miniatura|Cartel promocional de Hamilton en Londres Hamilton: An American Musical é un musical biográfico sobre o tesoureiro estadounidense Alexander Hamilton escrito por Lin Manuel-Miranda e inspirado na biografía Alexander Hamilton de Ron Chernow. A obra debutou en febreiro de 2015 en off-broadway, e máis tarde o mesmo ano trasladouse ó Teatro Richard Rodgers de Broadway.

Traxectoria

Produción e creación (2008-2014) Lin-Manuel Miranda comezou a escribir Hamilton en 2008 tras ler a biografía Alexander Hamilton do escritor estadounidense Ron Chernow. O 12 de maio de 2009, ó ser convidado á Casa Branca polo presidente Obama para interpretar unha canción do seu recente éxito In The Heights, Miranda interpretou por primeira vez en público a canción Alexander Hamilton, canción que abre o musical. En 2013, interpretouse no Vassar College unha versión preliminar de The Hamilton Mixtape, en 2014 fíxose unha actuación no 52nd Street Project na que participaron a maioría dos actores de Broadway.

Off-broadway (2015) O 17 de febreiro de 2015, Hamilton debutou oficialmente no Teatro Público de Nova York. O musical off-broadway contaba con cancións que foron eliminadas na produción final que se conserva actualmente, coma No John Trumbull, Congratulations, Let It Go ou Dear Theodosia (Reprise), outras foron readaptadas ou acurtadas, por exemplo Schuyler Defeated, The Adams Administration, One Last Ride (coma One Last Time) e Ten Things One Last Thought (coma The World Was Wide Enough)

Broadway (2015 - actualidade) O 13 de xullo de 2015, Hamilton fixo o seu debut no teatro Richard Rodgers de Broadway, onde tamén se albergara o musical previo de Lin-Manuel Miranda, In The Heights. O musical ten 47 cancións divididas en dous actos, aínda que o álbum oficial non inclúe Tomorrow There'll Be More Of Us (Laurens Interlude). Unha gravación de 2016 publicouse en Disney+ o 3 de xullo de 2020 co elenco orixinal de Broadway.

Trama

Acto I O musical comeza co vicepresidente Aaron Burr presentando a Alexander Hamilton na canción homónima coma un "bastardo, orfo, fillo dunha prostituta e un escocés", Burr relata a vida temperá de Hamilton, quen naceu en San Cristovo e Nevis e emigrou a Nova York. Ao chegar á cidade, Hamilton atópase cara a cara con Aaron Burr, quen lle dá o consello de "falar menos e sorrir máis", nun bar coñecen a Marqués de La Fayette, Hercules Mulligan e John Laurens, quen se introducen mediante unha improvisación. En My Shot, cada un dos cinco personaxes relata as súas ambicións, e vólvense amigos, Hamilton ti que "non vai desperdiciar a súa oportunidade".

Aaron Burr introduce ás irmás Schuyler, Angelica, Eliza e Peggy. Despois disto, aparece o bispo Samuel Seabury, con quen Hamilton debate sobre a revolución, ambos son silenciados polo Rei Xurxo III do Reino Unido, quen di que Estados Unidos arrepentiríase se tenta independizarse. Durante a guerra de Independencia, as tropas americanas son minoría, preséntase ó xeneral George Washington quen contrata a Hamilton coma a súa "man dereita", é dicir, secretario.

En 1780, Burr e Hamilton van a unha festa de inverno onde Hamilton coñece a Angelica Schuyler, quen presenta a Alexander á súa irmá, Eliza, con quen casa. Porén, Angelica volve contar a historia de amor entre Eliza e Alexander, pero recalcando que ela tamén amaba a Alex e nunca estaría "satisfeita". Mulligan, Lafayette e Laurens reencóntranse con Hamilton tras a súa voda, cando aparece Burr no encontro, revela que el tamén está namorado dunha muller, quen xa estaba casada cun oficial británico. Burr procede a relatar a historia dos seus pais, como el buscou protexer o seu legado, pero mentres Hamilton crece socialmente, el "agarda", e dígnase a esperar ata que lle chegue a oportunidade.

