Elyse Morgan Bennett, nada en Lake Forest (Illinois, Estados Unidos) o 27 de decembro de 1999, é unha futbolista estadounidense que xoga como dianteira no Deportivo da Coruña, da Primeira División.
Traxectoria Naceu en Lake Forest (Illinois), sendo filla do exfutbolista e adestrador Edgar Bennett. Criouse en Green Bay, onde practicou varios deportes durante a súa xuventude, antes de comezar co fútbol na escola secundaria.
En 2017, despois de se recuperar dunha rotura do ligamento cruzado anterior, matriculouse na Washington State University para ingresar no seu equipo de fútbol feminino. Fíxose coa titularidade na dianteira na súa segunda tempada, antes de sufrir unha segunda rotura de ligamento cruzado anterior. Militou cinco anos no equipo, disputando un total de 93 partidos, o que a converteu no seu momento na segunda xogadora con máis encontros na historia do conxunto universitario.
No Draft da NWSL de 2022 foi a primeira elección do Kansas City Current (e sétima en total), co que asinou o seu primeiro contrato profesional.
O 11 de xaneiro de 2023 fichou polo OL Reign de Seattle, que pagou uns 150.000 dólares polo seu traspaso. Con este equipo accedeu aos playoffs da NWSL, onde venceu ao Angel City FC e ao San Diego Wave FC, antes de perder na final contra o NJ/NY Gotham FC.
O 15 de decembro de 2023, os Utah Royals seleccionárona como a súa primeira opción (e segunda xeral) no Draft de expansión da NWSL de 2024. Dous días despois foi traspasada ao San Diego Wave FC Debutou co club californiano saíndo de titular na vitoria por 1-0 contra o Gotham na NWSL Challenge Cup, conseguindo así o primeiro título da súa carreira. Disputou 14 partidos de liga na súa única tempada co San Diego Wave.
Deportivo da Coruña O 3 de febreiro de 2025 asinou co Deportivo da Coruña, da Primeira división española.
Notas
Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Illinois Categoría:Futbolistas dos Estados Unidos de América Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino