A eparquía católica caldea de Alqux é unha sé da Igrexa católica caldea en Iraq, inmediatamente suxeita ao patriarcado de Babilonia. No ano 2024 tiña 10.000 bautizados. Dende o 8 de outubro de 2022 está gobernada polo bispo Bulus Zabit Habib.

Territorio A eparquía comprende a cidade de Alqux e outras áreas circundantes no norte de Iraq, especialmente na gobernación de Nínive: o distrito de Şêxan, o municipio de Alqux, a parte norte de Tal Kaif, e parte de Mezure. A sede episcopal sitúase na cidade de Alqux, onde se atopa a catedral de San Xurxo, a principal igrexa da eparquía. O territorio está organzizado nunha ducía de parroquias (2023). Na diocese hai presenza da Orde Antoniana de Santo Hormisdas dos Caldeos, das Dominicanas de Santa Catarina de Siena, e das Irmás Caldeas Fillas de María Inmaculada.

Historia O Sínodo Patriarcal de xuño de 1960 decidiu a creación da eparquía, que foi estabelecida polo papa Xoán XIII o 24 de outubro de 1960 coa bula Splendida Orientalis, en territorios do patriarcado de Babilonia.

Liturxia A diocese ten algunhas festividades e conmemoracións específicas: a festa do mosteiro de Rabban Hormisdas, a festa do mosteiro da Nosa Señora das Sementes, a festa do mosteiro de Mar Oraha, e as festas de santo Abdixu, san Mikha e san Qardag.

Estatísticas Entre 1970 e 1990 os fieis da eparquía eran arredor de 13.000. A partir de entón, a poboación medrou ao longo dos anos até chegar aos máis de 32.000 católicos en 2009. Dende entón, a persecución relixiosa e o éxodo da poboación fixeron baixar os números, até os 6.500 fieis en 2022.

Bispos Abd Al-Ahad Sana (20 de decembro de 1960 - 3 de decembro de 2001, retirado) Mikha Maqdasi (3 de decembro de 2001 - 8 de outubro de 2022, nomeado bispo auxiliar de Bagdad) Bulus Zabit Habib (dende o 8 de outubro de 2022)

Notas

Alqux Alqux Categoría:Eparquías católicas