Discorsi dell'arte poetica e in particolare sopra il poema eroico (1594), tamén coñecido coma Discorsi del poema eroico, é unha obra de Torquato Tasso. Trátase dunha reflexión filosófica sobre a natureza da poesía épica, escrita durante a elaboración do seu poema Gerusalemme Liberata (1581).

Historia A recente edición do primeiro libro da Poética de Aristóteles levou á publicación de numerosos libros de preceptos baseados nas ideas do filósofo grego. Estas normas ríxidas contrastaban coa liberdade e inspiración do Orlando Furioso de Ludovico Ariosto, o que conduciu a un debate público nos círculos literarios da época.

A obra de Tasso buscaba organizar dun xeito orgánico as reflexións xurdidas neste debate, así como fundamentar teoricamente os valores da cultura cortesana de Ferrara, onde vivía o poeta, centrados no hedonismo e a magnificencia.

Por outra banda, tamén considera o problema do valor pedagóxico das obras literarias, segundo o dictum de Horacio "miscere utile dulci" ("integrar o útil co doce"), que se estaba a considerar con moita seriedade co gallo da Contrarreforma.

Estrutura A obra estrutúrase en varios libros. No primeiro deles, fálase da poesía coma imitación (mímese) orientada ao pracer. No segundo, Tasso argumenta que o tema da poesía debe ser "virtuoso e piadoso", subordinando a inspiración poética á razón e á relixión. No terceiro libro, compara as características do poema épico e do romance, defendendo a superioridade do primeiro. Porén, rexeita unha distinción ríxida entre ambos xéneros, xa que dende novo avogou por conciliar a tradición clásica coa romance, integrando a gravidade da épica coa variedade do romance. No cuarto libro, analiza os mecanismos típicos da fábula, enriquecendo a súa argumentación con abondosos exemplos. Nos dous derradeiros libros, trata en xeral sobre a elocución, da linguaxe poética e da compatibilidade da elegancia coa poesía épica.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Discorsi dell'arte poetica e in particolare sopra il poema eroico (Biblioteca Italiana)

Categoría:Literatura en lingua italiana Categoría:Obras filosóficas