Converxencia de Independentes de Padrón (CIPa) foi un partido político galego de centro de ámbito local de Padrón creado en 1995.

Historia Xurdiu trala marcha de Converxencia Nacionalista Galega (CNG) de Eloy Rodríguez Carbia, formación coa que concorreu como candidato á alcaldía en Padrón nas eleccións municipais de 1991, para incorporarse a unha nova agrupación política constituída por independentes de Padrón no ano 1995 co propósito de presentarse nos seguintes comicios municipais. Eloy Rodríguez Carbia foi elixido como o candidato da formación á alcaldía. Nas eleccións municipais de 1995 obtivo dous concelleiros, ó igual que nos comicios de 1999 e nas eleccións de 2003, revalidando o PP o goberno con maioría absoluta durante este período.

Nas eleccións municipais de 2007 logrou tres concelleiros, o que propiciou un acordo co PSdeG-PSOE, tamén con tres concelleiros, para formar un goberno de coalición ó perder o PP a maioría absoluta, contando co apoio do BNG e o Partido Galeguista de Padrón. Foi elixido alcalde o candidato do PSdeG-PSOE Camilo Forján Seoane, namentres Rodríguez Carbia foi nomeado tenente de alcalde e concelleiro de cultura e turismo. Canto ó reparto de concellerías, a CIPa asumiu responsabilidades en cultura, turismo e casco histórico, a oficina de rehabilitación, reforma urbana, vías e obras na zona rural, a comisión provincial de urbanismo e mais a política lingüística. No ano 2009 Rodríguez Carbia presentou a renuncia a todos os seus cargos no concello desconforme co funcionamento da administración municipal, renuncia que non se consumou, logrando os integrantes do goberno municipal alcanzar un compromiso para continuar ata o final do mandato.

Nas eleccións municipais de 2011 presentouse novamente Eloy Rodríguez Carbia como o candidato da formación á alcaldía, logrando un concelleiro, conseguindo recuperar a alcaldía o PP tras acadar un pacto co Partido Galeguista. Nas eleccións municipais de 2015, con Rodríguez Carbia á cabeza, obtivo un concelleiro ó igual que nos comicios anteriores, gobernando o PP en minoría. Non compareceu ás eleccións municipais de 2019, incorporándose Eloy Rodríguez Carbia como o candidato de CxG á alcaldía de Padrón.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Padrón

Categoría:Padrón Categoría:Partidos políticos desaparecidos de Galicia