Hamilton volve á guerra, relata que están en condicións precarias, tendo que comer os seus propios cabalos, e aínda que é o secretario de Washington, quere estar no campo de batalla, pero Washington dálle o mando das tropas a Charles Lee, que tras unha derrota humillante na batalla de Monmouth empeza a falar mal de Washington coma xeneral. Alexander non acepta isto, pero como non pode desobeceder ordes, é Laurens quen se enfronta a Lee nun duelo, onde Laurens dispara a Lee. George Washington ó decatarse enfádase con Hamilton, a quen tras unha discusión acaba mandando de volta á súa casa. Alí descobre que Eliza está embarazada. Tras avances na guerra de independencia, Lafayette dille a Washington que para gañar precisan de volta a Hamilton. O xeneral recruta a Alex de novo. Coa axuda de Mulligan coma espía, Lafayette, Laurens e Hamilton triunfan na batalla de Yorktown, dando fin á guerra de independencia dos Estados Unidos. O rei Xurxo III reaparece, dicindo que Estados Unidos fracasaría porque non saberían gobernarse.

Xa tras a guerra, Burr e Hamilton céntranse nos seus respectivos fillos, Phillip Hamilton e Theodosia Burr. Alexander recibe unha carta anunciando a morte de John Laurens. Tras isto, Hamilton decide volver ó traballo. Burr e Hamilton fanse avogados en Nova York. Ambos defenden a Levi Weeks no primeiro xuízo por asasinato dos Estados Unidos. Hamilton é escollido para a convención constitucional, onde propón a súa propia forma de goberno. Hamilton pide axuda a Burr para apoiar a nova constitución, pero Burr rexeita porque está "agardando" polo seu momento. Alexander Hamilton acaba colaborando con James Madison e John Jay para escribir os Papeis Federalistas defendendo a constitución, Hamilton escribe 51 dos 85 ensaios. Angelica marcha a Londres e Eliza pídelle a Hamilton que pase máis tempo na casa coidando de seu fillo, pero Washington ofrécelle ser o tesoreiro do estado, ó que Alexander reitera que "non vai desperdiciar a súa oportunidade". A última canción do primeiro acto, Non-Stop, repite moitos motivos presentes durante o primeiro acto, entre eles, motivos procedentes das cancións Satisfied, Helpless, Wait for It, History Has Its Eyes On You, Alexander Hamilton e My Shot.

Acto II O acto comeza con Aaron Burr presentando a Thomas Jefferson, quen volve ós Estados Unidos tras axudar na revolución francesa, nada máis volver, Washington escólleo coma secretario de estado, James Madison dille a Jefferson que o plan de Hamilton é control de goberno. Jefferson e Hamilton teñen unha "batalla de gabinete", onde Jefferson quéixase das taxas impostas polo norte, ao que Hamilton responde dicindo que o sur prospera só pola escravitude. Washington fala con Hamilton para dicirlle que de non consegue aprobación constitucional perderá o seu traballo. Hamilton comeza a traballar día e noite, ignorando o aniversario do seu fillo Phillip e a visita de Angelica. A falta de soño e desesperación de Hamilton lévano a cometer o maior erro da súa traxectoria. Cando unha muller chamada Maria Reynolds visítao, dicindo que o seu home abusa dela, Alexander dálle apoio económico, pero é persuadido e acaba tendo relacións con ela. Cando o seu home, James Reynolds decátase, extorsiona a Hamilton, dicindo que de non pagarlle, escribiríalle a Eliza. Hamilton cae na extorsión.

Nervioso polo sucedido, Hamilton participa no Compromiso de 1790 e dá ó sur o control da capital, que se move a Washington D.C., mentres que Nova York toma control dos bancos. Dende o punto de vista de Burr, el non ten autoridade ningunha nas decisións que se toman, porque "ninguén máis estaba na habitación onde ocorre", Alexander dille que "un recibe amor e odio, pero non recibe nada se está agardando", ríndose da súa frase característica (wait for it). Neste momento Burr decide que vai deixar de agardar e vai comezar a actuar.

