Stan Getz, do seu nome Stanley Gayetsky, nado en Filadelfia, o 2 de febreiro de 1927 e finado en Malibu (California) no 6 de xuño de 1991, foi un saxofonista de jazz estadounidense. Colaborou con João Gilberto e Tom Jobim, converténdose nun dos principais responsábeis da difusión do movemento musical brasileiro coñecido como bossa nova polo mundo.

Traxectoria

Comezos Os pais de Stan Getz eran xudeus, nados na Ucraína, que emigraron de Kíiv en 1903. Máis tarde, a súa familia viaxou a Nova York, buscando mellores condicións de vida e emprego. Getz era un estudante comprometido e recto, que acabou no máis alto da súa clase.

A súa paixón eran os instrumentos musicais, e tiña que tocar todos os que atopaba. O primeiro saxofón deulle o seu pai, con 13 anos. Tamén lle ofreceu un clarinete, pero este quedou nun segundo plano. Getz dedicou gran parte do seu día á práctica do saxofón.

En 1941, foi aceptado na All City High School Orchestra de Nova York. Isto proporcionoulle a oportunidade de ter un titor privado da Filharmónica de Nova York, Simon Kovar. Ao mesmo tempo, tamén tocou en pequenos concertos locais. Con 14 anos comprou o seu primeiro saxo tenor cos cartos que gañaba con aqueles concertos. Porén, a súa dedicación á música prexudicou as súas notas, e acabou abandonando os estudos para dedicarse de cheo á súa carreira musical. Máis tarde, vese obrigado a volver á escola polos representantes do sistema educativo.

En 1943, uniuse á banda de Jack Teagarden, e tamén tocou con Nat King Cole e Lionel Hampton. Despois de tocar con Stan Kenton, Jimmy Dorsey e Benny Goodman, Getz converteuse en solista con Woody Herman, de 1947 a 1949, destacando como un dos principais saxofonistas da banda, coñecido como "os catro irmáns"; os outros foron Serge Chaloff, Zoot Sims e Herbie Steward. Con Herman, Getz tivo o seu primeiro éxito con Early Autumn. Despois de deixar a banda, comezou a súa carreira en solitario. A partir de 1950 sería líder en case todas as gravacións nas que participaría.

Anos 50 e 60 Na década de 1950, Stan Getz fíxose famoso como un intérprete de jazz xenial, tocando con Horace Silver, Oscar Peterson e outros. Os seus dous primeiros quintetos incluíron nomes tan famosos como Roy Haynes (batería de Charlie Parker), o pianista Al Haig e o baixista Tommy Potter. En 1958, Getz trasladouse a Copenhague co obxectivo de abandonar o seu consumo de drogas.

Ao seu regreso aos EUA, en 1961, Getz converteuse nunha das principais figuras da bossa nova. Xunto con Charlie Byrd, que regresara dunha xira no Brasil, Getz gravou Jazz Samba, en 1962, que se converteu nun éxito. O tema principal foi unha adaptación de " Samba de Uma Nota Só" de Antonio Carlos Jobim. Stan Getz gaña o Grammy á Mellor interpretación de jazz en 1963 con "Desafinado".

Grava con Tom Jobim, João Gilberto e a súa esposa, Astrud Gilberto. Pola súa interpretación de "Garota de Ipanema" gañou outro Grammy. Esta canción converteuse nunha das cancións de jazz latino máis coñecidas de todos os tempos. Getz e Gilberto, gañaron dous Grammy (Mellor álbum e Mellor sinxelo), superando a The Beatles, en A Hard Day's Night. En 1967, Getz gravou con Chic Corea e Stanley Clarke.

Anos 70 e 80 A principios dos anos 70, Stan Getz foi influenciado polo jazz fusión e o "jazz eléctrico", usando un Echoplex no seu saxofón. A crítica non gustou da nova experiencia, que levou a Getz a renunciar a este son, volvendo ao jazz máis tradicional e acústico. A partir da década de 1980, Getz deixa pouco a pouco a bossa nova, e aposta por un estilo de jazz menos tradicional e máis esotérico.

Vida persoal dereita|miniatura|280x280px| Stan e Katie, a súa filla, no Lincoln Center, en 1987. Desde pequeno, Getz utilizou drogas, principalmente heroína e alcohol. Casado o 7 de novembro de 1946 con Beverly Byrne, cantante da banda de Gene Krupa, tivo tres fillos. En 1954, foi detido por tentar roubar unha farmacia buscando morfina. Durante o proceso de detención, no sector penitenciario do centro médico USC Medical Center, en Os Ánxeles, Beverly deu a luz o seu terceiro fillo, nese mesmo edificio.

En 1956, o 3 de novembro, casou con Monica Silfverskiold, unha aristócrata sueca, coa que tivo dous fillos. En 1957, tivo un fillo dunha relación coa súa amiga Inga Torgner. Despois de varios anos intentando sacar a Getz da súa adicción ás drogas, Mónica divórciase en 1987 e obtén a custodia de todos os fillos do seu exmarido.

Nos últimos anos da súa vida, coa axuda de grupos como Alcohólicos Anónimos, Stan Getz conseguiu acabar coa súa dependencia do alcol e das drogas. Morreu de cancro de fígado o 6 de xuño de 1991. En 1998, dedicoulle unha á na Berklee School of Music, chamada "Stan Getz Media Center and Library", e doada pola Herb Alpert Foundation.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Stan Getz no Allmusic Discografia no Allmusic

Categoría:Nados en Filadelfia, Pensilvania Categoría:Saxofonistas de jazz Categoría:Saxofonistas dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1927 Categoría:Finados en 1991