Discipline é o oitavo álbum de estudio da banda inglesa de rock progresivo King Crimson, publicado o 22 de setembro de 1981 a través do selo E.G. Records no Reino Unido e de Warner Bros. Records nos Estados Unidos.

Este traballo foi o primeiro álbum do grupo tras un hiato de sete anos. Só o cofundador e guitarrista Robert Fripp e o batería Bill Bruford permanecían da anterior encarnación, e a eles se lles uniron dous músicos estadounidenses: o guitarrista, vocalista e letrista Adrian Belew e o baixista e corista Tony Levin. O disco presenta un novo son da banda, influenciado polo new wave, o post-punk e a world music, aínda que mantendo o seu carácter experimental, axudando a sentar as bases doque despois se coñecería como rock post-progresivo.

Antecedentes Pouco antes do lanzamento de Red en 1974, o líder de King Crimson, Robert Fripp, decidiu disolver o grupo, declarando nunha entrevista coa revista Trouser Press que "King Crimson acabou por completo. Para sempre". No ínterim, tras un breve período de retiro da industria musical, Fripp colaborou con músicos como Brian Eno, Peter Gabriel e David Bowie, e lanzou unha serie de álbums. En 1977 considerouse unha reunión de King Crimson, pero Fripp acabou por rexeitala, polo que os outros dous membros da formación de Red, Bill Bruford e John Wetton, formaron a banda U.K.. En 1979, Fripp lanzou o álbum en solitario Exposure, dando comezo a un período que el mesmo bautizou como o "Drive to 1981" (Rumbo a 1981); este concluíu unha vez que a súa banda, The League of Gentlemen, se disolveu a finais de 1980.

Fripp buscara reunir unha nova banda que lle permitise o "acceso ás ideas máis recentes e actuais, [e] aos mellores músicos" mentres seguía de xira con The League of Gentlemen. Logo recrutou a Bruford, Tony Levin e Adrian Belew para formar a banda Discipline, que actuou en directo cos Lounge Lizards no Reino Unido durante parte de 1981. Máis tarde, Fripp optou por cambiar o nome de Discipline a King Crimson tras chegar á conclusión de que "non había dúbida de que a banda que estaba tocando era King Crimson".

Listaxe de cancións

Notas

Categoría:Álbums de King Crimson Categoría:Álbums musicais de 1981 Categoría:Álbums producidos por Rhett Davies Categoría:Álbums de Warner Bros. Records