A lingua serrano (Maarrênga'twich) é unha lingua tákica da familia uto-azteca, falada tradicionalmente polo pobo serrano do sur de California. A lingua está estreitamente relacionada co tongva, co tataviam, co kitanemuk e co vanyume. O serrano ten orde de palabras libre coa única regra de que os verbos adoitan ir en último lugar. Segundo datos de 2009-2018 tiña 6 falantes autoidentificados. O serrano está clasificado como morta polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.
Falantes De acordo con Ethnologue, había un falante no ano 1994. A derradeira falante con total fluidez foi Dorothy Ramon, quen morreu en 2002. Durante os últimos anos da vida de Dorothy Ramon, traballou co lingüista Eric Elliot. Xuntos escribiron un libro chamado Wayta' Yawa' (Cre sempre). Este libro foi escrito en serrano e en inglés e nel fálase da cultura serrano e da vida de Dorothy Ramon, que á súa vez salvou a lingua serrano da completa extinción. Despois da morte de Dorothy Ramon, a lingua considérase agora latente, xa que os esforzos de revitalización permitiron que a lingua sobreviva dalgunha forma.
Os serranos referíanse a si mesmos tradicionalmente como "maarrênga'yam" que significa "pobo de Maarra". (Maarra' é considerada como a moderna cidade de Twentynine Palms) ou yuhaviatam, que quere dicir "xente dos piñeiros". Os serranos vivían orixinalmente na zona preto do río Mojave e nas montañas de San Bernardino do sur de California. En 1891, o goberno dos Estados Unidos estabeleceu a reserva de San Manuel para os serranos, lugar onde viviron moitos dos seus últimos falantes. En 1967, o investigador Kenneth Cushman Hill observou que unhas 6 persoas aínda falaban a lingua agora inactiva.Hill, Kenneth Cushman. "A Grammar of the Serrano Language". University of California. 1967. No presente, o sobriño de Dorothy Ramon é visto como a última persoa que é capaz de falar a lingua con fluidez.
Revitalización da lingua A lingua considerouse extinta logo da morte da súa derradeira falante nativa en 2002, mais hai intentos de revivila. Tanto nas reservas de San Manuel e Morongo estanse a levar a cabo medidas para ensinar a lingua, a historia e cultura do pobo serrano. A profesora da lingua serrano Pauline Murillo axudou a elaborar un CD ROM interactivo para aprender serrano. En 2013 desenvolvéronse aplicacións e xogos, e o Proxecto de Dinamización da Lingua Serrano (SLRP) da Banda de San Manuel busca desenvolver máis recursos multimedia para estudantes da lingua. En maio de 2013, a Universidade Estatal de California, San Bernardino anunciou que ofrecería clases de lingua serrano aos seus estudantes.
O proxecto Limu ofrece cursos en liña en nos dialectos maarrênga' (dialecto da reserva Morongo) e yuhaviat (dialecto de San Manuel). A lingua serrana foi tradicionalmente unha lingua de transmisión oral e o uso do alfabeto non se utilizou até a década de 1990. A partir de 2005 desenvolveuse un novo alfabeto, con 47 letras, incluída unha oclusiva glotal. A Universidade de California nos Ánxeles conta cunha gravación dun falante de serrano lendo unha lista de palabras. O serrano está en proceso de engadirse a Google Translate.
A organización Endangered Languages Project clasifica o serrano na etapa do "espertar", o que significa que a lingua perdeu os seus falantes nativos e fluídos e pode considerarse "extinta" pero ten en marcha proxectos de dinamización para preservar o coñecemento da lingua e do pobo serrano.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Pritzker, Barry. "A Native American Encyclopedia: History, Culture, and Peoples. Oxford University Press. 2000. Hill, Kenneth Cushman. "A Grammar of the Serrano Language". University of California, Los Angeles. 1967.
Categoría:Revitalización de linguas nativas americanas Categoría:Linguas tákicas Categoría:Linguas aglutinantes Categoría:Linguas dos Estados Unidos de América