A Copa de Campións CONMEBOL–UEFA, antes coñecida oficialmente como Copa de Nacións de Europa/América do Sur, e comunmente como Copa Artemio Franchi, é unha competición oficial de fútbol a partido único organizada pola CONMEBOL e a UEFA, e disputada polos gañadores da Copa América e da Eurocopa. Organizado cada catro anos, é o equivalente de seleccións á antiga Copa Intercontinental, que enfrontaba aos clubs campións de clubs de Europa e América do Sur. A competición celebrou as súas dúas primeiras edicións en 1985 e 1993, antes de ser suspendida durante case tres décadas. Foi recuperada en 2022, coa disputa da chamada Finalissima, tras chegar a un acordo a CONMEBOL e a UEFA.

Historia

Primeiras edicións e supresión Creada en 1985 como a Copa de Nacións de Europa/América do Sur, tamén foi coñecida como a "Copa Artemio Franchi" debido ao trofeo da competición, que recibiu o nome do falecido Artemio Franchi, expresidente da UEFA que morreu nun accidente de tráfico en 1983. Foi organizado conxuntamente entre a CONMEBOL e a confederación europea, funcionando como unha supercopa intercontinental. Foi concibida como o equivalente en seleccións nacionais á Copa Intercontinental de clubs, disputada entre os gañadores da Copa de Europa/Liga de Campións da UEFA e da Copa Libertadores. Debía disputarse cada catro anos, alternando a sede entre Europa e América do Sur. Xogouse por primeira vez en 1985, entre a gañadora da Eurocopa de 1984, Francia, e a gañadora da Copa América 1983, Uruguai. Francia acolleu o partido no Parc des Princes de París e gañou 2-0, con goles de Dominique Rocheteau e José Touré. A edición de 1989 non chegou a disputarse, xa que a selección dos Países Baixos (gañadora da Eurocopa de 1988) e a do Uruguai (gañadora da Copa América 1987) non conseguiron acordar unha data para o partido. A seguinte edición tivo lugar en 1993 entre os gañadores da Copa América 1991, Arxentina, e os vencedores da Eurocopa de 1992, Dinamarca. A Arxentina acolleu o partido no Estadio José María Minella de Mar del Plata e gañou 5-4 na quenda de penaltis, despois de que na prórroga se mantivese o empate a un gol. A competición quedou suprimida despois de dita edición.

A Copa Artemio Franchi está considerada como a precursora da Copa do Rei Fahd/Copa Confederacións da FIFA, disputada por primeira vez en 1992 e organizada pola FIFA desde a súa terceira edición en 1997. A competición contaba cos campións dos campionatos continentais e da Copa do Mundo. Trala edición de 2017, a FIFA anunciou a eliminación do torneo.

Recuperación O 12 de febreiro de 2020, a UEFA e a CONMEBOL asinaron un novo memorando de entendemento, co obxectivo de mellorar a cooperación entre as dúas organizacións. Como parte do acordo, unha comisión mixta da UEFA e da CONMEBOL examinou a posibilidade de organizar partidos intercontinentais entre Europa e América do Sur, tanto para o fútbol masculino como para o feminino e entre varios grupos de idade. O 28 de setembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL confirmaron que os gañadores da Eurocopa e da Copa América se enfrontarían nun partido intercontinental, cun acordo que abarcaría inicialmente tres edicións a partir de 2022. O 15 de decembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL asinaron de novo un memorando de entendemento renovado ata 2028, que incluía disposicións específicas sobre a apertura dunha oficina conxunta en Londres e a posible organización de varios eventos de fútbol. Confirmouse que o partido tería lugar no estadio de Wembley de Londres o 1 de xuño de 2022. Ademais anunciouse que o novo nome da Copa Artemio Franchi sería "Copa de Campións CONMEBOL–UEFA".

A primeira edición do torneo na súa nova etapa foi coñecido como a Finalissima 2022 e enfrontou ao campión da Eurocopa 2020 (celebrada en 2021), Italia, e o gañador da Copa América 2021, a Arxentina, no estadio de Wembley de Londres, Inglaterra. A Arxentina gañou o partido por 3-0, facéndose co seu segundo título.

Edicións Ano Sede Gañador Resultado e estadio Subcampión 1985 Francia 45pxFrancia 2–0 Parc des Princes, París 45pxUruguai 1993 Arxentina 45pxArxentina 1–1 Estadio José María Minella, Mar del Plata 45pxDinamarca 2022 Inglaterra 45pxArxentina 3–0Wembley, Londres 45pxItalia

Palmarés

Por selección Equipo Gañador Subcampión Arxentina 2 (1993, 2022) Francia 1 (1985) Uruguai1 (1985) Dinamarca1 (1993) Italia1 (2022)

Por confederación Confederación Gañador Subcampión CONMEBOL 2 1 UEFA 1 2

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Copa Confederacións da FIFA Ligazóns externas Sitio web oficial . Finalissima 2022 no sitio web da CONMEBOL . Copa Artemio Franchi Cup en RSSSF.com .

Categoría:Competicións da UEFA Categoría:Competicións da CONMEBOL Categoría:Copa de Campións CONMEBOL-UEFA