Roberto Mancini, nado en Jesi, Ancona, o 27 de novembro de 1964, é un exfutbolista e adestrador italiano, que xogaba como centrocampista e dianteiro. Dende 2023 dirixe a selección saudita.
Alcumado il Mancio, está considerado un dos mellores centrocampistas ofensivos da historia do fútbol italiano. Debutou na Serie A co en 1981, con só 16 anos, fichando ao ano seguinte pola Sampdoria, club do que se converteu nun símbolo. Xogou durante 15 tempadas no equipo xenovés, sendo o futbolista con máis partidos disputados da súa historia (566), así como o seu máximo goleador histórico (173 goles). Na tempada 1990/91 participou na conquista do primeiro e único scudetto na historia do club, co que gañou tamén catro Copas Italia, unha Supercopa italiana e unha Recopa de Europa, ademais de disputar a final da Copa de Europa en 1992. Tras deixar a Sampdoria militou durante tres anos na Lazio, coa que gañou un segundo título de liga (o primeiro do club en 26 anos) así como a Recopa de Europa e a Supercopa de Europa (os dous únicos títulos europeos da historia do club). Pechou a súa carreira como futbolista tras unha breve etapa no Leicester City.
Entre 1984 e 1994 formou parte da selección italiana, coa que disputou a Eurocopa de 1988 e acudiu ao Mundial de 1990, no que non chegou a xogar. Coa camisola azzurra sumou 36 partidos e 4 goles.
Gañou seis veces a Copa Italia, rexistro só igualado polo gardameta Gianluigi Buffon. É ademais o xogador con máis partidos disputados na historia do torneo (120).
Despois de retirarse do fútbol, iniciou unha carreira como adestrador que o levou a ser considerado un dos mellores técnicos da súa xeración. Gañou dende os bancos tres campionatos da Serie A, catro Copas Italia (récord compartido con Massimiliano Allegri e Sven-Göran Eriksson), dúas Supercopas de Italia, unha Premier League, unha FA Cup, unha FA Community Shield, unha Copa de Turquía e a Eurocopa de 2020 á fronte da selección italiana. En 2015 foi incluído no Salón da Fama do Fútbol Italiano.
Traxectoria
Carreira como futbolista Bologna Aos trece anos foi recomendado a Marino Perani, naquel momento responsable da canteira do Bologna, que o contratou por 700.000 liras tras unha pequena proba.
Debutou co primeiro equipo aos 16 anos, o 6 de setembro de 1981, nun partido da Copa Italia contra a Reggina, substituíndo ao comezo da segunda metade a Chiorri. Unha semana despois debutou na Serie A, na primeira xornada, nun empate a un gol diante do Cagliari, converténdose así no sexto xogador máis novo da historia en debutar na Serie A. Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría en Como o 4 de outubro de 1981, facendo o último gol do partido no empate 2-2 fronte ao Como. Durante a súa primeira tempada na Serie A, disputou os 30 partidos e marcou 9 goles. Con todo, o Bologna non puido evitar o seu primeiro descenso á Serie B.
Sampdoria No verán de 1982 o presidente da Sampdoria, Paolo Mantovani, pagou ao Bologna 4.000 millóns de liras polos servizos de Mancini, así como os pases de Galdiolo, Roselli, Brondi e Logozzo, que pasaron a ser xogadores do club boloñés. Militou na Sampdoria durante os seguintes 15 anos, ata a tempada 1996/97. Marcou o seu primeiro gol oficial co club na Copa Italia o 1 de setembro de 1982, ante o .
No club xenovés, Mancini e Gianluca Vialli formaron unha das parellas ofensivas máis prolíficas da historia do fútbol italiano, sendo inmediatamente alcumados os "xemelgos do gol". Na tempada 1984/85, despois de derrotar ao Milan na final, Mancini conquistou a súa primeira Copa Italia, que foi tamén o primeiro título na historia do club. Baixo a dirección técnica de Vujadin Boškov, que chegou a Xénova no verán de 1986, gañou de xeito consecutivo dúas Copas de Italia máis nas campañas 1987/88 e 1988/89 e un histórico campionato da Serie A na tempada 1990/91 (o único do club). A estes trofeos súmase unha Supercopa de Italia, gañada en 1991 ante a Roma, grazas a un gol seu no minuto 75. Con Eriksson no banco da Sampdoria chegou a cuarta Copa Italia na 1993/94.
