Robert Emerson Lucas, Jr., nado en Yakima o 15 de setembro de 1937 e finado en Chicago o 15 de maio de 2023, foi un economista estadounidense coñecido sobre todo como un dos autores da teoría das expectativas racionais.
Foi profesor da Universidade de Chicago e, en 1995, foi galardoado co Premio Nobel de Economía.
Traxectoria Graduouse en historia en 1959 e obtivo o doutoramento en economía en 1964, ambos os títulos pola Universidade de Chicago. Deu clases na Universidade Carnegie Mellon ata 1975, cando regresou á Universidade de Chicago.
Está considerado un dos economistas máis influentes da década de 1970. A súa principal achega foi no campo da teoría macroeconómica, ao introducir fundamentos microeconómicos para xustificar os modelos macroeconómicos. É coñecido especialmente polas súas investigacións sobre as implicacións da asunción das expectativas racionais. Defendeu unha visión do ciclo económico como un equilibrio dinámico. Desenvolveu a coñecida Crítica de Lucas sobre a política económica, que sostén que as relacións entre parámetros aparentemente estables, coma inflación e desemprego, poden cambiar en resposta á política económica. Tamén contribuíu ao desenvolvemento do modelo das illas de Lucas, que propón que a poboación pode ser enganada mediante a política monetaria.
Contribucións
Expectativas racionais Lucas (1972) incorporou a idea das expectativas racionais nun modelo dinámico de equilibrio xeral. Os axentes do seu modelo actúan racionalmente: con base na información dispoñible, forman expectativas sobre prezos e cantidades futuras, e toman decisións para maximizar a utilidade esperada ao longo da súa vida. Esta teoría achega unha base para a visión de Milton Friedman e Edmund Phelps sobre a neutralidade a longo prazo do diñeiro e explica a correlación entre produción e inflación, representada pola curva de Phillips. A neutralidade do diñeiro foi recentemente cuestionada mediante técnicas econométricas, mesmo por autores próximos ao modelo.
Crítica de Lucas En 1976, Lucas puxo en dúbida os fundamentos da macroeconomía tradicional (dominada polo keynesianismo), argumentando que un modelo macroeconómico debía construírse coma unha versión agregada dos modelos microeconómicos. A Crítica de Lucas sostén que as relacións económicas aparentemente estables poden romper cando cambian as políticas, xa que os axentes se adaptan ás novas regras. Esta idea deu lugar á nova macroeconomía clásica e ao desenvolvemento de modelos macroeconómicos con microfundamentos.
Outras contribucións Tamén desenvolveu unha teoría da oferta segundo a cal se pode enganar á xente cunha política monetaria non sistemática. Xunto con Hirofumi Uzawa, creou o modelo Uzawa–Lucas sobre a acumulación de capital humano.
Outra das súas achegas é o coñecido "paradoxo de Lucas" (1988), no que se pregunta por que non flúe máis capital dende os países desenvolvidos cara aos países en desenvolvemento. Esta contribución resultou fundamental na literatura sobre crecemento económico e desenvolvemento. Xunto con Paul Romer, anunciou o nacemento da teoría do crecemento endóxeno, marcando un rexurdimento da investigación sobre o crecemento nas décadas de 1980 e 1990.
Realizou achegas tamén á economía do comportamento e forneceu unha base intelectual para comprender as desviacións da lei do prezo único, atribuídas á irracionalidade dos investidores.
En 2003, aproximadamente cinco anos antes da Gran Recesión, Lucas declarou que "o problema central de previr unha depresión está resolto, para todos os propósitos prácticos, e leva resolto moitas décadas". Non obstante, advertiu que esa afirmación referíase a unha depresión económica coma a dos anos 1930, non a unha recesión ordinaria.
Vida persoal
Lucas casou coa súa compañeira de estudos da Universidade de Chicago, Rita Cohen. O matrimonio tivo dous fillos: Stephen (nado en 1960) e Joseph (nado en 1966).
Lucas e Cohen divorciáronse na década de 1980. O acordo de divorcio incluía unha cláusula pola que Cohen tería dereito á metade do premio Nobel no caso de que lle fose concedido antes do 31 de outubro de 1995, como finalmente aconteceu.
Tras divorciarse de Cohen, Lucas casou con Nancy Stokey. A parella colaborou en traballos sobre teoría do crecemento, facenda pública e teoría monetaria.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Nova economía clásica
Ligazóns externas
Biografía de Robert Lucas na web do Premio Nobel (en inglés)
Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 2023 Categoría:Nados en Yakima Categoría:Premio Nobel de Economía Categoría:Alumnos da Universidade de Chicago Categoría:Profesores da Universidade de Chicago