Giuliano Sarti, nado en Castello d'Argile, Boloña, o 2 de outubro de 1933 e finado en Florencia o 5 de xuño de 2017, foi un futbolista italiano, que xogaba como porteiro.
Considerado un dos mellores porteiros da historia do fútbol italiano, pasou os mellores anos da súa carreira coas camisetas da Fiorentina e do Inter, gañando un total de tres títulos da Serie A, unha Copa Italia, dúas Copas de Europa, dúas Copas Intercontinentais e unha Recopa de Europa.
A IFFHS colocouno no posto 43º nunha lista de mellores porteiros europeos do século XX.
Traxectoria Inicios Formouse como porteiro nas canteiras do San Matteo della Decima e do Centese, disputou co Bondenese o campionato de Promoción Rexional, xogando como titular, e en 1954 fichou xunto con Raul Tassinari pola Fiorentina.
Fiorentina
Co equipo violeta debutou na Serie A o 24 de abril de 1955 nun partido ante o Napoli. Na tempada 1955/56, coa retirada de Leonardo Costagliola, fíxose coa titularidade na portería toscana. O equipo, adestrado por Fulvio Bernardini, mantívose invicto ata a derradeira xornada, na que perdeu contra o Genoa, e proclamouse por primeira vez campión de liga, con 12 puntos de vantaxe sobre o Milan.
O título supuxo a clasificación para a segunda edición da Copa de Europa, competición na que a Fiorentina acadou a final, perdendo esta contra o Real Madrid. A pesar da derrota, a boa actuación de Sarti na final, valeulle os eloxios de Alfredo Di Stéfano. Nas seguintes tempadas conseguiu varios subcampionatos de liga e continuou como titular aínda despois da irrupción de Enrico Albertosi. Coa Fiorentina gañou tamén a Copa Grasshoppers en 1957, unha Copa de Italia e a primeira edición da Recopa de Europa.
Inter de Milán No verán de 1963 fichou polo Inter de Milán de Helenio Herrera, que gañara a liga o ano anterior. Na primeira tempada perdeu o desempate polo scudetto contra o Bologna, pero gañou a Copa de Europa, sendo titular na final contra o Real Madrid. Repetiu título ao ano seguinte, derrotando desa vez ao Benfica de Mário Coluna e Eusébio. Gañou ademais liga nas tempadas 1964/65 e 1965/66, e tamén dúas Copas Intercontinentais, en 1964 e 1965.
En 1967 disputou a súa cuarta final da Copa de Europa, dez anos despois da primeira, realizando unha boa actuación contra o Celtic de Glasgow en Lisboa, pero perdendo 2-1. No campionato doméstico o seu equipo liderou a táboa ata a derradeira xornada, cando un erro seu propiciou o 1-0 do Mantova, relegando o equipo milanés ata a segunda praza, por detrás da Juventus de Heriberto Herrera.
Juventus e retirada En 1968, xa con trinta e cinco anos, pasou á Juventus, onde xogou unha tempada. Finalmente militou unha última campaña co Unione Valdinievole da Serie D, antes de retirarse en 1970.
Selección italiana Foi 8 veces internacional coa selección italiana, coa que debutou o 29 de novembro de 1959 ante Hungría.
En 1967 formou parte da selección do Resto do Mundo que se enfrontou á selección española para celebrar o 65 aniversario do porteiro catalán Ricardo Zamora. O equipo da FIFA gañou 3-0 e participaron nel outros catro italianos: Tarcisio Burgnich, Gianni Rivera, Sandro Mazzola e Mario Corso. Foi o terceiro porteiro italiano convocado pola FIFA, despois de Aldo Olivieri nos anos 40 e Lorenzo Buffon nos 50.
Palmarés Fiorentina Serie A (1): 1955/56. Copa Italia (1): 1960/61. Recopa de Europa (1): 1960/61.
Inter de Milán Serie A (2): 1964/65, 1965/66. Copa de Europa (2): 1963/64, 1964/65. Copa Intercontinental (2): 1964, 1965.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Datos do xogador en treccani.it . Datos do xogador en treccani.it . Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en worldfootball.net . Datos do xogador en football.info .
Categoría:Nados en 1933 Categoría:Nados na provincia de Boloña Categoría:Finados en 2017 Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do ACF Fiorentina Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Juventus FC Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Adestradores de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do AS Lucchese Libertas 1905