Nizar Tawfiq Qabbani (en ), nado o 21 de marzo de 1923 e finado o 30 de abril de 1998, foi un diplomático, poeta, escritor e editor sirio, considerado o poeta nacional do seu país. O seu estilo combina a simplicidade e a elegancia na exploración de temas como o amor, o erotismo, a relixión e o apoderamento árabe contra o imperialismo estranxeiro e os ditadores locais. Qabbani é unha das figuras literarias máis reverenciadas do mundo árabe. Entre os seus familiares, atópanse Abu Khalil Qabbani, Sabah Qabbani, Rana Qabbani e Yasmine Seale.

Traxectoria Primeiros anos Nizar Qabbani naceu na capital de Siria, Damasco, nunha familia de mercadores de clase media. Criouse nun dos barrios da cidade vella de Damasco, e entre 1930 e 1941 estudou nunha escola dirixida por Ahmad Munif al-Aidi, un amigo do seu pai. Posteriormente, cursou Dereito na actual Universidade de Damasco, de onde se graduou en 1945.

Durante a súa etapa universitaria escribiu a súa primeira escolma de poemas, titulada Qālat lī al-samrāʼ ("Díxome a morena", 1944). A presenza de alusións sexuais nalgúns versos causou polémica. Por iso, Qabbani ensinou o libro a Munir al-Ajlani, o ministro de educación, quen era amigo de seu pai e un importante líder nacionalista. A al-Ajlani gustáronlle os poemas, polo que redactou un prefacio para o libro.

Carreira diplomática Despois de graduarse en Dereito, Qabbani traballou para o Ministerio de Asuntos Exteriores sirio como cónsul ou delegado cultural en diversas capitais, como Beirut, O Cairo, Istanbul, Madrid ou Londres. En 1959, tras a formación da República Árabe Unida, Qabbani foi nomeado vicesecretario das embaixadas da China. Durante as súas estancias no estranxeiro, Qabbani continuou a escribir a súa literatura. Continuou traballando en política até a súa dimisión en 1966.

Matrimonios Qabbani casou dúas veces. A súa primeira esposa foi a súa curmá Zahra Aqbiq, coa que tería dous fillos: unha nena, Hadba, e un neno, Tawfiq. Este finaría dun ataque ao corazón aos 22 anos, mentres vivía en Londres. Qabbani escribiu na súa memoria nun célebre poema. Pola súa banda, Habda, nada en 1947, faleceu en 2009. Zahra Aqbiq finou dous anos antes que a súa filla, en 2007.

O seu segundo matrimonio foi cunha mestra iraquí, Balqis al-Rawi, a quen coñeceu nun recital de poesía en Bagdad. Balqis al-Rawi foi asasinada o 15 de decembro de 1981 no atentado contra a embaixada de Iraq en Beirut, durante a guerra civil libanesa. Xuntos tiveran un fillo, Omar, e unha filla, Zainab. Tras o pasamento de al-Rawi, Qabbani non volveu casar.

Pasamento Tras a morte da súa segunda esposa, Qabbani abandonou Beirut. Viviu en Xénova e París, até que finalmente se aveciñou en Londres, onde pasaría os derradeiros quince anos da súa vida. No exilio, Qabbani continuou a escribir polémicos poemas políticos. Qabbani faleceu aos 75 anos dun ataque ao corazón, o 30 de abril de 1998. No seu testamento, expresou o seu desexo de ser soterrado en Damasco, que describiu como "o útero que me ensinou poesía e creatividade, e me concedeu o alfabeto de Jasmine".

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Alumnos da Universidade de Damasco Categoría:Finados en 1998 Categoría:Nados en 1923 Categoría:Poetas de Siria Categoría:Escritores en lingua árabe Categoría:Nados en Damasco