Philippa Ruth Foot, nada co apelido Bosanquet en Lincolnshire o 3 de outubro de 1920 e finada en Londres, 3 de outubro de 2010, foi unha filósofa británica, coñecida especialmente por ser unha das fundadoras da ética da virtude contemporánea, inspirada na ética aristotélica desde un punto de vista da filosofía analítica e unha forte influencia de Wittgenstein. O seu traballo foi fundamental para o rexurdir da ética normativa, competindo con outras teorías éticas máis populares como a deontolóxica ou o utilitarista.

Traxectoria Era neta do presidente estadounidense Stephen Grover Cleveland, polo que a súa nai nacera na Casa Branca, como filla do presidente. Foi educada nunha familia acomodada xunto coa súa irmá Marion, coa que compartía o amor pola caza, que máis tarde serviría para construír metáforas para ilustrar as súas discusións filosóficas.

Estudou Filosofía, Política e Economía ('PPE') no Somerville College de Oxford entre 1939 e 1942. A súa estancia en Somerville foi interrompida de 1942 a 1947 durante a Segunda Guerra Mundial, prestando os seus servizos como economista ao goberno. Durante o resto da súa vida, foi profesora de Filosofía (1947–1950), Bolseira e titora (1950–1969), Investigadora principal (1969–1988) e Fellow Honorario (1988–2010). Alí pasou moitas horas debatendo con G. E. M. Anscombe e aprendendo dela sobre a filosofía analítica de Wittgenstein e unha nova perspectiva moral chegando a afirmar: "Aprendín todo dela".

A súa obra cambiou de rumbo, con respecto ás súas posicións ocupadas nos anos 50 e 60, ao tentar modernizar a teoría aristotélica, adaptándoa ao mundo contemporáneo e compatibilizándoa con outras teorías modernas como a deontolóxica e a ética utilitarista. Cuestionou "a ortodoxia do pensamento" de Alfred Jules Ayer e Richard Hare e foi unha das pioneiras da ética da virtude. Algúns dos seus traballos foron cruciais para o rexurdimento da ética normativa dentro da filosofía analítica, especialmente a súa crítica ao consecuencialismo (un exemplo familiar diso é a súa discusión continuada sobre o chamado "dilema do carro").

Os seus traballos xiran arredor da ética, e cuestiona temas como o aborto, a eutanasia, a liberdade de vontade, a obxectividade e racionalidade da moral, a virtude e os vicios, a crítica ao utilitarismo e varios dilemas morais.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ludwig Wittgenstein Elizabeth Anscombe Mary Midgley Iris Murdoch

Categoría:Filósofos de Inglaterra Categoría:Nados en 1920 Categoría:Nados en Lincolnshire Categoría:Finados en 2010 Categoría:Alumnos da Universidade de Oxford Categoría:Filósofos analíticos