José Antonio Etxebarrieta Ortiz, nado en Bilbao o 3 de abril de 1940 e finado na mesma cidade o 3 de abril de 1973, foi un avogado español e dirixente de ETA, irmán de Txabi Etxebarrieta.

Traxectoria Militante de EGI, en 1958 foi detido por primeira vez cando repartía panfletos en Begoña e encarcerado dous meses en Larrinaga. Unha vez liberado, marchou a París, onde tivo duros enfrontamentos coa dirección do Partido Nacionalista Vasco, o que o levou a contactar con ETA.

O verán de 1963 caeu gravemente enfermo e foille diagnosticada unha "mielite transversa de medula espiñal", unha rara enfermidade provocada pola inflamación da medula espiñal. Durante tres anos estivo completamente paralizado e pasou grandes tempadas ingresado nun sanatorio, onde recibía frecuentes visitas do seu irmán Txabi. Durante a convalecencia leu clásicos marxistas, especialmente a Lenin. En 1966 empezou a camiñar con muletas e preparou para a V Asemblea o Informe Txatarra. Este converteuse na base argumental para expulsar de ETA o sector que logo se transformou no Movemento Comunista de Euskadi (EMK).

Dentro de ETA ocupouse da redacción da publicación Zutik. Con motivo do proceso de Burgos encargouse da defensa de Xabier Izko de la Iglesia, acusado de ser o autor material da morte de Melitón Manzanas. En 48 horas redactou os 80 folios de alegacións contra a acusación que pesaba sobre Izko. Posteriormente colaborou con Gisèle Halimi na elaboración do libro que esta escribiu sobre o proceso.

En marzo de 1973 tivo un súbito agravamento da súa enfermidade. Con todo, participou na defensa de militantes de ETA ante un novo consello de guerra. Morreu o 3 de abril dese mesmo ano.

Véxase tamén

Bibliografía

Jean Chalvidant, ETA: l'enquête, Ed. Cheminements, ISBN 2-84478-229-9 Jacques Massey, ETA: histoire secrète d'une guerre de cent ans, Ed. Flammarion, ISBN 978-2-0812-0845-2

Outros artigos Proceso de Burgos

Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Membros de ETA Categoría:Finados en 1973 Categoría:Nados en 1940