Leo Beenhakker, nado en Rotterdam o 2 de agosto de 1942 e finado o 10 de abril de 2025, foi un exadestrador de fútbol neerlandés. Nos seus máis de 40 anos de adestrador dirixiu numerosos clubs e seleccións de diferentes países. No seu país natal gañou tres veces a Eredivisie, co Ajax e co Feyenoord, mentres que co Real Madrid conquistou tres ligas españolas consecutivas, así como unha Copa do Rei.
A nivel internacional dirixiu a selección dos Países Baixos e conseguiu clasificar a Trindad e Tobago para o Mundial de 2006 e a Polonia para a Eurocopa de 2008, sendo as primeiras participacións da historia desas seleccións en ditos torneos.
Traxectoria Tras adestrar varios equipos e gañar unha liga neerlandesa co Ajax, colleu en 1985 as rendas da selección dos Países Baixos, ás que dirixiu ata 1986. A continuación fichou polo Real Madrid, club no que obtivo os seus maiores éxitos, gañando tres veces consecutivas o campionato de Primeira División e unha a Copa do Rei. Posteriormente gañou outras dúas veces a Eredivisie, unha co Ajax e outra co Feyenoord.
Pasou tamén por outros moitos clubs de diferentes países como o Grasshoppers, o América, o İstanbulspor, o Guadalajara ou o Vitesse, e polas seleccións de Arabia Saudita, Polonia e Trinidad e Tobago. Dirixiu o combinado neerlandés no Mundial de 1990 en Italia, acadando os oitavos de final, onde o equipo caeu eliminado diante da selección da RFA. Adestrou a Trinidad e Tobago no ano previo ao Mundial de 2006 e logrou a clasificación para o torneo por primeira vez na historia do país. A continuación foi durante tres anos seleccionador de Polonia, conseguindo meter o equipo na primeira Eurocopa da súa historia. O 20 de febreiro de 2008 foi condecorado coa Orde de Polonia Restituta polo presidente do país, Lech Kaczyński. Con todo, foi despedido despois de non se clasificar para o Mundial de 2010.
Nos seus últimos anos no mundo do fútbol exerceu como director deportivo de varios equipos, o último deles o Sparta Rotterdam ata 2018.
Palmarés Ajax Eredivisie (2): 1979/80, 1989/90.
Real Madrid Primeira División (3): 1986/87, 1987/88, 1988/89. Copa do Rei (1): 1988/89. Supercopa de España (2): 1988, 1989.
Feyenoord Eredivisie (1): 1998/99. Supercopa dos Países Baixos (1): 1999.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Rotterdam Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Futbolistas dos Países Baixos Categoría:Adestradores de fútbol dos Países Baixos Categoría:Adestradores do AFC Ajax Categoría:Adestradores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores da selección de fútbol dos Países Baixos Categoría:Adestradores do Real Madrid CF Categoría:Adestradores do Grasshopper-Club Zürich Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Arabia Saudita Categoría:Adestradores do Club América Categoría:Adestradores do CD Guadalajara Categoría:Adestradores do SBV Vitesse Categoría:Adestradores do Feyenoord Rotterdam Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Trinidad e Tobago Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Polonia Categoría:Adestradores do Mundial de Fútbol de 1990 Categoría:Directores deportivos de fútbol