Heriberto Herrera Udrizar, nado en Guarambaré o 24 de abril de 1926 e finado en Asunción o 26 de xullo de 1996, foi un futbolista e adestrador paraguaio. Xogaba de defensa e foi internacional coas seleccións de Paraguai e España.

Traxectoria

Como futbolista Nado na cidade paraguaia de Guarambaré era fillo dun español. Comezou a xogar ao fútbol no Teniente Fariña, antes de fichar en 1947 polo Club Nacional, no que xogou ata 1953. As súas grande actuacións no Campionato Suramericano que gañou Paraguai, agradaron ao emisario do Atlético de Madrid presente no Perú, e este tramitou a súa contratación, xunto á dos seus compañeiros Adolfo Riquelme e Atilio López. Militou no club madrileño ata 1959.

Seleccións nacionais Foi internacional coa selección de Paraguai, coa que gañou a Copa América de 1953 contra o Brasil, sendo elixido mellor xogador do torneo. En 1957 xogou un partido coa selección española, correspondente á clasificación para o Mundial de 1958, enfrontándose a Suíza no Santiago Bernabéu.

Como adestrador Comezou a súa carreira como adestrador en 1959, inmediatamente despois de colgar as botas. O seu primeiro equipo foi o Rayo Vallecano, ao que chegou nas derradeiras xornadas da tempada 1958/59, co equipo como último clasificado da Segunda División. Conseguiu sacar o equipo dos postos de descenso directo e acadar a promoción de permanencia, e a continuación conseguiu a salvación ao derrotar ao Celta Turista. Entre as tempadas 1960/61 e 1962/63 conseguiu tres ascensos consecutivos á Primeira División con tres equipos diferentes: Tenerife, Valladolid e Espanyol.

Tralos seus éxitos en Segunda deu o salto á Primeira, collendo en 1963 as rendas do Elche. Na súa única campaña co equipo verde e branco, acadou o quinto posto da liga, o mellor resultado da historia do club.

A continuación marchou a Italia, para asinar como novo adestrador da Juventus, á que dirixiu entre 1964 e 1969. Gañou a Serie A na tempada 1966/67 e unha Copa de Italia na tempada 1964/65, nos dous casos xusto por diante do Inter de Milán de Helenio Herrera, adestrador co que foi comparado durante toda a súa carreira debido ao parecido dos seus nomes.

Ademais levou o equipo piemontés á final da Copa de Feiras na tempada 1964/65 e ás semifinais da Copa de Europa 1967/68, onde caeu contra o Benfica de Otto Glória. Deixou o club en 1969 despois de 1962 partidos, sendo na actualidade o cuarto adestrador con máis partidos na historia da Juventus.

A continuación foi contratado polo Inter de Milán, ao que levou ao segundo posto da Serie A na tempada 1969/70. Pasou logo polos bancos da Sampdoria e a Atalanta, antes de regresar en 1975 a España, onde adestrou varios equipos, entre eles o Valencia e por segunda vez o Elche.

Morreu en Asunción en 1996.

Palmarés

Como xogador Paraguai Copa América (1): 1953.

Como adestrador Juventus

Serie A (1): 1966/67. Copa Italia (1): 1964/65.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1926 Categoría:Finados en 1996 Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Futbolistas de Paraguai Categoría:Futbolistas de España Categoría:Xogadores do Club Nacional Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Paraguai Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores de fútbol de Paraguai Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Rayo Vallecano Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do Real Valladolid Categoría:Adestradores do RCD Espanyol Categoría:Adestradores do Elche CF Categoría:Adestradores do Juventus FC Categoría:Adestradores do Inter de Milán Categoría:Adestradores do UC Sampdoria Categoría:Adestradores do Atalanta BC Categoría:Adestradores do Valencia CF Categoría:Adestradores da UD Las Palmas