Na canción seguinte, Burr toma o escano do senado do pai de Angelica e Eliza, Phillip Schuyler. Hamilton confronta a Burr, dicindo que cambiou de partido para quitarlle o escano ó seu sogro, pero Burr di que só tomou a oportunidade que viu. Despois diso, Jefferson e Hamiton teñen outra batalla de gabinete, na que discuten sobre o apoio a Francia, Thomas defende apoialos, pero Hamilton di que o tratado foi co rei, quen estaba xa morto. Washington concorda con Hamilton, ó que Jefferson lle di que "non é ninguén sen Washington detrás del". Burr, Madison e Jefferson deciden que se seguen os cartos gastados por Hamilton, poderían atopar algo que poida sacar a Alex da súa posición de poder mediante a perda de honor. Washington chama a Alexander para dicirlle que non vai presentarse a presidente nas seguintes eleccións. Tras a súa despedida, aparece o rei Xurxo III por terceira e derradeira vez, dicindo que John Adams non sería quen de gobernar o país.

Tras conflitos internos no partido federalista despois da elección de Adams, Hamilton publica unha carta aberta que arruina a súa reputación. Burr, Madison e Jefferson cuestionan a Hamilton por máis de $1000 pagados a un Sr. James Reynolds en 1791. Hamilton dilles que non gastou diñeiro público, que calculou os pagamentos para non gastar "un só centavo que non fose seu", para maiores probas, ensínalle a carta de Reynolds, e no proceso descobre o seu amorío con Maria. Hamilton considera que toda a súa reputación conseguiuna escribindo, e cre que se escribe con toda honestidade sobre o escándalo de Maria, podería salvarse das acusacións de especulación de cartos. Ó publicar o Panfleto de Reynolds, destrúe a súa reputación e todas as súas posibilidades na presidencia. Angelica dille que "poñan o seu a un lado" e Eliza nun momento de ira queima todas as cartas que Alexander lle escribiu.

Neste punto da historia, Phillip Hamilton xa ten 19 anos, tras unha provocación sobre o seu pai, enfróntase nun duelo a George Eacker, onde recibe un tiro antes de chegar ós dez pasos establecidos. Malia os esforzos do doutor, Phillip morre. Nun momento de tristeza para Alexander e Eliza, ambos reconcílianse, Hamilton tenta vivir unha vida tranquila.

Nas eleccións de 1800, Hamilton intenta manter a neutralidade, pero no último momento decántase por Jefferson antes que Burr, e Jefferson acaba gañando as eleccións grazas ó apoio de Hamilton. Burr tómao como un insulto ó seu honor, e tras unha discusión escrita, Burr reta a Hamilton a un duelo. Hamilton escríbelle unha derradeira carta a Eliza. Hamilton non quere matar a Burr, e decídese por apuntar a súa pistola ó ceo. Burr, enfurecido e paranoico, pensa que Hamilton quere matalo, que levou lentes ó duelo para disparar contra el. No momento do duelo, Alexander pensa en toda a xente próxima a el que morreu: Laurens, Phillip, Washington e a súa nai. No seu momento final non dispara. Cando Burr preme no gatillo arrepíntese de inmediato, conforme pasan os anos, a súa carreira deteriórase e decátase que "o mundo era suficientemente grande para os dous".

A canción The World Was Wide Enough, que conta o duelo Hamilton-Burr, dunha forma similar a Non-Stop no primeiro acto, repite unha inmensa variedade de motivos musicais e líricos da obra, entre eles partes de One Last Time, Yorktown (The World Turned Upside Down), My Shot, Schuyler Sisters, Ten Duel Commandments, Wait For It, e Aaron Burr, Sir. As últimas palabras de Hamilton no musical, "Raise a glass to freedom" están directamente parafraseadas de The Story of Tonight.

O número final Who Lives, Who Dies, Who Tells Your Story céntrase no legado de Hamilton. Jefferson e Madison, a pesar de odiar a Hamilton en vida, recoñecen o traballo posto nos sistemas financiais de Hamilton. Eliza dedica toda a súa vida a rememorar a Alexander, entrevistando soldados que loitaron con el e tentando entender os seus escritos. Abre o primeiro orfanato privado de Nova York para que nenos orfos coma Alex crezan en condicións dignas. O musical remata con Eliza mirando ó público, decatándose que o legado de Alexander Hamilton aínda vive a día de hoxe en Broadway, na súa cidade natal de Nova York.

Elenco