A apolipoproteína C3 (tamén chamada apolipoproteína C-III ou apo-CIII, entre outros nomes) é unha proteína que nos humanos está codificada polo xene APOC3 do cromosoma 11. A apolipoproteína C3 é segregada polo fígado e polo intestino delgado e encóntrase en lipoproteínas ricas en triglicéridos como os quilomicrons, as lipoproteínas de moi baixa densidade (VLDL) e no chamado colesterol restante ou remanente.

Estrutura

A apolipoproteína C3 é unha proteína relativamente pequena que contén 79 aminoácidos que poden estar glicosilados na treonina-74. As glicoformas máis abundantes caracterízanse por ter un disacárido formado por unha galactosa (ligada a O) enlazada cunha N-acetilgalactosamina (Gal- GalNAc), modificado adicionalmente con ata dous residuos de ácido siálico. Glicoformas menos abundantes caracterízanse por ter restos de glicanos máis complexos e fucosilados.

Función

A APOC3 inhibe a lipoproteína lipase e a lipase hepática; pénsase que inhibe a captación hepática de partículas ricas en triglicéridos. Os xenes APOA1, APOC3 e APOA4 están estreitamente ligados tanto no xenoma de ratas coma no humano. Os xenes APOA1 e APOA4 son transcritos da memsma febra, mentres que os xenes APOA1 e APOC3 son transcritos converxentemente. Un incremento nos niveis de apolipoproteína C3 induce o desenvolvemento de hipertrigliceridemia. Evidencias recentes indican un papel intracelular da apolipoproteína C3 na promoción da ensamblaxe e secreción de partículas VLDL ricas en triglicéridos polas células hepáticas en condicións de abundancia de lípidos. Porén, dúas mutacións puntuais que ocorren de forma natural na secuencia codificacnte da apolipoproteína C3 humana, concretamente Ala23Thr e Lys58Glu, impiden a ensamblaxe intracelular e a secrción de partículas VLDL ricas en triglicéridos polas células hepáticas.

Importancia clínica A sobreexpresión de apolipoproteína C3 en humanos contribúe á aterosclerose. Descubríronse dous novos haplotipos de susceptibilidade (denominados P2-S2-X1 e P1-S2-X1) no clúster xénico ApoAI-CIII-AIV do cromosoma 11q23; os cales confiren aproximadamente un risco tres veces maior do normal de padecer enfermidade coronaria así como a diabetes mellitus non insulínica. En persoas que padecen diabetes de tipo 2, un nivel elevado en plasma de apolipoproteína C3 está asociado cun maior nivel de triglicéridos no plasma e maior calcificación da arteria coronaria (unha medida da aterosclerose subclínica).

A apolipoproteína C3 atrasa o catabolismo de partículas ricas en triglicéridos. As partículas de colesterol HDL que levan apolipoproteína C3 están asociadas cun incremento, en vez de cunha diminución, do risco de enfermidade cardíaca coronaria.

A elevación dos niveis de apolipoproteína C3 atopada en estudos de variacións xenéticas pode predispoñer aos pacientes á enfermidade do fígado graxo non alcohólico.

A apolipoproteína C3 e as HDL A apolipoproteína C3 tamén se encontra en partículas HDL. A formación de HDL que contén apolipoproteína C3 non consise simplemente na unión da apolipoproteína C3 con partículas de HDL preexistentes, senón que require o ABCA1 transportado por lípidos de maneira similar ás HDL que conteñen apolipoproteína C1. A acumulación de apolipoproteína C3 nas HDL é importante para o mantemento da homeostase dos triglicéridos do plasma, xa que impide que haxa unha excesiva cantidade de apolipoproteína C3 nas VLDL e outras lipoproteínas ricas en triglicéridos, e isto impide a inhibición da inhibición de LpL mediada por apolipoproteína C3 e a subseguinte hidrólise de triglicéridos do plasma. Isto explica a hipertrigliceridemia asociada coa deficiencia en ABCA1 en pacientes con enfermidade de Tangier.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Bibliografía

Categoría:Apolipoproteínas