a súa porción 3', incluíndo os exóns V e VI, deriva do xene da glicoforina B. A proteína madura SAT contén 104 residuos de aminoácidos.

Antíxeno Os

Osa (MNS38) débese a unha mutación no nucleótido 273 (C->T) que está no exón 3, que ten como resultado o cambio dun residuo de prolina por un de serina.

Antíxeno Ny

Nya (MNS18) débese a unha mutación no nucleótido 194 (T->A), que ten como resultado a substitución dun residuo de aspartato por outro de glutamato.

Reaccións

O anti-M, aínda que aparece naturalmente, raramente foi implicado en reaccións a transfusións. O anti-N non se considera que cause reaccións a transfusións. Informouse de reaccións graves con anti-Miltenberger. Anti Mi-I (Vw) e Mi-III recoñecéronse como causa de enfermidade hemolítica do neonato. Raddon foi asociado con reaccións graves a transfusións.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Glicoforina

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Antíxenos CD Categoría:Proteínas de membrana Categoría:Grupos sanguíneos