Nas competicións europeas, a Sampdoria de finais dos oitenta e principios dos noventa estivo entre os grandes protagonistas. Despois de ser derrotada na final da Recopa de Europa 1988/89 polo Barcelona, gañou a competición na campaña seguinte, derrotando na final ao Anderlecht por 2-0, os dous tantos anotados por Vialli. Na tempada 1991/92 Mancini capitaneou a Sampdoria ata a súa terceira final europea en catro anos, pero desta vez, na máxima competición continental, a Copa de Europa. O equipo italiano foi derrotado de novo polo Barcelona, grazas a un gol de Koeman no minuto 112 da prórroga.
Lazio No verán de 1997 fichou pola Lazio. As chegada de Mancini e outros exfutbolistas da Sampdoria como Verón, Mihajlović e Lombardo, así como a do adestrador Eriksson, coincidiron co inicio dunha época triunfante do equipo romano presidido por Cragnotti a finais da década de 1990.
Mancini debutou ante os afeccionados da Lazio cun gol contra o Napoli no estadio Olímpico o 31 de agosto de 1997. Un mes despois marcou o primeiro dos catro goles que lle fixo á Roma nos derbis romanos. O 29 de novembro de 1998 anotoulle dous goles ao máximo rival da Lazio, un deles co tacón. Tamén de tacón logrou un dos seus goles máis recordados, batendo a Gianluigi Buffon nunha vitoria por 1-3 sobre o Parma en xaneiro de 1999. O 14 de maio de 2000, con 35 anos, xogou o seu último partido coa camisola biancoceleste no Olímpico.
Na súa última campaña en Roma, gañou un histórico campionato de liga, o segundo para as vitrinas do club, que celebraba ese ano o seu centenario. Sumou ese título aos da Recopa de Europa 1998/99, a Supercopa de Europa 1999, ás Copas Italia de 1998 e 2000 e á Supercopa italiana de 1998.
Leicester City e retirada A pesar de anunciar o 23 de maio de 2000 a súa retirada dos terreos de xogo, e de aceptar o cargo de segundo adestrador da Lazio, en xaneiro de 2001 deu volta atrás e asinou un contrato de seis meses como xogador do Leicester City, da Premier League. A súa estancia en Inglaterra durou só un mes, durante o que disputou un total de catro partidos da Premier e un da FA Cup. O 22 de febreiro de 2001 colgou definitivamente as botas, unha vez se lle presentou a oportunidade de adestrar a Fiorentina.
Selección italiana Debutou coa selección italiana sub-21 de Azeglio Vicini cando aínda contaba 17 anos, o 10 de outubro de 1982, nun empate ante Austria (1-1). Militou na sub-21 durante catro anos, coincidindo con xogadores como Gianluca Vialli, Walter Zenga, Riccardo Ferri, Giuseppe Giannini, Roberto Donadoni, Nicola Berti ou Fernando De Napoli. Con este equipo alcanzou a final da da Eurocopa sub-21 de 1986, disputada en Valladolid, onde os italianos caeron na quenda de penaltis fronte a España.
A primeira convocatoria de Mancini á selección italiana absoluta produciuse da man do seleccionador Enzo Bearzot, quen o chamou por primeira vez en 1984, con 19 anos, con motivo dunha xira amigable por América do Norte. Debutou o 26 de maio en Toronto, na vitoria por 2-0 ante o Canadá, substituíndo a Bruno Giordano no segundo tempo. Con todo, durante esa mesma viaxe, Bearzot expulsouno da selección por motivos disciplinarios e non o volveu convocar mentres el estivo ao mando. Foi o primeiro episodio da problemática relación de Mancini coa azzurra, marcada por unha falta de entusiasmo no terreo de xogo e as friccións con adestradores e medios.
En 1986, cumprida a idade máxima para a selección sub-21 e trala chegada ao banco da absoluta de Vicini, volveu ser convocado para o equipo principal. Na Eurocopa de 1988 marcou o seu primeiro gol como internacional, no partido inaugural en Düsseldorf e contra a selección anfitrioa, Alemaña Occidental. A selección italiana acabou caendo en semifinais contra a Unión Soviética.
Trala Eurocopa perdeu a titularidade a favor de Giuseppe Giannini e a relación co seleccionador Vicini acabou por deteriorarse. Con todo, foi convocado para o Mundial de 1990, no que Italia chegou ás semifinais, pero non chegou a debutar no torneo.
Aínda que continuou na selección trala chegada ao banco de Arrigo Sacchi, non se adaptaba especialmente aos esquemas do técnico romañolo, que, aínda que o estimaba e en ocasións o utilizaba como dianteiro centro xunto a Roberto Baggio, considerábao como o suplente do atacante véneto. Durante a clasificación para o Mundial de 1994, marcou os seus últimos 3 goles coa camisola azzurra, pero non foi convocado para a fase final do torneo nos Estados Unidos, elixindo Sacchi no seu lugar a Gianfranco Zola.ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d7/Roberto_Mancini_%28cropped%29.jpg/220px-Roberto_Mancini_%28cropped%29.jpg|miniatura| Mancini durante o seu primero paso polo Inter de Milán, na década de 2000.O seu paso pola selección, non tan brillante como a súa traxectoria en clubs, chegou á súa fin o 23 de marzo de 1994, cando disputou o último dos seus 36 partidos internacionais, un amigable contra Alemaña no Mercedes-Benz Arena de Stuttgart.
Carreira como adestrador Trala súa retirada continuou formando parte da Lazio e en xullo do 2000 comezou a súa carreira como adestrador como asistente de Eriksson, gañando inmediatamente a Supercopa italiana xunto ao adestrador sueco.
Fiorentina O 26 de febreiro de 2001, aos 36 anos e tras o seu breve regreso aos campos de fútbol co Leicester, foi contratado pola Fiorentina para substituír o turco Fatih Terim no posto de adestrador. Co equipo 10º en liga e xa clasificado para a final da Coppa Italia, Mancini logrou proclamarse campión do torneo copeiro na dobre final ante o Parma que adestraba Renzo Ulivieri. Foi o seu primeiro título como adestrador, pouco máis de 3 meses despois de iniciar a súa carreira, así como o sexto triunfo do equipo violeta no torneo. Mentres tanto, rematou a liga no noveno posto.
No verán seguinte, o club atravesaba grandes problemas económicos e Mancini tivo que xestionar unha base de xogadores considerablemente debilitada, co obxectivo mínimo para o ano seguinte e dende o punto de vista deportivo, de manterse na Serie A. Comezou a campaña 2001/02 perdendo a Supercopa italiana diante da Roma de Fabio Capello. Debutou como adestrador en Europa na Copa da UEFA, competición na que o seu equipo foi eliminado en oitavos de final. O 11 de xaneiro de 2002, trala 17ª xornada de liga e despois dunha derrota na casa fronte ao Perugia, dimitiu como adestrador do equipo toscano. Deixou o equipo en postos de descenso, e os seus sucesores no banco tampouco conseguiron endereitar o rumbo do equipo, que acabou descendendo esa mesma tempada e declarándose en bancarrota.
Lazio O 1 de xullo de 2002 regresou á Lazio cun contrato por dous anos, obtendo bos resultados, pero o seu traballo viuse afectado por diversas vicisitudes económicas, que culminaron coa dimisión do entón presidente Sergio Cragnotti e coa inclusión do mesmo Mancini no consello de administración da sociedade. Acabou cuarto na liga no seu primeiro ano, alcanzando así a Liga de Campións, e chegou ás semifinais tanto na Copa Italia como na Copa da UEFA, perdendo nesta última por un global de 4-1 ante o Porto de José Mourinho, posterior vencedor do torneo.
Na campaña seguinte (2003/04) a Lazio realizou un gran papel na Copa Italia e despois de eliminar ao Modena, ao Parma e ao Milan, enfrontouse na final á Juventus de Lippi, á que derrotou por un resultado total de 4-2, facéndose así Mancini co seu segundo título de Copa como adestrador. No campionato de liga quedou sexto. O 7 de xullo de 2004 deixou o club capitolino para fichar polo Inter de Milán.
Regreso ao Inter ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/18/Roberto_Mancini_-_Lech_-_Manchester_010.jpg/220px-Roberto_Mancini_-_Lech_-_Manchester_010.jpg|esquerda|miniatura| Mancini no banco do Manchester City en 2010.